0 Gardados para despois

Feijóo ocultou aos medios acordos por 280 millóns de euros adoptados en 13 Consellos desde 2013

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A diferenza doutros executivos autonómicos ou estatais que empregan a figura do portavoz, na Xunta é o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o encargado de informar aos medios de comunicación dos acordos adoptados nas reunións semanais do seu goberno. Nesas comparecencias, ao tempo que incrementa a divulgación de informes propagandísticos sen validez administrativa real e que non requiren de aprobación polo Consello da Xunta, séguense ocultando acordos efectivos de contido económico. Desde 2013, nesas reunións o goberno galego autorizou polo menos en 13 ocasións recorrer a cartos do Fondo de Continxencia para cubrir gastos non previstos nos seus orzamentos por importes que suman 280 millóns de euros. Porén, ningún deses acordos foi incluído nin nas roldas de prensa de Feijóo nin nos listados de asuntos aprobados que se envían posteriormente aos medios de comunicación. Fronte á ocultación deses 13 acordos de contido económico, nos listados de asuntos supostamente tratados neses mesmos consellos que a Xunta si fixo públicos incluíu 44 informes propagandísticos sen validez administrativa ningunha.

A Xunta evita publicitar un mecanismo que para o Consello de Contas evidencia “unha deficiente orzamentación, por escasamente realista”

O Fondo de Continxencia é unha partida de contía variable que a Xunta inclúe todos os anos nos seus orzamentos para facer fronte a gastos imprevistos. En 2015 acadou o seu máximo da última década, con 125 millóns de euros duns orzamentos totais que sumaban uns 8.500 millóns. Para 2017, pola contra, cae ao seu mínimo do mesmo período, con 36 millóns nunhas contas que suman uns 9.000 millóns. O Goberno galego adoita recorrer a ese Fondo de Continxencia para, co exercicio xa iniciado, asumir gastos incorrectamente orzamentados noutras áreas, fundamentalmente nas partidas destinadas a persoal, en particular dos servizos sanitarios. Este proceder vén sendo criticado polo Consello de Contas, que considera que “lonxe” de empregar ese fondo para “a atención de gastos imprevistos e non discrecionais”, como debería ser a súa función, o Goberno galego emprégao para pagar “gasto corrente” que foi “obxecto dunha deficiente orzamentación, por escasamente realista”.

En 2013 o propio Goberno galego obrigouse a si mesmo a comunicar ao Parlamento con carácter trimestral as súas decisións de recorrer ao Fondo de Continxencia, que deben ser aprobadas polo Consello da Xunta. Así llo trasladou este á Cámara en 13 ocasións desde aquela que suman un total de 280 millóns de euros tirados do Fondo de Continxencia noutras tantas reunións do Goberno galego. Porén, nada informou a Xunta aos medios de comunicación sobre esas decisións logo deses Consellos. Pola contra, logo desas mesmas 13 reunións nas que ocultou esas decisións relativas ao Fondo de Continxencia, o Goberno galego divulgou listados de asuntos supostamente tratados nelas que incluíron un total de 44 informes propagandísticos sen validez administrativa real.

Nesas mesmas reunións o Goberno galego divulgou 44 informes propagandísticos sen validez real

Fronte os proxectos de lei, decretos ou acordos que aproba o Consello da Xunta, figuras legais cun traballo xurídico previo, o Goberno galego tamén adoita tratar os denominados “informes”, documentos sen validez legal que non teñen que ser aprobados formalmente polo Consello porque fan referencia a competencias radicadas noutros órganos. Eses informes propagandísticos poden chegar a ser orais e son empregados polo presidente para orientar a axenda política e informativa pondo de releve algún tema sobre o que lle interese pronunciarse persoalmente. Na práctica, non son máis que notas de prensa sobre asuntos favorables para o Goberno, pero que moitos medios de comunicación adoitan tratar como se fosen acordos efectivos do executivo.

Como exemplo, no Consello da Xunta celebrado o 10 de xullo de 2014 o Goberno galego decidiu destinar máis de 42 millóns de euros do Fondo de Continxencia a gastos de persoal non orzamentados previamente. Nada dixo dese acordo nin o presidente Feijóo na súa comparecencia posterior á reunión nin o departamento de comunicación no listado de asuntos tratados. Pola contra, ese día divulgáronse cinco informes propagandísticos, entre eles un que eloxiaba a redución das listas de espera sanitarias, salientado polo propio presidente.

O Goberno galego xa ocultou decisións como desviar fondos de axudas para pagar a luz, perdoar unha multa de tres millóns a Telmo Martín, non denunciar a Brenntag polo vertido no Umia ou impulsar a recalificación dun bosque comunal en Guitiriz para un macroxeriátrico privado

Ocultacións reiteradas

Os acordos relativos ao Fondo de Continxencia, que segundo o Consello de Contas evidencian unha “deficiente orzamentación” e “escaso realismo” por parte da Xunta, non son os únicos que o Goberno galego vén ocultando nos listados que divulga logo de cada reunión semanal. Nos últimos anos fóronse desvelando a través de diversas informacións xornalísticas outros acordos polémicos silenciados polo executivo. Así ocorreu coa decisión de desviar a outros gastos fondos destinados a axudas para pagar a luz de familias necesitadas, medida adoptada nun Consello da Xunta tres días antes das pasadas eleccións autonómicas pero non divulgada aos medios. Ou co perdón dunha multa de tres millóns de euros ao ex-deputado popular e promotor inmobiliario Telmo Martín, acordo que o Consello da Xunta aprobou na súa reunión do 24 de novembro de 2011 pero que ocultou no listado de asuntos que divulgou ese día e que non transcendería ata que medio ano despois o revelou El País.

O Goberno galego tamén omitiu no listado de asuntos divulgado sobre a súa reunión do 4 de agosto de 2011 a decisión de impulsar un logo frustrado macroxeriátrico privado coa recalificación de 173 hectáreas de bosque comunal en Guitiriz. Igual que no Consello do 8 de marzo de 2012 renunciou a levar a xuízo á empresa Brenntag por un vertido contaminante no río Umia ocultando tamén a súa decisión no listado de acordos divulgado. Co mesmo segredo de cara aos medios de comunicación a Xunta tamén regularizou nas súas reunións semanais vivendas e piscifactorías ilegais, incrementou taxas ou modificou a estrutura de entes públicos.

A Xunta admite que non divulga todas as decisións que toma o Consello e defende non facelo tampouco co Fondo de Continxencia aínda que mude o destino orzamentado de 280 millóns de euros

Segundo o Goberno galego, o feito de que el mesmo se obrigase a comunicar trimestralmente ao Parlamento as decisións de recorrer ao Fondo de Continxencia supón que non ten ningún afán de ocultalas e remite aos xornalistas á base de datos da Cámara autonómica para coñecelas. O executivo tamén admite que non divulga todas as decisións que toma o Consello da Xunta e argumenta que non adoita facelo cando afectan a particulares, aínda que eses casos abrisen debates públicos como os anteditos nos que tamén participaron membros do Goberno galego.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.