0 Gardados para despois

A Xunta traspasou 125.000 euros do tícket eléctrico a un estudo sobre publicidade tres días antes das eleccións

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

A mediados de febreiro de 2015, apenas tres meses antes das eleccións municipais, a Xunta anunciou unha ampliación do seu "tícket eléctrico". Dous días despois de que o PP vetase no Parlamento unha iniciativa que pedía impedir os cortes de luz a quen non puidese pagala o propio Alberto Núñez Feijóo anunciou que esta axuda, equivalente a un recibo e medio da luz ao ano, ía poder ter "ata 40.000 familias beneficiarias" no canto das 15.000 inicialmente previstas grazas a unha partida de ata 1,5 millóns de euros. Na súa convocatoria para 2016, dotada con 2,1 millóns, o prazo para solicitar o tícket eléctrico estendeuse dende mediados de xaneiro ata finais de xullo. Cando pasou esa data as familias destinarias da axuda eran moitas menos das previstas e o Goberno destinou parte dos cartos a outras finalidades. Unha delas, un estudo sobre a efectividade dalgunhas das súas campañas publicitarias. A decisión foi formalizada tres días antes das eleccións galegas do 25 de setembro, pero a Xunta non a divulgou.

Segundo a información facilitada o pasado decembro no Parlamento polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a Xunta "apoiou preto de 5.000 fogares a través do tícket eléctrico social", isto é, 35.000 menos dos anunciados. A resolución de concesión das axudas ao abeiro da convocatoria para 2016, difundida dende a Consellería o pasado 5 de outubro, recolle como admitidas a trámite un total de 761 solicitudes "por un importe total de 148.694 euros". Nesta liña, no penúltimo día da campaña electoral na que Feijóo fixo bandeira das súas medidas sociais, o 22 de setembro, o propio presidente deulle o visto e prace a mudar o destino de 125.000 euros inicialmente reservados a estas axudas, atendendo así a petición da Consellería de Economía, que indicou que o cambio "non altera os obxectivos dos programas afectados".

A Xunta di que o tícket eléctrico chegou a unhas 5.000 familias, 35.000 menos das previstas, e parte dos seus fondos pasan a financiar "estudos" sobre "campañas publicitarias" sobre "promoción laboral"

O departamento de Conde sinalaba na súa proposta que "unha vez rematado o prazo de solicitudes" de axudas do tícket eléctrico "constátase a existencia de remanente que se pretende utilizar" para outra finalidade. Nomeadamente, para "contratar con carácter urxente estudos e investigacións relativos a plans e programas de investimento en campañas publicitarias de divulgación de contidos relacionados coa orientación e promoción laboral e o fomento do emprego". Para facelo, eses 125.000 euros foron trasladados, en senllas partidas de 62.500, ao orzamento de promoción do emprego que xestiona a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, dependente da mesma consellería. A decisión adoptouse menos dun ano despois de a Xunta decidise destinar 70.000 a un estudo con enquisas sobre a "eficacia" das súas campañas de publicidade.

Acordo ocultado aos medios

Para completar a mudanza o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, emitiu ese 22 de setembro unha certificación na que deixou constancia, na súa calidade de secretario do Consello da Xunta, de que o Goberno galego viña de adoptar ese acordo na súa reunión semanal. O documento foi tamén asinado por Feijóo e incorporado á relación de modificacións orzamentarias dese mes. O expediente completo foi remitido polo Goberno ao Parlamento, como manda a lei, o día 17 de outubro, catro días antes da constitución da Cámara coa composición xurdida dos comicios do 25S.

O Goberno non incluíu o acordo na referencia pública do Consello e Feijóo non informou del na súa comparecencia ante a prensa tras a xuntanza

Aínda que este foi un dos acordos do Consello da Xunta daquela xornada o Goberno galego decidiu non incorporalo á referencia que cada semana traslada aos medios de comunicación e á cidadanía en xeral sobre os asuntos abordados en cada unha das súas xuntanzas. Do mesmo xeito, o presidente tampouco o indicou na súa intervención ante os medios para debullar o tratado.

Si figuraban naquela referencia outros dos asuntos tratados con rango de acordo, o mesmo que o da modificación orzamentaria do tícket eléctrico. Dous deles correspondían á  propia Consellería de Economía: a autorización de senllos convenios do Igape coa Federación Galega de Xóvenes Empresarios e mais coa Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia. Feijóo tamén informou, entre outras cuestións, de que o Goberno viña de aprobar o decreto de fusión dos municipios de Cerdedo e Cotobade e mais o regulamento que desenvolve a lei do solo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O Goberno destina 1,6 millóns a anunciar que "traballa" para "xerar emprego de calidade"

A mesma Consellería que o pasado setembro impulsou a modificación orzamentaria para financiar cos cartos non utilizados do tícket eléctrico estudos sobre a efectividade da súa publicidade vén de contratar unha nova campaña de anuncios a respecto da súa política económica. Nesta ocasión a mensaxe a trasladar é que o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo está a "traballar" a prol do "emprego de calidade" e o orzamento para divulgala é de ata 1,6 millóns de euros.

O departamento de Economía do Goberno galego vén de empezar a tramitar a contratación dunha campaña publicitaria "centrada no novo modelo industrial e na creación de emprego. A Xunta, informa a Consellería ás empresas interesadas en facerse co contrato, quere "trasladar" que "Galicia está a traballar para converterse nunha terra de verdadeiras oportunidades na que os mozos e mozas teñen á súa disposición programas de formación e emprego para mellorar as súas alternativas de atopar un posto de traballo.

A campaña publicitaria aposta por trasladar que a Xunta impulsa Galicia como "terra de verdadeiras oportunidades"

As "mensaxes" a trasladar durante un máximo de sete semanas a través de anuncios na "prensa xeralista" e "especializada", na radio, na televisión e mais en "edicións dixitais dos medios de comunicación" son, segundo indica a Xunta, fundamentalmente dúas. A primeira, que "é posible un novo modelo para a Galicia do futuro, cunha industria competitiva, innovadora e xeradora de emprego de calidade", que "fixe poboación en Galicia". "Para iso -especifica- temos unha folla de ruta, a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0".

Nos últimos anos a mesma Consellería contratou campañas para promocionar a súa política económica ou infundir "confianza" e "optimismo" ante a crise

A segunda mensaxe, máis política, é que "traballamos para xerar novas oportunidades de creación de emprego estable e de calidade, dando resposta ás necesidades actuais das empresas e cunha especial incidencia nos máis mozos". "Neste eido -sinala o prego de condicións do contrato- vimos de activar a nova Axenda 20 para o Emprego, 20 medidas dirixidas a recuperar os postos de traballo perdidos e consolidar a recuperación", área na que o propio presidente da Xunta asegurou non ter "practicamente ningunha" competencia mentres o paro aumentaba.

Esta campaña está inspirada por unha filosofía moi semellante a outras xa contratadas pola mesma Consellería nos últimos anos, tanto co seu titular como co anterior, para promocionar a súa política económica e salientar cuestións como que "o Goberno galego está a traballar no asentamento dunhas bases sólidas" para "fortalecer a economía". Antes contratara campañas como a destinada a "xerar confianza" na saída da crise, dotada con medio millón de euros, ou outra de case un millón para infundir "optimismo" ante as dificultades económicas.