Galicia xa ten a primeira unión de gandeiros para negociar os prezos do leite

Vacas nunha explotación gandeira CC-BY Galería do Bem

A unión fai a forza e esa forza é a que queren xuntar milleiros de gandeiros galegos para negociar os prezos do leite coa industria. Aínda que son varios os sindicatos que pretenden conformar unha organización de produtores lácteos (OPL), Unións Agrarias "deu un paso á fronte" ao legalizar xa a primeira en Galicia: Unión Leiteira Galega (Ulega), con 2.254 produtores nela

"É a primeira organización de ámbito estatal e a primeira europea sen ser de base cooperativa"

Esta OPL, presentada polo secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, agrupa a máis de 2.200 gandeiros, ten 800 máis pendentes de autorización, e 503.000 toneladas de leite e aproveita a modificación do regulamento dunha directiva da UE que permite a estas agrupacións a negociación colectiva de prezos se cumpren co requirimento de xuntar mil produtores e unha cota de 200.000 toneladas. Para o líder do sindicato gandeiro, o nacemento de Ulega "é un fito" e "non só no sector gandeiro español, senón no europeo", xa que é a primeira OPL de ámbito estatal en constituírse e tamén a primeira europea que non é de base cooperativa. "É o único colectivo de gandeiros individuais, malia ter que cumprir os requirimentos máis restritivos da UE", di García, que explica que a OPL triplicou as esixencias mínimas, tanto en número de gandeiros como de produción. 

Ulega triplicou os requirimentos mínimos esixidos pola UE en canto a número de gandeiros e produción

O secretario xeral de UUAA valora esta iniciativa por ser "unha ferramenta que vai permitir negociar os prezos en condición de igualdade e que pode rachar cunha dinámina neste ámbito", aínda que recoñece que "por si soa non é a solución". Así, García continúa a reclamar unha implicación maior das administracións para que se exerzan "unha arbitraxe nas negociacións", ademais de pedir un aumento no prezo de referencia, que debería situarse nos 33 céntimos por litro, catro máis do establecido polas empresas.

Roberto García espera que o Estado e a Xunta tomen conciencia dunha vez da importancia do sector gandeiro, "non só pola cantidade de xente que traballa nel, senón por ser a base da economía en moitas comarcas rurais". "Veterinarios, fábricas de penso, talleres agrícolas... Estamos falando dun sector estratéxico en Galicia, igual que Citroën en Vigou ou Bazán en Ferrol", di. 

"Estamos abertos a que calquera outra unión de gandeiras se xunte a nós"

Ulega destaca agora que "urxe abrir o proceso de negociación ante a situación límite pola que pasan as explotacións gandeiras" e a pesar de que o prazo se abra máis adiante. "A OPL cumpre todos os requisitos e reúne todas as autorizacións, así que nada o impide", aclaran. 

En canto á posible unión de máis produtores ou das organizacións que promoven outros sindicatos nunha OPL galega, Roberto García non pecha as portas. "Estamos abertos a que calquera outra OPL que se legalice, ben sexa de sindicatos ou de cooperativas, se una a nós para crear unha de segundo grao, pero respectando as porcentaxes de participación que xa se teñen", asegura. De momento, o resto de sindicatos gandeiros optou polas súas propias OPL, que poderían ver a luz nas vindeiras semanas. 

Vacas nunha explotación gandeira CC-BY Galería do Bem
Roberto García, secretario xeral de UUAA, nun acto en Lugo © UUAA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.