"Se de algo sabemos as mulleres é de coidar, de coidarnos, as nosas mobilizacións serán espazos seguros nos que se manterá a distancia de seguridade, encheremos as rúas con responsabilidade", dicía Galegas 8M o domingo
"Se de algo sabemos as mulleres é de coidar, de coidarnos, as nosas mobilizacións serán espazos seguros nos que se manterá a distancia de seguridade, encheremos as rúas con responsabilidade". Na véspera do 8 de marzo a plataforma Galegas 8M subliñaba a seguridade nas mobilizacións convocadas, en resposta ás críticas ao feminismo lanzadas dende distintos ámbitos polo "perigo de contaxio" que supuñan as convocatorias do Día da Muller e que en cambio semellaban ser máis benevolentes cos riscos xerados durante a Gala dos Premios Goya, na hostalaría ou durante a previa do derbi futbolístico entre Atlético de Madrid e Real Madrid.
As varias ducias de concentracións e manifestacións que se levaron a cabo en Galicia ao longo da xornada respectaron estritas medidas de seguridade, camiñando as participantes en columnas e separadas por unha distancia duns metros, que se mantivo no remate das marchas, momento en que se leu o manifesto unitario da plataforma Galegas 8M.
Foi unha xornada de visibilización do que habitualmente fica invisibilizado
Este texto incidía especialmente no traballo de coidados, realizado maioritariamente polas mulleres, e que durante o último ano de pandemia se demostrou imprescindible e, ao mesmo tempo, escasamente recoñecido. Era esta falta de recoñecemento e de visibilidade, unida á desigualdade sufrida polas mulleres no ámbito do traballo asalariado e tamén nos labores non retribuídos, e tamén ao recorte de servizos, o que facía necesario, en palabras da plataforma, saír de novo ao espazo público e manter a mobilización do 8M.
Un 8M que tamén foi unha xornada de folga, que se desenvolveu entre críticas sindicais aos "abusivos servizos mínimos" decretados en sectores como o sanitario ou o de coidados e que, segundo din, excederon por moito a actividade que se establece para un festivo ou un domingo.
Foi, esencialmente, unha xornada de visibilización do que habitualmente fica invisibilizado, das desigualdades que o sistema adoita non ver e dos traballos que alguén sempre fai, aínda que moitas veces sen recoñecemento ningún. Nas fiestras e balcóns puideron verse roupas de traballo e prendas violetas, como nos días previos tamén solicitou Galegas 8M.
O feminismo galego quixo compaxinar a defensa dos dereitos das mulleres e a defensa do dereito á saúde
Víronse tamén carteis e faixas, mensaxes que buscaban renovar e manter viva a mobilización histórica que nos últimos anos veñen levando a cabo as mulleres e que, en parte, a pandemia de COVID -que todo deixa nun segundo plano- relegou nos últimos meses, ao tempo que cargaba sobre as mulleres a parte máis importante do peso da crise sanitaria e económica.
O feminismo galego quixo compaxinar a defensa dos dereitos das mulleres e a defensa do dereito á saúde, unha protección da saúde que é habitualmente exercida polas traballadoras e que atopou nas mobilizacións do 8M máis un aliado que un perigo.