A Interventora Xeral en 2010, a despois conselleira Elena Muñoz, emitiu informe favorable á decisión política de Feijóo de gastar 1.168 millóns na concesión do Álvaro Cunqueiro o mesmo día que recibiu o expediente de contratación
A decisión de Feijóo de facer o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo hai unha década a través dunha concesión supuxo para a Xunta un sobrecusto de 470 millóns de euros, segundo certificou o pasado verán o Consello de Contas. Para definir as características e cifras desa concesión foi relevante un estudo de viabilidade económico-financeira que a Xunta encargou á consultora PriceWaterhouseCoopers (PWC), documento no que "algunha das hipóteses tidas en conta non están correctamente determinadas", segundo concluíu Contas. O Goberno galego, a petición da consultora e tras unha petición de Praza.gal en aplicación da Lei de Transparencia, vén de considerar "confidencial" ese documento. Tamén di que ese estudo, malia que así o considere o ente fiscalizador, non forma parte do expediente de contratación do hospital, o que aboca a que tampouco sexa entregado á comisión de investigación creada no Parlamento a iniciativa do BNG.
Pola contra, Praza.gal si vén de ter acceso a outros dous documentos que certifican que a daquela Interventora Xeral da Xunta, a despois conselleira de Facenda e candidata do PP en Vigo Elena Muñoz, emitiu informe favorable á concesión o mesmo día en que recibiu o expediente de contratación, mesma xornada na que previamente fora validado pola Asesoría Xurídica Xeral, e só un día antes de que fose aprobada polo Consello da Xunta.
O informe do Consello de Contas sobre as ineficiencias que supuxo a concesión do hospital de Vigo, que deu pé a que o BNG lanzase a comisión de investigación política no Parlamento, analizou uns 60 documentos do expediente de contratación, a gran maioría non públicos. Contas cita algúns dos elementos deses documentos e emite a súa conclusión crítica co modelo concesional, así que para tentar coñecer mellor se aquela documentación de hai unha década xa advertía do que podía pasar Praza.gal solicitou varios daqueles informes en aplicación da Lei de Transparencia.
Malia que Contas considerou varios documentos clave como parte do expediente de contratación, a Xunta di agora que non forman parte del para evitar facelos públicos, abrindo a porta a non darllos tampouco á comisión de investigación do Parlamento
Entre outros, este diario solicitou a "declaración de inicio do expediente de contratación", do 15 de decembro de 2009; o "estudo de viabilidade económico-financeira", elaborado por PWC con data do 20 de xaneiro de 2010, ou a "memoria xustificativa do procedemento utilizado e dos criterios de adxudicación aplicados", do 8 de abril de 2010, todos previos e necesarios para que o Consello da Xunta autorizase finalmente o 6 de maio de 2010 a contratación a través dunha concesión e as características da mesma.
Malia que Contas considera estes documentos integrantes do expediente de contratación, e de feito o primeiro é precisamente a "declaración de inicio do expediente de contratación", a Xunta vén de denegar o acceso a todos eles co argumento de que teñen "a consideración de actuación preparatoria do expediente de contratación, resultando polo tanto allea ao mesmo" e escudándose así nunha suposta excepción da lei de transparencia.
O feito de cualificar estes documentos como preparatorios e polo tanto alleos ao expediente de contratación pode facer que tampouco acaben sendo analizados pola comisión de investigación aberta no Parlamento. Malia que BNG e PSdeG pediron que fose entregada á comisión numerosa documentación concreta, o PP impuxo hai uns días coa súa maioría absoluta non só un recorte no número de comparecentes senón tamén da documentación a achegar por parte da Xunta. Así, sobre esta cuestión limítase a solicitar da Xunta o "expediente de concesión do novo hospital de Vigo", expediente do que agora o Goberno galego exclúe documentación que Contas si considerou parte del e relevante para analizar a xestación do proxecto.
Contas salientou que o estudo de viabilidade de PWC incluía hipóteses incorrectas, o que podía dar lugar a "un enriquecemento inxusto do concesionario" do hospital
Pero ademais dese argumento, no caso do estudo económico-financeiro da concesión elaborado por PWC a Xunta decidiu consultar coa empresa a petición de transparencia formulada por este diario. A empresa respondeu que "a criterio desta mercantil non procede a revelación do contido do informe ao elaborarse sobre a base de datos confidenciais", e a Xunta, sen avaliar se iso é así nin ofrecer máis argumentos propios, limítase na súa resposta oficial a Praza Pública a reproducir a alegación de PWC e concluír "que non procede a divulgación do documento denominado estudo de viabilidade, que debe considerarse confidencial".
Sobre ese estudo declarado confidencial o que concluíu hai uns meses o Consello de Contas é que algunhas das súas hipóteses "non están correctamente determinadas, o que pode inducir a erros na cuantificación do importe do investimento e das necesidades de financiamento, así como na proxección dos datos do modelo económico-financeiro do investimento o que en definitiva redunda na fixación do prezo do contrato". Contas salientou a ese respecto que "a inclusión de hipóteses realistas sobre o financiamento do proxecto é necesaria para garantir que non exista un enriquecemento inxusto do concesionario e tamén para non poñer en risco a sostibilidade do contrato".
A Xunta non quere amosar ese estudo de viabilidade de 2010 de PWC, que despois volvería "asesorar" a Xunta tamén na valoración das ofertas recibidas no concurso público. Pola contra, o PP si incluíu entre a documentación solicitada para a comisión de investigación no Parlamento outro documento encargado polo anterior goberno de PSdeG e BNG en 2007 co título "Informe PWC sobre o análise, fórmula de xestión e financiamento de infraestruturas hospitalarias".
Validación de Elena Muñoz en menos dun día
Asesoría Xeral e Intervención validaron o expediente da concesión o día antes de que o aprobase o Consello da Xunta
Antes da negativa da Xunta a entregar a Praza.gal os anteditos documentos, este diario si logrou acceder a dous informes fundamentais do expediente de contratación, os emitidos polo letrado xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, Manuel Pillado, e pola daquela Interventora Xeral da Xunta, Elena Muñoz. Os dous documentos, favorables, están asinados na mesma data, o 5 de maio de 2010, o día antes de que o Consello da Xunta autorizase a contratación do hospital a través dunha concesión e as características da mesma.
O informe da Asesoría Xurídica é un único folio e o de Intervención tres folios e medio. Pero neste último sinálase que Intervención recibiu o expediente de contratación, incluído o informe da Asesoría Xurídica, asinado previamente ese mesmo día, o mesmo 5 de maio. E ese mesmo día Elena Muñoz asina o informe favorable de Intervención validando que a Xunta gaste 1.168 millóns de euros constantes de 2010, sen IVE, cifra que despois aumentaría.
Ano e medio máis tarde, en xaneiro de 2012 Feijóo nomearía a Muñoz conselleira de Facenda, posto no que estaría ata 2015, cando foi candidata do PP á alcaldía de Vigo. Repetiría candidatura novamente sen éxito en 2019, foi recolocada no Senado e volvería á Xunta como secretaria xeral da Consellería de Presidencia. O pasado xuño foi nomeada interventora na delegación da Xunta en Vigo.