O estudo para a concesión do hospital de Vigo que a Xunta declarou "confidencial" e a consultora permite divulgar

Vista do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e fragmentos do informe CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: Sergas

O Consello de Contas denunciou un sobrecusto de 470 millóns e viu incorrectas hipóteses formuladas por PriceWaterhouseCoopers, a quen o Goberno galego atribuíu a ocultación do seu informe malia que a consultora non pon "obxección algunha" para facelo agora público

O pasado verán o Consello de Contas fixo público un informe que certificou un sobrecusto de 470 millóns de euros pola decisión de Feijóo en 2011 de construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a través dunha concesión. O ente fiscalizador analizara entre outra documentación un estudo de viabilidade económico-financeira que a Xunta encargara á consultora PriceWaterhouseCoopers (PWC), documento do que Contas dixo que "algunhas das hipóteses tidas en conta non están correctamente determinadas".

Ante unha petición oficial de transparencia formulada en setembro por Praza.gal a Xunta declarou "confidencial" ese estudo co argumento de que así o solicitara PWC. Pero tras oito meses e varios recursos este diario vén de ter acceso ao documento, ante cuxa divulgación PWC non puxo "obxección algunha". Foi a Xunta a que decidiu ocultar o documento sen motivación legal argumentando que a consultora o consideraba "confidencial" cando o que realmente lle dixera PWC era que o confidencial podería ser a información que lle facilitara a Xunta para elaborar o estudo.

Documento íntegro do estudo de viabilidade que a Xunta declarou confidencial e PWC permite divulgar -Praza.gal ocultou unicamente datos persoais sen relevancia informativa-

Praza.gal fai agora público o documento no que o Goberno galego di que se baseou para facer o hospital de Vigo a través dunha concesión e non con contratacións de obras e servizos convencionais. Segundo Contas, que tivo acceso ao documento para a súa análise dos sobrecustos do hospital, algunhas das súas hipóteses "non están correctamente determinadas, o que pode inducir a erros na cuantificación do importe do investimento e das necesidades de financiamento, así como na proxección dos datos do modelo económico-financeiro do investimento o que en definitiva redunda na fixación do prezo do contrato". 

Contas salientou a ese respecto que "a inclusión de hipóteses realistas sobre o financiamento do proxecto é necesaria para garantir que non exista un enriquecemento inxusto do concesionario e tamén para non poñer en risco a sostibilidade do contrato".

O documento constata que non foi o estudo de PWC o que fixo que a Xunta de Feijóo elixise un modelo concesional fronte ás contratacións ordinarias senón que esa decisión xa estaba tomada e o solicitado á consultora foi que lle dese "unha visión xeral dos aspectos máis significativos do contrato [...] mediante esquema de concesión de obras públicas". E iso é o que fai o estudo, explicar as principais características e aspectos a ter en conta nunha concesión hospitalaria sen detallar todas as cifras que serían de aplicación ao contrato de Vigo máis que a partir de hipóteses como a inflación, o prazo ou os tipos de servizos a incluír na concesión.

Conclusións de Contas sobre as eivas do estudo de viabilidade elaborado por PWC sobre a concesión do hospital de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

O estudo limitouse a avaliar o modelo concesional xa elixido previamente pola Xunta, cuxas características concretas aínda serían despois modificadas polo Goberno galego

Nas súas conclusións o documento sinala que "o desenvolvemento do Novo Hospital de Vigo a través da fórmula concesional (tal e como se definiu no presente documento) resulta unha alternativa adecuada para a consecución dos obxectivos públicos". Porén o documento non avalía se serían máis ou menos adecuadas outras alternativas. Esas mesmas conclusións engaden que "a pesar das circunstancias económicas actuais [2010], os proxectos de infraestruturas promovidos baixo esquemas de Colaboración Público Privada seguen sendo atractivos para a iniciativa privda, sempre que se atopen adecuadamente estruturados". Tamén advertían de que "o deseño considerado debe trasladarse adecuadamente aos pregos de licitación actualmente en elaboración por PWC, en aras da consecución dos obxectivos perseguidos". 

Pero ese estudo de viabilidade de PWC quedou despois superado polas seguintes decisións da Xunta. Por exemplo, o estudo analizou un prazo de concesión de 20 anos mentres que o concurso finalmente lanzado pola Xunta fixouno en 23 anos. Ademais, a concesión finalmente non incluíu todos os servizos que PWC incluíra no estudo de viabilidade. Porén, a comisión de investigación sobre o hospital de Vigo creada no Parlamento a instancias do BNG concluíu co PP impoñendo as súas conclusións de que coa concesión non houbo sobrecusto senón ao contrario.

O proceso de transparencia manipulado pola Xunta

A Xunta manipulou o proceso de transparencia para denegar o acceso ao informe poñendo a privacidade de PWC como excusa

Tras as críticas de Contas ao estudo de PWC dicindo que as súas hipóteses "non están correctamente determinadas", Praza.gal pediu formalmente acceso ao mesmo en setembro do pasado ano. A Xunta consultou con PWC se tiña algunha obxección a facelo público e respondeu en novembro a este diario denegando o acceso ao documento co argumento de que debía ser considerado confidencial porque a empresa lle contestara que "a criterio desta mercantil non procede a revelación do contido do informe ao elaborarse sobre a base de datos confidenciais".

A Xunta non motivou a súa resolución como lle obriga a Lei de Transparencia. Isto é, non avaliou se o que argumentaba PWC era correcto ou non e se debía ser aceptado como sustento dunha denegación de transparencia. Unha falta de motivación que foi recorrida por Praza.gal ante Valedora do Pobo como responsable da Comisión da Transparencia de Galicia.

Negativa inicial da Xunta a facilitar a Praza.gal o estudo de PWC co argumento de que a consultora o consideraba confidencial e respostas completas de PWC sinalando que fora a Xunta quen llo encargara como confidencial e que debía ser ela quen decidise se o divulgaba CC-BY-SA Praza Pública

Esa Comisión da Transparencia deu trámite de audiencia a PWC, e en marzo a consultora contestou dicíndolle que se a Xunta decidía facer público o estudo "PriceWaterhouseCoopers non ten obxección algunha". Unha resposta que permitiu saber tamén que na consulta previa da Xunta PWC non lle respondera só que segundo o seu criterio non procedía a revelación do documento, senón que a esa frase engadía outra ocultada polo Goberno galego na súa denegación a Praza.gal: "subsidiariamente e en todo caso, haberá de ser o órgano responsable quen haberá de efectuar un xuízo de ponderación dos intereses concorrentes e resolver en Dereito o que proceda". 

Un xuízo de ponderación que a Xunta non fixo. O Goberno galego limitárase a considerar confidencial o documento porque supostamente así llo transmitía PWC, cando o que fixera a consultora fora limitarse a advertir que o estudo elaborárase "sobre a base de datos confidenciais para a administración". Constatada esa manipulación nas explicacións que deu PWC á Comisión da Transparencia, agora a Xunta vén de entregar o documento a Praza.gal que o fai público sen "obxección algunha" da consultora.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.