Dúas empresas do grupo ACS, de Florentino Pérez, amañaron un concurso do Sergas

Centro de saúde de Barreiros, un do medio cento de centros cuxa limpeza estaba incluída no concurso amañado © Concello de Barreiros

Competencia sanciónaas con 167.000 euros e prohibición de contratar con calquera administración na provincia de Lugo durante medio ano

A Comisión Galega da Competencia vén de facer pública unha sanción, avanzada por Economía Digital Galicia, a dúas empresas do grupo ACS, presidido por Florentino Pérez, por amañar un concurso de limpeza de medio cento de centros de saúde do Sergas na área sanitaria de Lugo. As empresas, Samaín Servizos á Comunidade, con sede en Vigo, e Zaintzen, con sede en Euskadi, son multadas respectivamente con 54.649 e 112.421 euros e coa prohibición de contratar servizos de limpeza con calquera administración na provincia de Lugo durante 6 e 7 meses.

Resolución da Comisión Galega da Competencia coa que sanciona dúas empresas do grupo ACS CC-BY-SA Comisión Galega da Competencia

Segundo os feitos probados relatados por Competencia as dúas empresas, do grupo Clece, á súa vez propiedade do grupo ACS, concorreron con ofertas individuais ao concurso para limpeza, desinfección e xestión de residuos de 56 centros de saúde da provincia da Lugo, cun orzamento de 5,5 millóns de euros para 3 anos prorrogables outro ano máis. Porén, segundo Competencia esas ofertas foran coordinadas previamente entre si para facilitar a exclusións doutras empresas rivais.

As dúas empresas agora sancionadas non lograron o seu obxectivo e o contrato acabou sendo gañado por Limpiezas San Froilán, pero polo camiño si lograron a exclusión por criterios técnicos doutras varias empresas que de seguiren no concurso poderían resultar adxudicatarias e rebaixar notablemente o seu custo económico para a Xunta.

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

As firmas sancionadas non recibiron o contrato pero si lograron a exclusión por criterios técnicos doutras varias empresas que de seguiren no concurso poderían resultar adxudicatarias e rebaixar notablemente o seu custo

Segundo Competencia, Zaintzen presentou unha oferta "enorme e desproporcionada" de horas adicionais de persoal especialista, o que fixo que se levase o máximo de puntuación se podía obter na valoración dese apartado do concurso. E, ao tempo, que a maioría das restantes empresas presentadas recibisen unha puntuación moi baixa, o que "implicou a expulsión, por non alcanzar o limiar de puntos mínimos, de ofertas que economicamente eran vantaxosas para o Sergas".

Iso non pasou con Samaín, que presentou unha oferta algo superior nese apartado permitíndolle seguir no procedemento de contratación. Unha actuación que Competencia considera coordinada non só por ese resultado senón tamén porque as dúas empresas presentaron ofertas coas mesmas "tipografías, formatos ou modelos da documentación", así como unha coincidencia exacta no reparto de horas ofertadas en cada centro de saúde e "incluso cos mesmos erros".

Competencia di que as empresas pretendían ter "impunidade de grupo" e certifica os "evidentes danos para as arcas públicas"

As empresas defendéronse argumentando que como integrantes dun mesmo grupo teñen dereito a empregar os mesmos formatos e know how ou coñecementos do sector. Pero Competencia cre que ese denominado "privilexio de grupo" foi convertido polas empresas nunha "impunidade de grupo".

Así que o órgano supervisor da competencia en Galicia acaba sancionando as dúas empresas porque a súa actuación "incrementou o custo que para o Servizo Galego de Saúde tivo a prestación deste servizo, cuns evidentes danos para as arcas públicas e alterou as condicións normais dese mercado, menoscabando a posibilidade do poder adxudicador de obter a prestación do servizo en condicións competitivas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.