Competencia sanciona 22 consultoras por amañar contratos en todo o Estado, un deles no Sergas

Imaxe do proxecto de innovación 'Hospital 2050' do Sergas no que a consultora Idom recibiu un contrato tras acordar a oferta con Deloitte, segundo vén de sancionar a CNMC CC-BY-SA Xunta de Galicia

A CNMC di que “non hai dúbidas” de que Idom e Deloitte se puxeron de acordo para presentar ofertas a un proxecto de innovación hospitalaria para que fose adxudicado á primeira empresa. Competencia tamén multa ás galegas Altia e Hidria por colaborar coa rede.

En decembro de 2012 o Sergas adxudicou á consultora Idom por 58.800 euros un contrato de asistencia para os seus proxectos de innovación sanitaria Innova Saúde e Hospital 2050. Segundo vén de resolver a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), no marco dunha investigación a nivel estatal sobre amaños de contratos públicos entre 22 consultoras, Idom puxérase previamente de acordo con Deloitte para que a segunda empresa presentase tamén a ese proceso de contratación unha “oferta de cobertura” que facilitase que fose Idom a finalmente adxudicataria do contrato, como así foi. Entre as 22 empresas sancionadas por Competencia no marco da súa investigación a nivel estatal tamén están as galegas Altia, do ex-presidente do Deportivo Tino Fernández, e Hidria, con sede en Vigo.

A investigación da CNMC partiu de sospeitas do servizo vasco de defensa da competencia e tras comprobarse que o amaño de contratos podía superar o ámbito de Euskadi e acadar a todo o Estado. Finalmente determinouse que 22 empresas de consultoría formaron dous cárteles, un con foco no norte e outro a nivel estatal, “que manipularon licitacións públicas durante cando menos 10 anos”, segundo Competencia. En total, as 22 consultoras implicadas veñen de ser sancionadas con 5,87 millóns de euros e varios directivos das mesmas con outros 439.000 euros. A investigación debulla as irregularidades detectadas nuns dous centos de contratos, dos que un foi o adxudicado polo Sergas.

Fragmento da investigación publicada pola CNMC sobre Idom e Deloitte CC-BY-SA CNMC

A investigación reproduce un correo dunha directiva de Deloitte que escribe a Idom dicíndolle "OK á oferta de cobertura de Galicia"

A documentación agora feita pública pola CNMC recolle un correo electrónico interno de Idom do 2 de xullo de 2012 dirixido a unha directiva da empresa, Marta Álvarez Ochoa, no que se lle di: “Hola Marta, me confirmas que podemos usar a I+b [B+I é outra das consultoras investigadas] para que hagan una oferta de cobertura para el SERGAS??”. Na súa resposta a directiva de Idom di que o falará con outro compañeiro e dous días despois unha directiva de Deloitte, Ana Andueza Amann, escribe a Idom dicindo OK a la oferta de cobertura de Galicia”.

Nas súas alegacións, Idom sostivo que non existían probas nin de que chegase a contactar con B+I nin de a que contrato “de Galicia” se refería o posterior correo de Deloitte. Porén, Competencia considera “acreditada a existencia dun contacto directo entre Idom e Deloitte no que a segunda acepta a oferta de cobertura solicitada por Idom para o contrato do Sergas, confirmándose asimesmo que ambas empresas participaron na licitación e que foi adxudicada a Idom”. 

Sobre a falta de identificación do contrato por parte de Deloitte, a CNMC engade que dispón tamén doutro correo interno de Idom da mesma data no que se indica que “Ana Andueza [a directiva de Deloitte] pediunos o título da oferta de cobertura”, e reproduce a continuación a denominación do contrato do Sergas de asistencia en materia de innovación. En consecuencia, non hai dúbidas de que o correo [...] se corresponde co contrato do Sergas identificado”.

Adxudicación do Sergas a Idom en decembro de 2012 CC-BY-SA Praza Pública

Por este e outros contratos analizados na investigación en todo o Estado, Idom recibe unha sanción de 640.000 euros e Marta Álvarez Ochoa, responsable do seu departamento de consultoría e da área de competitividade e innovación unha sanción de 12.000 euros. Pola súa banda, Deloitte foi sancionada con 3.990.000 euros e a súa apoderada Ana Andueza Amann con 55.000 euros.

As consultoras galegas Altia e Hidria foron sancionadas con 30.000 e 12.000 euros respectivamente pola súa colaboración coa rede

Entre as 22 empresas sancionadas por Competencia tamén hai dúas galegas. Altia, do ex-presidente do Deportivo Tino Fernández, con sede en Oleiros, foi sancionada con 30.000 euros por participar cunha "oferta de cobertura" para que Deloitte obtivese un contrato do Concello de Bilbao. 

Por outra banda a consultora Hidria, con domicilio social en Vigo, foi multada con 11.979 euros, tras detectar Competencia a súa participación en nove licitacións con irregularidades, principalmente de administracións da zona do Mediterráneo, das que se fixo cun contrato, o que para a CNMC "non resulta un impedimento para considerala responsable da infracción única e continuada, toda vez que coa súa conducta contribuíu ao plan común e ao obxectivo perseguido consistente en manipular as licitacións ás que se presentaban as empresas, unhas veces como solicitante de cobertura e outras veces como prestadora da cobertura solicitada".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.