Contas cifra en 710.000 euros o gasto en publicidade e protocolo na construción e inauguración do Álvaro Cunqueiro
O informe do Consello de Contas crítico co modelo de concesión privada elixido para executar hai unha década o novo hospital de Vigo foi sometido antes da súa aprobación e publicación a alegacións tanto da Xunta como das que foron máximas responsables do Sergas durante a xestación do proxecto: Pilar Farjas, conselleira de Sanidade entre 2009 e 2011, e Rocío Mosquera, xerente do Sergas nese período e despois conselleira ata 2015.
Contas desbotou a gran maioría das alegacións da Xunta e a totalidade dos argumentos das dúas ex-conselleiras, pero fai públicos eses escritos xunto co seu informe final, o que permite coñecer o seu contido. E tanto Farjas como Mosquera coinciden en empregar unha mesma xustificación a posteriori: grazas ao novo hospital, planificado en 2011 e rematado en 2015, a pandemia da COVID-19 que chegou a Galicia en 2020 non foi tan mala como podería ser.
Farjas e Mosquera remitiron a Contas senllos escritos de dúas e cinco páxinas nos que replican algúns dos argumentos económicos ou legais que tamén esgrimiu sen éxito a Xunta nas súas alegacións. Pero as dúas coinciden en rematar eses escritos tirando do coronavirus como argumento.
"Como sería pasar a pandemia que nos tocou vivir sen o hospital Álvaro Cunqueiro", pregúntase Mosquera, tras reprochar a Contas que analice as súas decisións de hai unha década con ollos de hoxe
No caso de Mosquera a ex-conselleira remata o seu escrito reprochando a Contas que analice con ollos de agora o sucedido a comezos da pasada década, cando a Xunta de Feijóo elixiu facer o hospital cunha concesión privada. Porén, xusto a continuación ela tamén fai un salto no tempo e xustifica as decisións tomadas en 2010 e 2011 co que acabaría pasando en 2020. "Teño que dicir que tras a miña dilatada vida profesional, sempre en prol da sanidade pública, é posiblemente esta a decisión da que me sinto máis satisfeita, pois lanzo unha pregunta: como sería pasar a pandemia que nos tocou vivir sen o hospital Álvaro Cunqueiro, tanto para os profesionais como para os cidadáns da Área Sanitaria de Vigo?".
Similares reproches a Contas e salto no tempo fai a ex-conselleira Farjas, que tamén se remite á pandemia da COVID-19 para asegurar que "os datos epidemiolóxicos e que Galicia tivera a menor sobremortalidade de todas as Comunidades Autónomas de España neses anos son os verdadeiros indicadores do valor social e sanitario das inversións sanitarias realizadas, en concreto na Área de Vigo. É este fin das inversións, o que as xustifica, o que motivou a decisión da súa construción baixo o modelo económico-financeiro que o posibilitaba, e que o informe obvia".
Contas desbotou as alegacións por consideralas valoracións persoais
Nos dous casos Contas desestimou por completo as alegacións, sinalando que Farjas "só expón criterios e opinións sen achegar soporte documental nin normativo" e que Mosquera limítase a facer "referencia ao contexto e ás dificultades para levar a cabo o investimento, incluíndo a motivación das decisións adoptadas".
710.000 euros en publicidade e protocolo
A publicación por parte de Contas do intercambio coa Xunta de alegacións e respostas ás mesmas permite tamén comprobar como o ente fiscalizador dubida da correcta asignación contable dun gasto de 710.259 euros en publicidade, vídeos e "actos de protocolo de inicio e fin das obras".
Contas detalla ese gasto ao analizar os gastos realizados pola denominada Oficina Técnica de Seguimento da obra de construción do hospital. Esa oficina de control da obra foi organizada e supervisada pola empresa pública Galaria e os pregos de condicións establecían que a propia concesionaria tería que asumir o seu custe ata un máximo de 3,9 millóns de euros. Porén, Contas critica que algúns dos gastos que asumiu esa oficina debían ser asumidos directamente pola propia concesionaria para un mellor control da finalidade dos cartos públicos.
Entre eses cartos que Contas considera improcedente que gastase a oficina de seguimento e que debían ser asumidos pola concesionaria estarían os de publicidade e protocolo. Contas di que "non queda suficientemente xustificado o cumprimento desta obriga, xa que algúns dos gastos aboados pola concesionaria con cargo á Oficina Técnica de Seguimento correspóndense con gastos imputables a outras cláusulas", entre os que identifica os 710.259 euros de "gastos de publicidade das obras en execución, confección e edición de vídeos ou documentos audiovisuais, documentación técnica e gráfica divulgativa, actos de protocolo de inicio e fin das obras" así como "carteis publicitarios" ou "campañas publicitarias na radio".