Un rexistro pechado da Xunta impide coñecer as empresas vetadas para ter contratos públicos

O rexistro de contratistas da Xunta impide coñecer a lista de empresas con prohibición de contratar coas administracións en Galicia CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A Oficina Independente de Regulación da Contratación censura as dificultades para controlar que as administracións galegas non contraten con empresas prohibidas e insinúa que os incumprimentos non se sancionan nin divulgan o suficiente 

A lei establece que empresas condenadas ou sancionadas por delitos ou incumprimentos en materia laboral, de competencia ou por non estar ao día coa Seguridade Social teñen prohibido contratar con administracións públicas nos ámbitos territoriais e prazos que se establezan en cada sanción. Unha prohibición que tamén pode aplicarse a empresas que obstaculizasen previamente outros contratos públicos

Esas prohibicións deben inscribirse no rexistro estatal ou nos autonómicos alá onde os haxa, como é o caso de Galicia. Pero a Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación (Oirescon) considera que o da Xunta é opaco e insinúa que se inscriben nel e noutros rexistros autonómicos menos prohibicións das que se debera.

Informe da Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación (Oirescon) no que pide á Xunta transparencia co rexistro de empresas con prohibición de contratar coas administracións en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

As prohibicións para contratar poden establecerse por sentenza xudicial pero tamén por resolución administrativa. Neste segundo caso as empresas afectadas poden recorrelas ante a xustiza, e se non o fan ou as sentenzas as ratifican teñen a mesma validez. A lei establece que cando esas prohibicións de contratar sexan firmes deben "comunicarse sen dilación para a súa inscrición" no rexistro estatal de licitadores "ou o equivalente no ámbito das Comunidades Autónomas, en función do ámbito da prohibición de contratar e do órgano que a declarase". 

"Por cuestión de transparencia debera ser un acceso público", di sobre o rexistro da Xunta a oficina independente de control da contratación, que constata que Euskadi, Andalucía ou Comunitat Valenciana si revelan as listaxes de empresas con prohibición de contratar

Así que habendo moitas máis administracións de ámbito inferior ao estatal que estatais os rexistros autonómicos, alá onde os hai, como é o caso de Galicia, deberan resultar de maior uso para máis administracións afectadas. Pero no caso galego a súa opacidade impide comprobar a súa utilidade, segundo a Oirescon, que así o vén reflectindo nos seus informes anuais, incluído o último.

Segundo a oficina independente de control, a web do rexistro galego de contratistas, dependente da Consellería de Facenda, está "ideada principalmente para proporcionar información a posibles licitadores" e "permite acceso a determinadas consultas só a contratistas ou a membros de mesas de órganos de contratación" e só "previa declaración responsable sobre este extremo". Pola contra, a Oirescon considera que "por cuestión de transparencia debera ser un acceso público". 

Web de Euskadi coas empresas con prohibición de contratar e listaxes públicas de Andalucía e a Comunitat Valenciana CC-BY-SA Praza Pública

Isto é, a diferenza do que ocorre noutras comunidades como Euskadi, Andalucía ou a Comunitat Valenciana, onde se revelan abertamente as listaxes de empresas con prohibición de contratar indicando o período de tempo e o ámbito xeográfico ou administrativo de cada caso, en Galicia, igual que pasa co rexistro estatal, as consultas só se poden facer buscando unha empresa concreta.

A análise da Oirescon detecta en xeral en todas as administracións "un número reducido de prohibicións vixentes inscritas". Conclúe que "ou ben os órganos de contratación en termos xerais non adoptan medidas disciplinarias nos procedementos ou na execución dos contratos ou ben, adoptándoas, non dan lugar aos procedementos correspondentes que suporían a imposición de prohibicións para contratar, ou, finalmente, se se impoñen, non son trasladadas aos órganos correspondentes para a súa inscrición no rexistro correspondente". 

Por iso, no caso galego a Oirescon reclama que o rexistro da Xunta sexa público. Faino "a efectos de comprobar se os órganos de contratación", isto é, calquera administración galega, "cumpren coas obrigas de comunicación que impón a normativa". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.