O Consejo de Transparencia estatal avala o "interese público" dunha petición oficial deste diario para coñecer as incidencias na principal liña de tren galega, pero o ente público do Ministerio de Transportes litiga para manter os datos ocultos
Adif, ente público xestor das liñas ferroviarias estatais dependente do Ministerio de Transportes, quere que a Audiencia Nacional impida a Praza.gal revelar os reiterados incidentes que se veñen rexistrando no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo desde hai un par de anos. Tras unha petición oficial de transparencia rexeitada por Adif, este diario obtivo unha resolución do Consejo de Transparencia estatal que recoñeceu o dereito a recibir os datos solicitados xa que "existe un interese público evidente no coñecemento da información". Porén, Adif presentou un recurso contra esa resolución que está a ser xa tramitado pola Sección Séptima da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional.

A petición de transparencia de Praza.gal xurde da sucesión de incidentes e demoras que se veñen producindo nos últimos anos nos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico, a principal liña de Galicia. En outubro do pasado ano este diario solicitou o detalle desas incidencias durante o ano anterior, desde o 1 de setembro de 2023, con indicación de días, motivos, número de trens afectados, minutos acumulados de atraso e estación ou traxecto onde se produciu o incidente.
A petición tamén lembraba a posibilidade, contemplada na Lei de Transparencia, de facilitar un acceso parcial á información e que "en caso de non ter dispoñibles ningún dos detalles solicitados por requirir reelaboración" dos datos por parte de Adif, o ente facilitase algún tipo de extracto estatístico sobre os mesmos.
Adif, responsable de xestionar a rede ferroviaria, di non dispoñer dos datos solicitados e rexeitou facilitar sequera un acceso parcial á información
A petición de Praza.gal foi rexeitada por completo por Adif un mes máis tarde e este diario interpuxo recurso ante o Consejo de Transparencia estatal, que en resolución do 30 de abril deu a razón a este diario. Segundo o órgano encargado de velar pola transparencia, "existe un interese público evidente no coñecemento da información".
O Consejo de Transparencia lembra que "os datos de cada unha das incidencias nos servizos de transporte de viaxeiros de ferrocarril son de coñecemento público, con maior ou menor alcance, cando se producen" tanto por parte dos pasaxeiros afectados como polas novas que publican sobre eles os medios de comunicación. "Por iso, este Consejo considera que a denegación de acceso a unha listaxe agregada dos detalles de cada unha das incidencias ha de xustificarse de modo concreto, o que Adif non realizou", conclúe a resolución favorable a Praza.gal.
Contra esa resolución Adif presentou recurso ante a Audiencia Nacional no que entre outras cuestións argumenta que non dispón dos datos solicitados con ese nivel de detalle, o que obrigaría a reelaborar a información para ofrecela, unha das excepcións que a Lei de Transparencia contempla para que as administracións non teñan que atender unha petición de información. Nada di no seu recurso da posibilidade formulada e contemplada na lei de que se facilite un acceso parcial cun extracto estatístico ou algún dos datos se non están todos dispoñibles.
O recurso de Adif para manter oculta a información solicitada chega a dicir que a petición de Praza.gal supón un uso "abusivo" da Lei de Transparencia sen interese público, en contra do considerado polo Consejo de Transparencia.
Agora será a Audiencia Nacional a que decida se ten razón Adif na súa censura dos incidentes que se veñen rexistrando no Eixo Atlántico ou o Consejo de Transparencia na súa consideración de que é unha información de "interese público evidente", como tamén considera Praza.gal.