En decembro, ante a negativa de Acciona a acceder ao reforzo de persoal esixido, a protesta transformouse en folga indefinida, denunciando as traballadoras que a falta de efectivos impedía a correcta desinfección das instalacións
A comezos do pasado mes de novembro as traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo iniciaron mobilizacións para reclamar un reforzo do persoal que levaban demandando dende o inicio da pandemia de Covid-19. Foran meses moi duros de traballo, de maiores necesidades de limpeza e de estritos protocolos no centro hospitalario, pero a concesionaria do servizo, en mans de Acciona, rexeitara sempre reforzar o persoal, que sufrira numerosas baixas por enfermidade ou por corentenas, o que aínda sobrecargou máis ás traballadoras restantes.
O reforzo de persoal fora xa solicitado o 13 marzo, nos primeiros días da pandemia, pois nese momento o Sergas decidiu realizar contratacións nos restantes hospitais públicos galegos. Porén, o carácter público-privado da xestión do hospital vigués supuxo un freo a esa mellora do servizo. Aínda en marzo varias traballadoras da limpeza contaxiáranse de Covid-19 no Álvaro Cunqueiro e nos meses seguintes repetíranse os problemas, entre continuas denuncias de carencia de medios que, por exemplo, obrigaban ao persoal a recoller o residuos perigosos en caixas de cartón.
"O hospital Álvaro Cunqueiro ten unhas características moi singulares: todos os servizos complementarios, que non son estritamente sanitarios, están completamente privatizados"
"A pandemia pillounos 'en pelotas', como a todo o mundo, pero o noso colectivo de traballadoras sempre fixo o esforzo por axudar e cumprir todos os protocolos", explica Elena Fernández, representante da CIG no Comité de Empresa. "O hospital Álvaro Cunqueiro ten unhas características moi singulares: é un hospital público en mans privadas, e iso nótase en que todos os servizos complementarios, que non son estritamente sanitarios, están completamente privatizados. Sempre hai intermediarios e eses intermediarios privados teñen outras prioridades, que son o beneficio económico", denuncia.
Foran meses moi duros de traballo, de maiores necesidades de limpeza e de estritos protocolos no centro hospitalario, pero a concesionaria do servizo rexeitara sempre reforzar o persoal, que sufrira numerosas baixas por enfermidade ou por corentenas
"Iso levou a que mentres que houbo reforzos nos servizos de limpeza de todos os hospitais públicos, estes reforzos non se levaron a cabo no Álvaro Cunqueiro, a pesar das maiores necesidades de limpeza, de cumprir protocolos e a pesar de que houbo traballadoras de baixa, por enfermidade ou por cumprir corentenas", explica.
Os problemas, en boa medida, arrastrábanse de antes e están vencellados a sucesivos recortes levados a cabo polas empresas concesionarias, explica Fernández. "Levabamos moito tempo sufrindo unhas condicións de traballo moi degradantes, en parte pola pandemia, pero que en parte tamén viñan de problemas previos, por mor da privatización e do desmantelamento do servizo de limpeza e doutros servizos, que tamén nos afectan", di.
En decembro, ante a negativa de Acciona a acceder ao reforzo de persoal esixido, a protesta transformouse en folga indefinida, denunciando as traballadoras que a falta de efectivos impedía a correcta desinfección das instalacións, que nese momento acababan de vivir a segunda onda da pandemia e se preparaban para a terceira. Acciona mesmo fixera oídos xordos aos requerimentos recibidos por parte de Inspección de Traballo.
As resistencias da empresa foron vencidas polo feito de que os servizos mínimos que o Sergas esixía para a folga convocada implicaban a un número de traballadoras superior ao existente nese momento
Porén, a folga foi desconvocada apenas seis días despois da súa convocatoria, despois de que a empresa aceptase finalmente levar a cabo o reforzo de persoal esixido polas traballadoras para facerlle fronte ás novas necesidades derivadas da pandemia. En parte, as resistencias da empresa foron vencidas polo feito de que os servizos mínimos que o Sergas esixía para a folga convocada implicaban a un número de traballadoras superior ao existente nese momento, o que amosou a incontestable necesidade de realizar máis contratacións, como demandaba o persoal.
O acordo acadado finalmente implica un 'reforzo covid' de 14 persoas de luns a domingo, e tamén a contratación indefinida de 10 persoas
O acordo acadado finalmente implica un 'reforzo covid' de 14 persoas de luns a domingo, e tamén a contratación indefinida de 10 persoas. As traballadoras conseguiron tamén incrementos nos complementos salariais e tamén outras melloras como vacacións en días laborais, días adicionais ou un plan de igualdade.
A federación de Servizos da CIG subliñou a importancia de ter acadado 14 novas contratacións temporais e 10 novos contratos indefinidos, sinalando que "no actual contexto de crise trátase dun logro máis importante se cabe que as melloras económicas” e subliñou que o reforzo de persoal "evitará a sobrecarga actual de traballo”. "Esperamos que no futuro inmediato todos estes reforzos que negociamos nos últimos meses se manteñan e teremos que estar vixiantes para que non haxa incumprimentos", di Elena Fernández.
"Todas as persoas que traballamos no hospital temos un recoñecemento mutuo, pero os que dirixen o sistema non recoñecen a nosa importancia"
"Nun hospital somos todos unha cadea e cando se produce un problema ou unha falta de investimento nun ámbito, o resto tamén se ven afectado", di a representante sindical, que destaca a falta de recoñecemento polo traballo que realiza o seu colectivo. "Todas as persoas que traballamos no hospital, dende médicos a celadores pasando polo persoal de limpeza, temos un recoñecemento mutuo, pero os que dirixen o sistema non nos recoñecen a nosa importancia", critica.