Unha das preguntas recorrentes ao presidente Feijóo nas roldas de prensa posteriores a cada reunión semanal do Goberno galego (o Consello da Xunta) viña sendo, nos últimos anos, a das súas aspiracións na política estatal, agora novamente aparcadas. Pero ese non foi o único elemento informativo que permitiu afastar do foco neste tempo outros problemas galegos, xa que nesas comparecencias semanais o propio Goberno galego ten na súa man un recurso, a divulgación de informes propagandísticos, que contribúe a orientar a axenda mediática segundo os seus intereses.
Os informes cos que o presidente introduce nas súas comparecencias asuntos do seu interese pasaron dunha media de 3 en cada reunión do seu executivo na primeira lexislatura a 4,1 na actual
Nas roldas de prensa posteriores a cada Consello da Xunta (e no listado de asuntos supostamente tratados nas reunións que divulga posteriormente o Goberno galego) hai anos que todos os presidentes adoitan non só referirse aos proxectos de lei, decretos ou acordos aprobados neses encontros senón tamén a supostos informes, documentos que, ao contrario que as anteriores figuras legais, non requiren dun traballo xurídico previo e non teñen nin que ser aprobados formalmente. Eses informes, que teñen a mesma validez legal que unha nota de prensa, veñen sendo usados polo presidente de cada momento para introducir el mesmo na súa comparecencia algún tema sobre o que lle interese pronunciarse orientando así a axenda política e informativa. Se durante a súa primeira lexislatura o presidente Feijóo recorreu a unha media de 3 deses informes propagandísticos por reunión do seu Goberno, no que vai desta terceira a media ascende a 4,1, un 35% máis.
Os informes, que poden mesmo ser orais, adoitan ser divulgados polo Goberno galego como acordos formais, malia que ningunha medida con efecto real sobre a poboación requira da súa aprobación. En ocasións son aproveitados para que o presidente se pronuncie sobre acordos de rango inferior adoptados polos seus conselleiros que non terían que pasar pola reunión semanal do Goberno galego pero que así permiten ao titular da Xunta ligar esas decisións á súa propia figura. Non é que as medidas que se citan nos informes sexan todas mentira ou non existan, senón que non foron aprobadas polo Consello da Xunta no que se publicitan, o que lles confire o seu carácter de propaganda política vinculada á figura do propio presidente.
Durante os gobernos de Manuel Fraga chegou a haber reunións do Consello da Xunta nas que se divulgaron máis dunha vintena de informes
Todos os presidentes galegos empregaron estes informes de autobombo, xa sexa para tapar a falta de contido real e acordos formais das súas reunións, especialmente en épocas de crise económica, ou para afastar a atención mediática doutras cuestións conflitivas. Durante os gobernos de Manuel Fraga chegou a haber reunións do Consello da Xunta nas que se divulgaron máis dunha vintena de informes. O bipartito de PSdeG e BNG reduciu entre 2005 e 2009 o seu uso a menos de un por Consello, pero Feijóo vén empregándoos de xeito crecente desde que chegou á Xunta en 2009.
Hai casos en que os informes si teñen rango legal, principalmente os que dan conta ao Consello da Xunta de gastos de emerxencia realizados previamente por unha consellería e que deben ser convalidados a posteriori polo Goberno, pero estes e outros casos similares son unha excepción minoritaria. Descontando eses casos, na primeira lexislatura de Feijóo, entre 2009 e 2012, os 176 Consellos da Xunta celebrados divulgaron un total de 529 informes, a unha media de 3 informes por reunión e rolda de prensa. Na segunda lexislatura, entre 2012 e 2016, os 181 Consellos divulgaron 634 informes, a unha media de 3,5 informes. E nesta terceira lexislatura iniciada a finais de 2016, na que se levan celebrados 79 consellos, os informes son xa 324, a 4,1 de media. O récord durante os mandatos de Feijóo produciuse no Consello do 4 de maio de 2016, cando se divulgaron 10 informes, mentres que noutros seis consellos celebrados nestes nove anos divulgáronse oito informes en cada un deles.
Decisións formais ocultadas
Ao tempo que foi incrementando o número de informes propagandístico sen contido legal real, o Goberno galego vén ocultando outras medidas concretas si aprobadas nesas reunións do Consello da Xunta e con validez xurídica
Ao tempo que foi incrementando o número de informes propagandístico sen contido legal real, o Goberno galego vén ocultando outras medidas concretas si aprobadas nesas reunións do Consello da Xunta e con validez xurídica. Nin o presidente Feijóo nas súas roldas de prensa nin a Xunta no listado de asuntos aprobados que divulga todas as semanas incluíu decisións polémicas que só se coñeceron días ou mesmo meses máis tarde a través de investigacións xornalísticas. Así ocorreu con 13 acordos adoptados en secreto entre 2013 e 2017 polos que a Xunta recorreu ao fondo de continxencia por importe duns 280 millóns de euros para atender gastos non previstos nos seus orzamentos, que previamente eloxiara como "realistas". Malia o elevado da cantidade, e que chegou a haber reunións do Consello nas que os acordos realmente aprobados non implicaron gastos superiores a 150.000 euros, o Goberno galego non informou desas millonarias decisións que revelaban a súa propia imprevisión.
Tampouco informou o Consello da Xunta da súa decisión de perdoar a finais de 2011 unha multa de tres millóns de euros ao promotor inmobiliario e alcalde popular de Sanxenxo Telmo Martín. Como tampouco o fixo da decisión de non levar a xuízo á empresa Brenntag por un vertido contaminante no río Umia. Co mesmo segredo de cara aos medios de comunicación ao tempo que divulgaba informes propagandísticos sen contido, a Xunta tamén autorizou nas súas reunións semanais a regularización de vivendas e piscifactorías ilegais, incrementou taxas ou impulsou polémicos proxectos urbanísticos.