Competencia di que os contactos entre as empresas facilitaron que “adoptasen políticas coordinadas sobre prezos e gandeiros, prexudicando especialmente a estes últimos, que se viron privados de liberdade para negociar o prezo”
As principais empresas lácteas galegas ou asentadas en Galicia veñen de ser sancionadas novamente pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) por intercambiarse información en prexuízo dos intereses dos gandeiros. Segundo Competencia, eses intercambios de información facilitaron que as empresas “adoptasen políticas coordinadas sobre prezos e gandeiros, prexudicando especialmente a estes últimos, que se viron privados de liberdade para negociar o prezo e escoller clientes en función do mesmo e, en definitiva, non puideron desenvolver a súa actividade en condicións de competencia”.
As sancións de Competencia en todo o Estado suman máis de 80 millóns de euros, co seguinte reparto: Corporación Alimentaria Peñasanta, 21,9 millóns; Danone, 20,3; Grupo Lactalis, 11,7; Industrias Lácteas Granada, 10,3; Calidad Pascual, 8,6; Nestlé España, 6,9 millóns; Schreiber Food España, 929.000 euros; Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña, 90.000 euros, Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, 60.000 euros e Central Lechera de Galicia, 53.310 euros. Competencia tamén sinala que nas condutas sancionadas participaron igualmente Leche Río, Feiraco, Leche Celta, Industrias Lácteas Asturianas, Forlactaria e Central Lechera Asturiana, pero a súa infracción prescribiu.
A sanción, que supera os 80 millóns de euros en todo o Estado, pon o foco en reunións no seo da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga), con sede en Lugo
A propia Comisión da Competencia especifica na súa sanción que nos intercambios de información tivo un papel propio e relevante a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga), con sede en Lugo e da que salienta que “agrupa a compañías de recollida de leite na comunidade autónoma de Galicia” acreditando que “pertencen ou pertenceron á asociación en diversos periodos: Lactalis, Nestlé, Pascual, Danone, Capsa, Leche Celta, Leche Río, Celega, Feiraco e Ilas, entre outros”.
A sanción de Competencia recolle diversos documentos e intercambios de correos no seo da asociación ou entre as empresas que forman parte dela comunicándose prezos ou estratexias
A sanción de Competencia recolle diversos documentos e intercambios de correos no seo da asociación ou entre as empresas que forman parte dela comunicándose prezos ou estratexias. “Existe abundante información manuscrita que evidenciaría o coñecemento de información estratéxica do resto de competidores, unicamente accesible se os titulares da citada información a intercambiaron previamente”, di Competencia. Nesa documentación quedaría en evidencia como as empresas se comunicaban entre si os prezos que pagaban a distintos gandeiros ou acordaban “desviar” determinadas cantidades de leite para facer leite en po e así subir os prezos.
A investigación de Competencia iniciouse en parte tras unha denuncia de Unións Agrarias formulada en setembro de 2011
A investigación de Competencia iniciouse hai oito anos, en parte tras unha denuncia de Unións Agrarias formulada en setembro de 2011 contra as empresas transformadoras e distribuidoras de leite en Galicia na que facían especial mención “á dificultade de atopar empresas alternativas ás que entregar o leite”. O procedemento sancionador xa foi resolto previamente en 2015, pero tras recursos de empresas afectadas a xustiza obrigou a Competencia a retrotraelo a unha fase previa. Agora volve dalo por rematado impoñendo as anteditas sancións.