0 Gardados para despois

Galicia encabeza a suba do paro en decembro no Estado malia á baixada anual do 10%

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Os datos do paro amosarán os mellores resultados interanuais desde que comezou a crise", advertía este martes o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que aventuraba unhas excelentes cifras para o desemprego rexistrado nos datos que se fixeron públicos este mércores. Referíase ao conxunto do Estado, que si rexistra cifras históricas, pero non parece que estivese falando de Galicia. O país lidera a suba do número de parados en decembro ao incrementarse en 2.360 persoas (+1,16%) fronte ao descenso do -2,29% en España, onde baixa en 86.849. 

Galicia lidera o incremento do paro no Estado, onde só subiu en catro autonomías

Galicia queda con 205.914 parados rexistrados nas oficinas de emprego, que son 22.894 menos que hai un ano, un descenso do 10%, máis na liña da media do Estado, onde o desemprego foi de 390.534 persoas (-9,6%), o maior interanual desde que hai series históricas. Con todo, no pasado mes de decembro tan só en catro autonomías subiu o paro (Cantabria, Navarra e La Rioja, ademais de Galicia). Malia ser un período onde aumentan considerablemente as contratacións no sector servizos pola campaña do Nadal e as posteriores rebaixas, nin así se librou o país dun mal dato que contrasta cos números positivos de compararmos con hai doce meses. 

O país destruíu en decembro case 5.000 empregos e é a cuarta autonomía que xera menos emprego en España

O que non muda é a febleza do mercado laboral galego. A comunidade perdeu no pasado mes 4.809 afiliados á Seguridade Social, o dobre do aumento do paro rexistrado. Pola contra, en España a cifra de cotizantes medrou en case 70.000 ao tempo que tamén descendeu o desemprego.

Esta diferenza dunhas 2.500 persoas entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Unha problemática, a perda de activos, que non se detén en Galicia, que é a cuarta autonomía do Estado que xera menos emprego, só por diante de Extremadura, Asturias e Castilla y León.

Daquela, o número de cotizantes en Galicia sitúase amplamente por baixo do millón de persoas, nas 963.735, e aínda así son 17.613 máis que hai un ano, un incremento do 1,9%. Un bo dato que non chega para asentar a recuperación, asentada moitas veces nun sector servizos que non tirou tanto como o agardado neste Nadal. 

O descenso do paro no sector servizos non compensa desta vez o importante incremento na agricultura, industria e construción

O paro aumenta nas dúas provincias atlánticas mentres descende en Lugo en 30 persoas e en Ourense, en 36. Na Coruña increméntase en 1.282 persoas, mentres que en Pontevedra faino en 1.144. No conxunto do país, descende no sector servizos en 914, así como no colectivo sen emprego anterior 428. Pero agricultura, industria e construción seguen a encher as listas do paro, ao subir respectivamente en 515, 1.335 e 1.852. O mercado laboral empeora aló onde debería mellorar para asentar a recuperación nun emprego que vaia máis aló da temporalidade, a hostalería e o comercio. 

O incremento do paro no mes de decembro é unha constante en Galicia nos últimos anos. Nesta ocasión, o aumento é menor que o do ano pasado, pero o dato interanual é peor que daquela. 

En termos interanuais, o paro cae en ambos sexos, pero a recuperación volve beneficiar moito máis a homes que a mulleres. O desemprego masculino descende nun 11,7% fronte á menor caída, o 8,54%, do feminino. Por idades, para os menores de 25 anos o desemprego sitúase en 9.391 persoas en decembro, cunha evolución máis favorable que a do total do paro. Medra no conxunto de idades o 1,16% e nos menores de 25 anos cae o 4,53%. No conxunto do ano hai unha caída tamén máis importante entre os mozos (- 17.3%, que son 1.969 persoas desempregadas menos fronte ao -10% do total).

