Cal é o prezo xusto dun cartón de leite?

Presentación en Compostela da iniciativa 'Quen é o xefe?! A marca d@ consumidor/a' © SLG

Compostela acolleu este xoves a presentación en Galicia do proxecto C'est qui le patron?! La marque du consommateur / Quen é o xefe?! A marca d@ consumidor/a, unha iniciativa nacida en Francia na que os consumidores e consumidoras elixen como queren que sexan os alimentos que consumen e remuneran cun prezo xusto aos produtores e produtoras. A iniciativa, que conta co impulso do Sindicato Labrego Galego, está a dar os seus primeiros pasos no Estado Español pero xa comercializa unha vintena de produtos en Francia, onde está contribuíndo a garantir un pagamento de ata 39 céntimos por litro ás granxas.

A iniciativa xa comercializa unha vintena de produtos en Francia, onde está contribuíndo a garantir un pagamento de ata 39 céntimos por litro ás granxas

No acto, ao que asistiron medio cento de gandeiros e gandeiras, participaron a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, un dos fundadores da iniciativa en Francia, Laurent Chammade; a coordinadora do mesmo no Estado Español, Annaïck Locqueneux; e un gandeiro francés -vía Skype-, Régis Mainguy, que está a comercializar o leite que produce a través desta marca.

C'est qui le patron?! xurdiu en plena crise de prezos do sector lácteo e dous anos despois 155 granxas comercializan o seu leite a través desta marca en Francia e xa venderon máis de 107 millóns de litros. O gandeiro francés convidado, Régis Mainguy, relatou que poder vender o seu leite nestas condicións lle "virou a vida". Anteriormente traballaba para Lactalis, chegando a cobrar nos peores momentos prezos de 28 céntimos e nunca pasando dos 32. Xa hai unha lista de espera de 7.000 granxas só en Francia para incorporarse a esta marca, pero só poderán facelo na medida que se vaia incrementando a demanda da mesma para absorber novas producións

Isabel Vilalba, Annaïck Locqueneux e Laurent Chammade © SLG

Isabel Vilalba destacou "o diálogo necesario produción-consumo"

Isabel Vilalba destacou "o diálogo necesario produción-consumo". Por unha banda, foron as propias consumidoras e consumidores quen votaron como querían que fose ese leite: de orixe francesa, en réxime de pastoreo, sen transxénicos, coas forraxes mercadas nun radio inferior aos 100 quilómetros dende a granxa e cunha remuneración digna que se salda cun prezo de venda ao público de 99 céntimos. Pola súa banda, os gandeiros e gandeiras teñen un prezo base de 39 céntimos por litro, que pode subir por calidades, e a estabilidade de contratos con tres anos de duración.

O SLG lembra que a actual situación do sector leiteiro en Galicia obriga a buscar alternativas nas que se impliquen os consumidores e consumidoras, que promovan o as compras de proximidade e que garantan prezos xustos para os produtores e produtoras. Só no ano 2018 pecharon 420 granxas e o prezo medio pagado en orixe sitúase moi por debaixo da media europea: 31,5 céntimos, lonxe dos 34,85 da media dos 28 países da UE

 

Canto pagar por un litro de leite?

Un litro de leite producido de forma ética tería un prezo medio de 1,02 euros, dos que 0,48 euros irían parar ao produtor ou produtora

No Estado Español a iniciativa botará a andar con tres produtos: leite, ovos e aceite e xa está en marcha unha web na que se convida á cidadanía a votar libremente como é o leite que quere. En tan só tres semanas, xa responderon máis de 5.500 persoas.

Entre as opcións que se poden escoller están a orixe do leite (en España ou non, a menos de 150 quilómetros do consumidor ou non...), a alimentación dos animais (pastoreo ou non), o benestar e estabulación do gando (en espazos reducidos ou non), a alimentación con transxénicos ou non, o tipo de embalaxe e envasado...

Por exemplo, un litro de leite producido a menos de 150 quilómetros do consumidor, garantido o benestar animal, con alimentación libre de transxénicos e aceite de palma e cun mínimo de tres meses ao ano de pastoreo tería un prezo medio de 1,02 euros, dos que 0,48 euros irían parar ao produtor ou produtora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.