O amaño empresarial que afoga o sector lácteo galego

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

"Lence dixo que non pensa subir en outubro; se os demais o facemos, subirá en novembro". É a transcrición dun correo electrónico interno entre traballadores de Nestlé, de outubro de 2003, onde "queda evidenciada por primeira vez a existencia dun intercambio directo de información sobre prezos en relación coas empresas Puleva, Danone, Lagasa, Lactalis e Lence". 

O informe de Competencia recolle correos, actas de reunións ou manuscritos que revelan o amaño entre empresas para pactar prezos e repartirse o mercado

Así o acreditan os autores da resolución do Consello da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) que apoia e argumenta a sanción de 88,2 millóns imposta ás industrias e operadoras de leite cru. Un informe que revela con claridade como as grandes empresas pactaban o importe que lle pagarían aos gandeiros e repartíanse entre eles o mercado, co irreparable dano provocado nas explotacións, especialmente en Galicia, que supón case o 50% do sector lácteo de todo o Estado e o 55% das explotacións. 

"Danone sube unha peseta en outubro; parece que a presión provén sobre todo das súas cooperativas de Lalín e Guitiriz", dise nese mesmo correo interno. Pero hai moitas máis referencias, tanto en forma de mails como de notas manuscritas, informes ou actas de reunións entre as grandes firmas do sector En moitas destas xuntanzas os temas referíanse á recollida e pagamento do leite en Galicia, repartíndose explotacións e acordando estratexias para presionar os gandeiros. 

A multa de 88,2 millóns afecta varias firmas pero hai outras que se libran ao ter prenscrito as infracións

As multas recaeron sobre Danone (23,2 millóns); Corporación Alimentaria Peñasanta (21,8); Lactalis (11,6); Nestlé (10,6); Puleva (10,2 ) e Pascual, con 8,5 millóns, entre outras. Libráronse da multa outras implicadas como ILA ou Leite Río (Lence), Feiraco ou Leche Celta, ao ter prescrito as infraccións. Non foi o caso da patronal sectorial, a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga), multada con 100.000 euros por colaborar nestes pactos da industria, que a empregou nos seus amaños. Facíano, tal e como se pode comprobar nalgunha documentación achegada de hai uns catro anos, para controlar os excedentes e, xa que logo, o importe pagado aos gandeiros. 

A patronal sectorial galega (Aelga) tamén foi multada por colaborar neses pactos da industria

Estes amaños, segundo Competencia, "teríanse materializado en acordos concretos para coordinar os prezos de compra de leite e para a cesión de gandeiros entre industriais". E fixérono durante anos e con total impunidade. Agora, a elevada multa pode chegar tarde e ata pode ser contraproducente, como advirten os sindicatos agrarios. 

 

A distribución, a gran sinalada

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, xa alertou de que a sanción "non cumpre as expectativas porque non se sanciona a distribución", que sería, segundo o sindicato, "a gran manipuladora do prezo do leite". Ademais, reclaman que esta multa milonaria se use agora para "facer xustiza" e se destine a "axudar os gandeiros". A súa "preocupación" é clara porque temen que as industrias lácteas traten de compensar o custo desas multas nun descenso do importe do leite en orixe. "O lóxico é que estes cartos se empreguen en axudar os gandeiros e evitar o agravamento da crise no sector", indican. 

Os sindicatos labregos coinciden na súa indignación ao non sancionarse a distribución, "a gran manipuladora do prezo do leite"

O Sindicato Labrego Galego (SLG), pola súa banda, cre que "está moi ben" a multa, pero advirte que levan "vinte anos" denunciando as prácticas que agora se sancionan. Ademais, advertiu que non significará nada para os produtores porque as devanditas sancións "compénsanlles" ás empreas.

O coordinador de sectores gandeiros da entidade, Xabier Gómez Santiso, explicouno cunha sinxela conta: baixar o prezo en Galicia dous céntimos supón 45 millóns oa ano. "Se cada veinte anos che impoñen sancións por 80 millóns e cada ao gañas 45, a sanción sáeche máis baratas e estás dispost a que te volvan sancionar". De feito, as industrias terían gañado durante o período analizado (2000-2013), dez veces máis do importe da multa. 

Feijóo carga tamén contra as grandes superficies: "un litro de leite non pode costar menos que un paquete de goma de mascar"

Ademais, Gómez Santiso tamén amosou a súa preocupación polo futuro e pola imposibilidade de recuperar o xa perdido. En canto ao mercado sen cotas que se abre a partir de abril, o SLG cre que a lei da cadea alimentaria e o paquete lácteo podían ser "unha boa oportunidade", pero que se deaproveita ao carecer de elementos regulatorios que equilibren as negociacións entre gandeiros e industrias e que permitan limitar a capacidade da distribución para "impoñer o prezo desde arriba". "É a que controla todo e os grandes poderes son intocables", insiste. 

Mesmo Feijóo cargou contra a distribución, despois de "alegrarse" de que Competencia actuase. "É un erro económico para industrias e grandes superficies utilizar o leite como produto reclamo; non pode ser que un litro de leite valla a metade que un paquete de goma de mascar, o que impide que o sector teña unha conta de resultados mínima para manter as explotacións", dixo este xoves tras o Consello da Xunta, onde tamén dixo agardar que "non volvan producirse este tipo de actuacións". 

Ao tempo, o prezo do leite en Galicia caeu ao seu nivel máis baixo desde 2012

E mentres isto pasa, o prezo do leite en Galicia cae en xaneiro ao seu prezo máis baixo desde 2012, ata situarse nos 30,5 céntimos o litro fronte aos 31,9 de decembro, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Queda o importe, xa que logo, a pouco de baixar dos 30 céntimos, o límite que o sector fixa para a produción a perdas. 

Protesta sindical polos prezos do leite © Sindicato Labrego Galego
Roberto García sinala o prezo ínfimo dun cartón de leite © UnionsAgrarias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.