-
Podes ver aquí unha galería de imaxes das distintas mobilizacións feministas que este luns percorreron as rúas de Galicia.
-
Remata tamén a manifestación en Compostela, enchendo toda a extensión da Praza do Obradoiro, pero gardando as distancias de seguridade.
-
Remata a mobilización da Coruña en María Pita, onde as participantes na marcha se despregaron por todo o espazo da praza durante a lectura do manifesto
-
Xornalistas Galegas apela á "responsabilidade social dos medios ante o agravamento da desigualdade entre homes e mulleres debido á pandemia". De igual xeito, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publicou un manifesto polo 8M no que advirte de que a COVID "elevou a ciencia á primeira plana" nos medios pero que, malia a importancia das mulleres no ámbito, a súa visibilidade e recoñecemento "é moi inferior", unha "infrarrepresentación" non só non corrixida durante a pandemia, senón "agravada". Podes ler aquí toda a información:
-
En Vigo a manifestación feminista tamén percorre as rúas da cidade dende hai uns minutos. Partiu da Praza de España ás 18 horas e chegará ata a Praza de América a través da Gran Vía, acompañada de percusión e dunha cazolada.
-
En Compostela a manifestación feminista iniciada na Praza 8 de Marzo rematará na Praza do Obradoiro. As participantes marchan en columnas, ao igual que nas restantes mobilizacións.
-
En Ourense, a manifestación -tamén respectando sempre estritas medidas de seguridade- partiu ás 17 horas do cruce de Xoán XXIII e vén de rematar ás portas do CHUO, o hospital da cidade, nunha homenaxe ao persoal sanitario, maioritariamente feminino, e ao seu traballo ao longo dos últimos meses de pandemia
-
Xa está en marcha a manifestación feminista da Coruña, que botou a andar na Praza das Cigrarreiras, e rematará na Praza de María Pita. As participantes marchan en columnas, cunha separación de dous metros entre elas. Na antiga Fábrica de Tabacos, de onde partiu a marcha, tivo lugar en 1857 a primeira folga de mulleres de Galicia. "Cando as cigarreiras tiñan que defender o colectivo, eran aguerridas e estaban sempre unidas", explicaba nesta entrevista a historiadora Ana Romero.
-
A folga convocada en Galicia por parte da CIG e da CUT tivo un seguimento desigual segundo os sectores, aínda que unha valoración "positiva" por parte das centrais, conscientes da importancia de manter vixente a reivindicación laboral malia a COVID e uns servizos mínimos que consideran "abusivos". Podes seguir lendo a información aquí:
-
Ademais de facer un chamamento á participación nas máis de 30 mobilizacións convocadas en cidades e vilas, Galegas 8M anima as mulleres a pendurar de fiestras e balcóns as súas roupas de traballo, como unha forma máis de encher o espazo público e de visibilizar o moitas veces invisible traballo das mulleres, tanto o asalariado como o labor de coidados.
-
Pola mañá leváronse a cabo concentracións e marchas en Lalín (na imaxe), As Pontes, A Gudiña, Xermade, Foz, Vilalba ou Cervo. Porén, a maior parte das convocatorias unitarias lanzadas pola plataforma Galegas 8M terán lugar esta tarde, a partir das 17 horas na Coruña ou Ourense, ás 18 horas en Compostela e Vigo, ás 19 horas en Ferrol e ás 20 horas en Lugo.
-
A UVigo convértese na primeira universidade española na que as mulleres accederán gratuitamente a produtos de hixiene feminina, como compresas e tampóns, que dende este xoves estarán dispoñibles nas delegacións de alumnado. A medida busca loitar contra a "pobreza menstrual”, explica a directora da Unidade de Igualdade.
En novembro de 2020 Escocia converteuse no primeiro país do mundo en garantir por lei o acceso gratuíto a compresas e tampóns. Mentres, no Estado español, seguen gravados co 10% de IVE, en vez do 4% que se aplica a produtos de primeira necesidade.
