O Consejo de Transparencia sinala que a divulgación das incidencias na rede madrileña por elDiario.es hai un ano non causou ningún prexuízo, polo que non entende que poida facelo no Eixo Atlántico
Adif non quere que Praza.gal teña acceso ao detalle dos incidentes que se veñen rexistrando no Eixo Atlántico ferroviario, para o que vén de interpor un recurso ante a Audiencia Nacional. Porén, hai algo máis dun ano a empresa pública si facilitou datos similares a elDiario.es sobre Cercanías de Madrid. O Consejo de Transparencia estatal, que considera que a información reclamada por Praza.gal é de "interese público", quere que Adif a facilite do mesmo xeito que o fixo no caso madrileño, onde esa divulgación non provocou ningún prexuízo á empresa pública.
Se en Madrid, cun sistema ferroviario moito máis empregado, os datos revelaron que non hai un só día sen incidencias e as demoras se triplicaron na última década, Adif prefire deixar na escuridade se a situación na principal liña galega é mellor ou peor.

A petición de transparencia formulada por Praza.gal para coñecer os motivos dos incidentes que se veñen rexistrando no Eixo Atlántico e agora recorrida por Adif ante a Audiencia Nacional conta co aval do Consejo de Transparencia estatal, que considera que "existe un interese público evidente no coñecemento da información". Pero Adif oponse argumentando que recompilar esa información sería demasiado complexo e que revelala suporía un prexuízo para o sistema ferroviario español e danaría a libre competencia, malia que non a hai no Eixo Atlántico.
Se a Audiencia Nacional non acepta o recurso de Adif, deberá facilitar as incidencias no Eixo Atlántico "tomando como exemplo a información respecto das liñas de Cercanías de Madrid"
Porén, hai algo máis dun ano elDiario.es si logrou obter de Adif e publicar, tras unha petición oficial de transparencia similar, o detalle das incidencias rexistradas nas Cercanías de Madrid durante a última década. Praza.gal baseouse nos datos solicitados e obtidos por elDiario.es (detalle de días, motivos, número de trens afectados, minutos acumulados de atraso e estación ou traxecto onde se produciu o incidente) para formular unha petición similar para o caso do Eixo Atlántico e desde setembro de 2023. Isto é, para moitas menos liñas e anos que no caso madrileño. Pero Adif di que facilitar a información no caso galego é demasiado complexo e non facilita nin sequera datos parciais, como esixe a Lei de Transparencia.
Outro dos argumentos esgrimidos por Adif é que divulgar os datos suporía un prexuízo para o sistema ferroviario. Pero o Consejo de Transparencia que avala a petición de Praza.gal discrepa e remítese ao caso madrileño. "Existe un interese público evidente no coñecemento da información, sen que se probase que a súa divulgación causase nas Cercanías de Madrid, onde tamén se concedeu esta información, o posible prexuízo que agora se alega".
Por iso o Consejo de Transparencia, na resolución favorable a Praza.gal que agora Adif recorre ante a Audiencia Nacional, estableceu que Adif debe facilitar os datos "tomando como exemplo a información entregada por Adif na previa resolución sobre o acceso á mesma información respecto das liñas de Cercanías de Madrid".