Os populares impoñen a súa maioría absoluta e desbotan á petición dun Pleno extraordinario mentres BNG e PSdeG reclaman o rescate da concesión e que o complexo sexa completamente "público"
A maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia rexeitou este mércores que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dea explicacións nun Pleno extraordinario da Cámara polas eivas e sobrecustos detectados polo Consello de Contas na construción e mantemento do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Segundo o ente fiscalizador, nun informe feito público o 31 de xullo, a decisión de 2010, con Feijóo como presidente, de executar o hospital a través dunha concesión privada e non directamente con cartos públicos acabará custando ás arcas públicas 470 millóns de euros máis.
BNG e PSdeG reclaman, amparándose no informe de Contas, que a Xunta rescate a concesión e o hospital sexa completamente "público". Porén, os populares insistiron en que o hospital non podía executarse doutro xeito e a súa rápida construción "salvou centos de vidas durante a pandemia".
Para a nacionalista Montserrat Prado o ocorrido foi "puro e duro neoliberalismo, pura e dura escolla ideolóxica do PP"
Co Parlamento fóra de período de sesións foi a súa Deputación Permanente a encargada de debater a petición do BNG de que Rueda compareza na cámara de urxencia para explicar a xestión do hospital vigués. No debate deste mércores a deputada nacionalista Montserrat Prado criticou que coa construción do hospital vigués cunha concesión finalmente "a única que asumiu riscos foi a Xunta" con "un modelo que significou un incremento dos custos".
"Denunciamos que isto ía hipotecar os orzamentos sanitarios durante moito tempo, e desgrazadamente así foi", lamentou Prado. A nacionalista atribuíu a decisión de 2010 a "puro e duro neoliberalismo, pura e dura escolla ideolóxica do PP".
O socialista Besteiro di que o PP decidiu que o hospital "debía ser máis beneficioso para os fondos especuladores que para a cidadanía"
Polo PSdeG foi o seu portavoz e secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, o encargado de lamentar os "470 millóns de euros que galegos e galegas estamos a pagar de máis polo hospital de Vigo". Un resultado que atribuíu á decisión do PP de que o novo hospital "debía ser máis beneficioso para os fondos especuladores que para a cidadanía galega" malia que "podíase facer con fondos públicos".
Besteiro lembrou na súa intervención que o propio Feijóo criticou hai un par de anos que se fagan hospitais con cargo a débedas futuras. Naquel momento o popular dixo que "cando un político di que inaugura un hospital, hai que preguntarlle: Ese hospital déixao vostede a deber ou está pago? Porque se o deixa a deber, faga o favor de marchar". Ante esas palabras, Besteiro dixo que Feijóo e Rueda deben "marchar".
Para o popular Alberto Pazos "a Xunta decidiu priorizar a saúde dos galegos sobre os custos financeiros do proxecto"
Fronte os argumentos de nacionalistas e socialistas, o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago, comezou criticando que a oposición recorra todos os veráns a convocar a Deputación Permanente do Parlamento para, con distintos temas de actualidade, xerar "alarma social". No caso do informe de Contas sobre o hospital vigués o popular chegou a dicir que o documento "non sinala ningunha irregularidade" e defendeu os investimentos sanitarios realizados durante os gobernos de Feijóo.
"A Xunta decidiu priorizar a saúde dos galegos sobre os custos financeiros do proxecto", asegurou Pazos Couñago, que como xa fixeron por escrito as ex-conselleiras de Sanidade Pilar Farjas e Rocío Mosquera defendeu que a decisión de acelerar o hospital cunha concesión "salvou centos de vidas durante a pandemia".