Ademais, e como vén sendo habitual, o emprego que se crea nin é estable nin ben pagado. Dos máis de 71.500 contratos asinados en decembro -o que proba a elevada rotación que se dá no mercado laboral-, máis de 66.000 eran temporais, tan só o 7,5% foron fixos. En termos mensuais, baixou a contratación e con máis a indefinida: 692 contratos indefinidos menos (-11,5%) e 3.879 temporais menos (-5,5%). Na comparación anual, rexistráronse 937contratos indefinidos máis (+21,3 %) e 1.926 temporais máis (+3%)

A taxa de cobertura é do 52,5% en Galicia, onde hai 105.500 persoas desempregadas que non cobran prestación ningunha

Por outra banda, a cifra de beneficiarios con prestacións por desemprego en Galicia en novembro de 2016 é de só 98.059, polo que segue en valores mínimos. O carácter contributivo desta prestación está en mínimos, tan só 40.535 son beneficiarios de prestación contributiva. A taxa de cobertura é do 52,5% no mes, moi por debaixo do 55,7% no Estado. Xa que logo, en Galicia hai 105.495 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura.

 

A Xunta céntrase no dato interanual

Desde a Xunta fan fincapé nos datos interanuais. Así, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asegura que Galicia "está consolidando a súa recuperación económica porque o ano acabou con menos paro e cun crecemento nas afiliacións á Seguridade Social e na contratación indefinida e a tempo completo". Repecto ao incremento do desemprego intermensual, advertiu que é algo que se vén repetindo desde que hai datos polo que "é un aumento que ten lugar independentemente da marcha do ciclo económico”.

En Marea, pola súa banda, pediu á Xunta que explique "por que Galicia ten o pero dato" do Estado e contrasta as cifras co "triunfalismo" da Xunta. Para o PSdeG, os datos son preocupantes pola "incapacidade de Galicia de aumentar cotizantes", así como pola "fenda con respecto a España". A portavoz de Emprego do grupo parlamentario, Noela Blanco, advirte que o país vai “varias velocidades por debaixo do resto” e chama a “unha reflexión profunda” pola precariedade e a temporalidade.

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O PP atribúe a baixada do paro á Xunta tras asegurar que non tiña competencias na materia

O PP non tardou en celebrar con euforia os datos do paro do pasado mes de decembro. Así, o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, apuntou que “Galicia está consolidando a súa recuperación económica pechando 2016 con menos paro e máis contratación”.

Tellado cre que os datos do paro "ratifican que a estratexia económica do Goberno galego é a acertada"

Ademais, celebrou que actualmente, logo tres anos consecutivos de descensos interanuais, Galicia estea a “niveis de paro inferiores aos de decembro de 2009”. As cifras, segundo dixo, “ratifican que a estratexia económica do Goberno galego é a acertada” e atribúe o mérito a unha Xunta da que hai pouco o PP destacaba que non tiña competencias. O propio Feijóo facíao. 

A principios de 2011, e nunha resposta ao daquela voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, Alberto Núñez Feijóo xustificaba os malos datos do desemprego na "herdanza de débeda e paro" e aseguraba que estaba a "traballar" para loitar contra o desemprego malia non ter apenas competencias para facelo.

Naquel tenso debate o líder conservador censuraba que a oposición "fixese folgas xerais" no canto de "falar de propostas" para reducir o desemprego. "Iso non no entenden os parados", pero "nós seguimos" nese labor, afirmou. "Seguimos a pesar das poucas competencias en materia de emprego, por non dicir practicamente ningunha" coas que conta a Xunta de Galicia, asegurou entre un forte balbordo das bancadas socialistas e nacionalistas.

Feijóo dicía no peor da crise que a Xunta non tiña "practicamente ningunha competencia" en materia de emprego

Anos despois, no discurso de investidura de hai menos de dous meses, Feijóo anunciaba a creación dunha lei de emprego co obxectivo de que nesta lexislatura "se creen entre 80.000 e 100.000 postos de traballo" e que a taxa de desemprego baixe do 10%. 

O certo é que a Constitución Española establece, no seu artigo 149, que o Goberno de España ten competencia exclusiva en materia de lexislación laboral e Seguridade Social, pero o Estatuto de Autonomía atribúelle á Xunta a "execución" desas accións. Dende 1998 o Goberno galego ten transferidas as políticas activas de emprego, isto é, as accións de promoción do mercado laboral que exercía o antigo INEM, e que agora son realizadas dende o Servizo Público de Emprego de Galicia por vías como a formación ou accións de inserción, entre outras.

