0 Gardados para despois

O PP négase a impedir por lei os cortes de luz á poboación galega que non poida pagala

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Galicia seguirá sen unha lei contra a pobreza enerxética. Máis dun ano despois de negarse tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia a impulsar un marco legal que protexa, como noutros estados europeos, as persoas sen recursos dabondo para facer fronte ás facturas de subministro enerxético, o PPdeG fixo valer de novo este martes a súa maioría absoluta para vetar de novo unha lei ao respecto. Desta volta a iniciativa proviña do BNG e procuraba, esencialmente, unha actuación directa da Xunta para impedir por lei que ninguén quedase sen luz ou gas por non poder pagalo. A proposición, que se concretaba nunha reforma da lei de protección das persoas consumidoras, aglutinou o apoio de toda a oposición, pero o veto popular impediu a súa toma en consideración.

A intención da proposta do Bloque era introducir por primeira vez no ordenamento xurídico galego unha definición de pobreza enerxética -unha unidade de convivencia que teña que "destinar máis do 10% dos seus ingresos a satisfacer as súas necesidades enerxéticas"- e, a partir dela, un paquete de catro medidas para freala. Trataríase, segundo o texto da proposición, de que "ao recibir un aviso de interrupción do subministro de electricidade ou gas" a persoa afectada acreditase a súa situación mediante un informe de servizos sociais. Acto seguido, activaríase o mecanismo para proporcionar unha tarifa social ou, en caso de imposibilidade absoluta de pagamento, a Xunta faríase cargo da factura mentres se mantivese a situación.

Trataríase de "garantir que non haxa cortes de subministro a persoas que non poidan pagalo" e non de seguir a apostar por "fórmulas máxicas de facer máis con menos", di a deputada Carme Adán, para quen se revelou como claramente insuficiente o tícket enerxético anunciado pola Xunta o pasado ano. A cantidade das axudas é "ridícula" e ademais, salienta, para tramitalo cómpre utilizar o DNI electrónico e realizar xestións a través de internet, algo imposible sen electricidade, evidencia. De aprobarse esta lei, subliña, a Administración "tería a obriga de evitar os cortes de luz", algo aínda máis necesario "nun país rico en produción de electricidade, que a exporta a esgalla".

A proposta do BNG fixaba por lei a "obriga" de que a Xunta "evitase os cortes de luz"

Neste contexto, todos os grupos agás o PP adheríronse á proposta. "É hora de que o PP se comprometa", manifestou a socialista Carmen Gallego. "Para gobernar é necesario ter un mínimo de empatía", "xa está ben de repartir esmolas", enfatizou Juan Fajardo, de AGE. Pero, para os populares, os gobernos galego e español xa seguen a liña correcta cun "bono social xusto e solidario" e un "tícket eléctrico que complementa o déficit que poidan ter as familias", di o deputado Hipólito Fariñas. Ese subsidio, admite, vén supoñer "15 ou 20 euros no recibo" que "poden parecerlles pouco" pero "é moi ben apreciado polas familias".

O PP veta a lei pero manifesta o seu "compromiso inquebrantable para resolver esta tremenda lacra"

A xuízo de Fariñas o que cómpre salientar é que este "non é un mal novo", senón un problema que, afirma, ten a súa orixe no déficit tarifario orixinado en tempos de Zapatero. "Onde estaban as voces de reclamación cando en 2006 se lle cortaba a luz a 600.000 persoas?", pregúntase, mentres censura que o PSOE, no Estado, e PSdeG e BNG, en Galicia, "non tomasen medidas". Neste contexto, e mentres discute a definición de pobreza enerxética formulada polo BNG, Fariñas ratificaba o veto á tramitación da lei.  Non obstante, mantén, cómpre "manifestar" a "solidariedade do PP cos afectados pola vulnerabilidade enerxética" e o seu "compromiso inquebrantable por resolver esta tremenda lacra".

"O tícket social foi publicidade do señor Feijóo", repuxo Adán, que di non ser quen de discernir "por que motivos" os populares evitaron votar a favor de comezar o trámite desta lei. Nos últimos anos, salienta, "aumentaron un 34% os fogares con dificultades para pagar o recibo da luz" e ante esta situación, acusa, o PP revélase como "cómplice das eléctricas". "Van adoptar algunha medida real para acabar cos cortes de subministro?", pregúntase retoricamente a nacionalista. "Alá vostedes coa súa conciencia", conclúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.