O persoal sanitario, entre o que as mulleres son maioría, leva meses estando na primeira liña de loita contra a Covid-19, exposto non só a un posible contaxios (milleiros de traballadoras e traballadores da saúde infectáronse en Galicia dende marzo do pasado ano), senón sufrindo xornadas laborais interminables, moi duras no aspecto físico e psicolóxico. Ademais, este sobresforzo continuado durante un ano enteiro non sempre tipo a recomensa dun recoñecemento por parte da sociedade, que pasou dos aplaudos das primeiras semanas ao desprezo, en moitos casos, ou ao incumprimento das normas de prevención e restricións en moitos outros.
"Na primeira onda Urxencias era un caos e había moito traballo, pero creo que a nivel laboral a segunda e sobre todo a terceira onda foron peores que a primeira"
Vanesa Varela é unha desas traballadoras sanitarias. É auxiliar de enfermaría na Coruña e durante meses estivo no servizo de Urxencias do CHUAC. Dende hai unhas semanas traballa no Covid Auto, realizando probas PCR e cribados para a detección do virus. Falamos con ela sobre a experiencia vivida nos últimos meses.
Como se viviron as primeiras semanas da pandemia no servizo de Urxencias?
As primeiras semanas todo era incerteza, porque ninguén sabía como era esta enfermidade nin os efectos que ía causar. Era moi duro tamén porque vías a doentes que tiñan que estar sós, sen a compañía de ningún familiar. Era difícil que tanto o paciente como os familiares o entendesen, porque obviamente os familiares querían entrar, pero non era posible. En xeral, era un caos e había moito moito traballo, pero creo que a nivel laboral a segunda e sobre todo a terceira onda foron moito peores que a primeira. Despois do Nadal o servizo de Urxencias foi un caos monumental, moito maior que ao comezo.
"Eu, que teño dúas fillas, durante a primeira onda tiven que mandalas para a casa de meus pais e estiven dous meses sen velas"
Foi peor a terceira vaga que a primeira, entón, a pesar de que xa sabiades a que vos enfrontabades?
Foi moito peor. Na primeira se cadra había máis medo, máis problemas de falta de EPIs e en xeral máis falta de recursos para podermos traballar axeitadamente. Pero na terceira onda o descontrol que houbo no Nadal provocou unha cantidade de xente infectada tan grande que nos levou a un desastre. Para nós significou unha gran saturación de traballo, moitísimas horas durante moitos días seguidos.
A nivel persoal, como che afectou todo isto?
Pois eu, que teño dúas fillas, durante a primeira onda tiven que mandalas para a casa de meus pais e estiven dous meses sen velas. A nivel psicolóxico afectábanos moito, porque en realidade estabamos soas e sós. Foi moito tempo, e ademais parecía que nunca se vía o final; ao comezo parecía que ían ser quince días, despois un mes e ao final foron dous meses de confinamento total.
"É moi duro ver un doente na UCI, moi duro. Ves como lle custa respirar e que ti practicamente non podes facer nada. Quen non o viu non o pode imaxinar e pode que se o visen si que se decidirían a cumprir as normas"
Supoño que era moi duro tamén por todo o que vías vivías no propio traballo, non si?
Si, en Urxencias ti vías como estaba un velliño procedente dunha residencia, na UCI, con moitos problemas, e ti sabías que ía morrer só. En realidade, ver a súa familia non ía mellorar a súa situación, non lle ía salvar a vida, pero ese acompañamento, poder darlle a man, é importante.
O traballo no Covid Auto é máis cómodo?
É máis cómodo en parte, pero o horario son 14 horas seguidas, divididas en dúas partes, sete horas de visitas a domicilios, nas que facemos PCR a persoas que non poden vir ao Covid Auto do CHUAC ou do Ventorrillo, e despois sete horas no hospital.
"Ao comezo todo eran aplausos ás oito da tarde, pero nos últimos meses estamos vendo como a xente fai o que quere, non segue as normas"
Considerades que o voso traballo ten a consideración social e a retribución e condicións laborais que merece?
Non, as nosas profesións non están ben pagadas e tampouco ben consideradas. Ao comezo todo eran aplausos ás oito da tarde, pero nos últimos meses estamos vendo como a xente fai o que quere, non segue as normas. Parece que non aprendemos nada neste ano. Abonda con ver como estaban as terrazas a pasada fin de semana, con toda a xente sen mascarilla. Se todos fósemos un pouquiño máis conscientes, e nos coidásemos un pouco máis, pode que puidésemos acabar antes coa pandemia.
Non teñen consideración con nós pero semella que tampouco a teñen polos seus familiares que se poden infectar ou, en xeral, por calquera persoa que pasou ou pode pasar por esta enfermidade. É moi duro ver un doente na UCI, moi duro. Ves como lle custa respirar e que ti practicamente non podes facer nada. Quen non o viu non o pode imaxinar e pode que se o visen si que se decidirían a cumprir as normas.
"O máis importante sería contar con máis persoal, máis medios, máis recursos. E, ademais, que non nos vendan fume"
Que cambios lle pedirías á administración para poder realizar mellor o voso traballo e emprestar un mellor servizo?
O máis importante sería contar con máis persoal, máis medios, máis recursos. E, ademais, que non nos vendan fume. Nalgúns momentos prometéronnos que nos ían dar máis días libres en compensación por estes meses de traballo tan duro e ao final estannos denegando eses días libres prometidos. Xa non falo dos cartos, pero si que se necesita máis xente.