Agora, Miguel Tellado advirte que o PP "non deixará de traballar para acadar o seu obxectivo: crear 20.000 novos postos de traballo en 2017”.

O desemprego descende en todas as cidades agás en Vigo

O aumento do paro en decembro no conxunto de Galicia contrasta cos datos nas cidades. Malia non ser espectaculares, o número de desempregados rexistrados nas oficinas de emprego descende en todas as urbes galegas agás en Vigo, onde aumenta en 74 persoas até quedar en 26.145 persoas sen traballo. 

O paro rexistrado descende entre 250 e 85 persoas en todas as urbes galegas agás en Vigo

Na Coruña, o paro descendeu en 202 persoas con respecto ao mes anterior; en Ourense, en 246; en Compostela, en 86; en Pontevedra, en 115; en Lugo, en 96; e en Ferrol, en 121. As cifras contrastan, por exemplo, co discurso que o PP ten a nivel local, nomeadamente nas cidades onde gobernan as mareas. 

No seu discurso, os populares recorren aos datos da EPA para advertir da "alarmante" situación do emprego  nas urbes, malia que o propio Instituto Galego de Estatística (IGE) advirte que "0s resultados deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe". A razón: a Enquisa de Poboación Activa é un inquérito continuo baseado en entrevistas a integrantes de vivendas famliares e as mostras nestes concellos son moi pequenas. Moito menos representativas que as que fan referencia a toda Galicia, tal e como confirmaban desde o propio IGE nesta reportaxe

O PP segue a empregar os datos da EPA, "con elevados erros de mostraxe" nas cidades, para atacar os gobernos das mareas

Os datos da EPA en Galicia están baseados nas enquisas realizadas en arredor de 7.600 fogares e a un total de preto de 20.000 persoas, tal e como confirman desde o IGE. No caso de Ferrol e Compostela, por exemplo, son sobre 450 os cidadáns entrevistados en cada cidade, con cadansúas 180 vivendas analizadas aproximadamente. Para poboacións dunhas 70.000 e 95.000 persoas respectivamente. No caso do resto das cidades galegas, en Vigo a mostra supera por pouco as 1.700 persoas, na Coruña anda sobre as 1.400, en Ourense 1.000 e en Lugo e Pontevedra, unhas 800 para cada caso.

Malia isto, desde o PP insisten en coller os datos da EPA para avaliar o resultado das políticas económicas dos concellos, especialmente naqueles que gobernan candidaturas de unidade popular. O paro rexistrado, aínda que non abrangue todas as persoas desempregadas xa que non todas están apuntadas nos servizos de emprego, é máis fiable no caso das urbes. Desta vez, só se incrementa en Vigo. 

Máis da metade dos fogares galegos chega con dificultade ou moitos problemas a fin de mes

Máis de catro de cada dez fogares galegos chegan con dificultade a fin de mes e a un de cada dez cústalle moito, segundo a enquisa a fogares do cuarto trimestre do apsado ano que vén de publicar o IGE. Segundo os datos, case o 47% das familias en Galicia chega con facilidade ou moita facilidade a final de mes, mentres que o 43,2% faino con dificultade e o 9,9% con moitas dificultades. Xa que logo, máis da metade non o fan de xeito doado. 

Catro de cada dez fogares galegos chegan con dificultade a fin de mes

Con todo, a situación mellorou un chisco respecto ao mes anterior, ao aumentar en máis de 3 puntos a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade e baixar 1,16 a dos que chegan con dificultade. A porcentaxe de fogares que chegan con moita dificultade tamén diminuíu en 2,34 puntos. 

A enquisa do IGE tamén amosa o incremento da confianza do consumidor, cuxo indicador reflicte aínda un valor de -12, pero 5,9 puntos por riba do referido ao trimestre anterior. No período analizado, aumentaron todos os indicadores parciais de perspectivas de evolución, entre eles a situación financeira persoal, en 5,7 puntos ou o indicador de situación económica en Galicia, en 7,2 puntos.