Xornalistas Galegas apela á "responsabilidade social dos medios ante o agravamento da desigualdade entre homes e mulleres debido á pandemia". É a demanda que o colectivo, formado por mulleres profesionais da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, fai ás empresas periodísticas neste 8M.
Xornalistas Galegas chama aos medios a "incidir no impacto da pandemia na realidade feminina" e no agravamento da desigualdade de xénero
Así, a asociación insta as directivas e redaccións dos medios a "incidir no impacto da pandemia na realidade feminina e evitar a difusión de contidos ou posicionamentos que banalicen e perpetúen a discriminación de xénero". Ademais, Xornalistas Galegas apela ao "carácter de servizo público" da prensa para esixir a "defensa do ben común, neste caso, a igualdade entre sexos".
No mesmo sentido, a entidade reivindica "a perspectiva feminista nos medios" para visibilizar accións en favor da igualdade e outorgar á figura da muller "a relevancia social que lle corresponde, especialmente no contexto de pandemia". "O colectivo feminino é maioritario no sector sanitario e en sectores precarizados como a limpeza e os coidados, actividades todas elas esenciais nesta crise", lembra nun comunicado a asociación, constituída en 2018 cun manifesto fundacional ao que se uniron 200 mulleres.
Xornalistas Galegas demanda "unha maior presenza de voces femininas como protagonistas, fontes expertas e opinadoras"
Ante esta situación, Xornalistas Galegas demanda "unha maior presenza de voces femininas como protagonistas, fontes expertas e opinadoras", así como, nos medios, unha "aposta firme" polo acceso de mulleres aos postos de responsabilidade e dirección das empresas.
Xornalistas Galegas lembra que o recente informe anual da Comisión Europea sobre igualdade de xénero cualifica de “desproporcionado” e “dramático” o impacto da pandemia nos dereitos das mulleres e cifra en “anos ou ata décadas” o prazo necesario para compensar esta volta atrás. Por iso pide visibilizar e denunciar o problema nuns medios que son claves "na creación de estados de opinión e na formación da sociedade en materia de igualdade".
Por outra banda, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publicou un manifesto polo 8M no que advirte de que a COVID "elevou a ciencia á primeira plana" nos medios pero que, malia a importancia das mulleres no ámbito, a súa visibilidade e recoñecemento "é moi inferior", unha "infrarrepresencaicón" non só non corrixida durante a pandemia, senón "agravada".
O Colexio de Xornalistas advirte que "prescindir do valor do coñecemento xerado polas mulleres científicas empobrece o traballo dos medios"
Asinado pola xornalista Iolanda Casal, o manifesto destaca que "as mulleres están a cambiar o xeito de investigar, introducindo novos puntos de vista a preguntas nunca antes formuladas pola ciencia androcéntrica" e que "prescindir do valor do coñecemento xerado polas mulleres científicas como fonte de información e contextualización xornalística" está a "empobrecer" o traballo dos medios.
"Un xornalismo honesto non pode optar polo clic garantido por calquera titular que cuestione a igualdade entre mulleres e homes en nome da natureza"
Así, e malia o espazo dedicado ás mulleres que destacan polas súas contribucións intelectuais e profesionais, Casal advirte de que centrar as preguntas "en cuestións como a conciliación da vida persoal e laboral pode invisibilizar o seu traballo e discriminar". "Cando menos mentres non se nos pase pola cabeza preguntarlles aos homes insistentemente como compaxinan crianza e carreira", di.
Ademais, reclama un "xornalismo honesto" que "non pode optar polo clic garantido por calquera titular que cuestione a igualdade entre mulleres e homes en nome da natureza" nin tampouco pola "equidistancia". "Ante a mala ciencia, o xornalismo honesto ten da súa parte as contribucións das científicas e científicos que tamén desenvolven o seu labor con honestidade.