A Xunta anuncia unha axuda para a luz equivalente a un recibo e medio ao ano

Detalle dunha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

O pasado martes o PP fixo valer a súa maioría absoluta no Parlamento de Galicia para vetar a tramitación dunha reforma da lei de defensa das persoas consumidoras que, proposta polo BNG e apoiada polo conxunto da oposición, pretendía impedir legalmente os cortes de subministro enerxético ás persoas que non a poidan pagar por carecer de cartos para facelo. Apenas dous días despois o Goberno galego aproveitou a súa reunión semanal para anunciar unha futura reforma do seu "tícket enerxético", as axudas para pagar a luz vixentes dende mediados do pasado ano e que, tras unha lixeira subida, terán unha contía media semellante ao custo dun recibo e medio de electricidade.

Tras unha notable polémica polo bloqueo ás medidas de pobreza enerxética o Consello da Xunta abordou o asunto a través dun informe, isto é, un documento sen valor legal ningún e cuxo contido concreto non é público que o Executivo adoita utilizar para introducir na axenda asuntos que considera oportunos. Nesta ocasión, o informe é sobre o "proxecto" dunha futura orde a través da cal, di o presidente, se vai "ampliar o tícket eléctrico social tanto no eido dos beneficiarios como das axudas directas".

O anuncio chega dous días despois de vetar unha lei para impedir os cortes de luz a quen non poida pagala

Asegura Alberto Núñez Feijóo que a nova edición das axudas chegarán "ata 40.000 familias beneficiarias" -estímase, atendendo a datos da EPA, que en Galicia hai uns 30.000 fogares sen ingreso ningún-, será compatible coa Renda de Inserción Social e "incrementaranse as contías". Concretamente, para familias "cun ou dous fillos" pasará de 90 a 180 euros anuais e, nas familias numerosas, axuda pasa de 120 a 300 euros ao ano. A medida adóptase, informa a Xunta, porque o Goberno e o propio presidente son "conscientes de que a enerxía eléctrica é unha cuestión básica".

Prezo do recibo e gastos das familias

O prezo medio por recibo era duns 150 euros en decembro, segundo FACUA

Neste escenario, a medida da Xunta non só está lonxe de impedir os cortes de luz a quen non poida pagala. Atendendo a diferentes fontes, no mellor dos casos, o das familias numerosas, non chega a cubrir o gasto nin de tres facturas. Segundo o cálculo realizado pola organización de consumidores FACUA baseándose no prezo do quilovatio e na potencia contratada máis usual o custo medio dunha factura rexida polo Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC) era o pasado decembro de 76,61 euros ao mes, isto é, algo máis de 150 euros por recibo. No caso das tarifas de prezo fixo as máis económicas roldan os 40 euros ao mes, polo que a axuda cubriría medio ano nas familias dun ou dous fillos e un chisco máis nas familias numerosas.

O dato máis recente indica que as familias galegas con ingresos inferiores aos 1.000 euros destinan uns 45 euros mensuais á luz

Outra fonte para realizar unha aproximación aos recursos que os fogares dedican a pagar a luz é a enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística. O dato máis recente, o de 2011, situaba o gasto eléctrico medio en case 59 euros mensuais. No caso das familias con ingresos inferiores aos 1.000 euros -o límite para optar ás axudas é cobrar 1,5 veces o IPREM, isto é, 798,77 euros ao mes por fogar- este gasto situábase en 45 euros ao mes, polo que a axuda cubriría entre dous e tres recibos ao ano, aproximadamente, dependendo do número de fillos.

Reunión do Consello da Xunta deste 12 de febreiro © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.