-
O 8M tamén se celebra nos centros de ensino. No IES A Sardiñeira da Coruña un grupo de estudantes realizaron unha faixa, que penduraron da fachada do instituto, e na que homenaxean ás traballadoras de varias das profesións "esenciais" durante os últimos meses de pandemia, ámbitos todos eles moi feminizados: persoal sanitario, caixeiras de supermercado, limpadoras, persoal de residencias... "Grazas a todas as mulleres que traballan polo noso benestar durante a pandemia. Sodes as nosas heroínas", lese na faixa.
-
O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia o "empeoramento da igualdade" no agro e no rural. "Seguimos sendo ese factor invisible que sostén o mundo rural co noso traballo nas granxas, cos nosos coidados ás persoas maiores e á rapazada. Porén, a maioría de nós segue sen ver recoñecida esta contribución á hora de adquirir algún tipo de compensación ou dereito como a maioría das traballadoras", sinala o SLG.
Dende que hai anos se abriu a posibilidade legal de facelo, tan só 18 labregas que se deron de alta como cotitulares das explotacións nas que traballan. Así mesmo, apenas o 5% das labregas que chegan a cotizar acadan unha pensión íntegra fronte ao 80% dos homes. Ademais, nas cooperativas, a pesar de que as mulleres son o 46% das socias, só ocupan o 16% dos postos nos consellos reitores e un 6% nas presidencias. Así mesmo, as mulleres cobran só o 27,5% das axudas directas da PAC ou o 26,35% das de desenvolvemento rural. Igualmente, o SLG denuncia que "seguen a pecharse servizos públicos esenciais no rural", como escolas ou centros médicos, "cuxa ausencia sempre repercute negativamente na xornada laboral das mulleres"
-
De igual xeito, o PSdeG-PSOE difunde este vídeo, baixo o título de '8M. Día Internacional das Mulleres. Imprescindibles e imparables'
-
Tamén o BNG da Coruña publica un vídeo realizado para este 8M, cun 'Pasapalabra' feminista no que participan militantes, activistas e cargos públicos da formación
-
Son varios os vídeos publicados este 8M por organizacións políticas, sociais e sindicais, en apoio á folga de mulleres e ás distintas mobilizacións que se levan a cabo este luns. Por exemplo, o da Marea Atlántica baixo o título de 'Este #8M, coidemos a quen coida'
-
A media mañá comezaron as concentracións e marchas convocadas pola CIG en cidades e vilas galegas. En total, o sindicato convoca 31 actos en todo o país. Na Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, Lugo, Ourense, Compostela ou O Grove están en marcha manifestacións (que en ocasións partiron de distintos lugares para confluír nun punto común. Nun informe publicado hai dúas semanas o sindicato alertou de que "mentres a crise do 2009 sacara as mulleres da casa, esta en cambio devolveunas ao fogar", en parte para o coidado de persoas dependentes, facendo fincapé no efecto negativo que tiveron os recortes de servizos.
-
Dende as primeiras horas do día piquetes informativos fan chamamentos á participación na folga laboral de mulleres en polígonos industriais ou ás portas de centros comerciais, empresas, hospitais, universidades e outros centros de traballo. A CIG denunciou nos últimos días "os inauditos” servizos mínimos decretados para impedir o dereito á folga" e criticou que a Xunta "agardara ao último día hábil para publicar o Decreto de servizos mínimos". “O obxectivo deste atraso é, como noutras ocasións, dificultar a presentación do recurso e a adopción de medidas cautelares por parte do tribunal”, sinalou a central.
8M | O feminismo galego sae á rúa para lembrar que o traballo das mulleres é esencial
Hemeroteca
-
"O traballo de axuda no fogar roza a escravitude, estamos moi queimadas"
-
A folga de traballadoras que conseguiu o reforzo de persoal de limpeza no Álvaro Cunqueiro en plena pandemia
-
"É moi duro ver un doente na UCI; se a xente o vise, si que se decidirían a cumprir as normas de prevención"
-
O feminismo galego chama a visibilizar a protesta nas rúas: "o peso desta crise volveu recaer en nós"