O colectivo Xornalistas Galegas presentouse este sábado de maneira oficial na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. Coa presenza dun cento de asistentas, a asociación deu a coñecer os seus propósitos e as súas liñas de traballo, na que levan traballando desde que decidiran organizarse semanas despois do histórico 8-M.
"O periodismo será feminista ou non será", reivindica Xornalistas Galegas
"O xornalismo será feminista ou non será", advertiron nun acto con masiva presenza de xornalistas, pero tamén mulleres da comunidade universitaria, do ámbito cultural ou da política. As asistentes fixeron un chamado a "traballar xuntas" na procura dun xornalismo "plural e feminista" e para loitar contra as eivas dun sector que reproduce "a desigualdade, a subordinación, a precarización e a feminización da pobreza".
“Temos a obriga de protexernos para afrontar o que seguramente xa se está fraguando dende o sistema patriarcal como resposta a todo isto. E a única maneira é uníndonos e espallando toda esta mensaxe”, dixo Silvia Pérez Freire, socióloga e unha das que interviron no faladoiro. “É dificilmente veraz unha información que non conta coa metade da sociedade”, engadiu a profesora da USC Alba Nogueira, que cre que “se invisibiliza ou oculta o que fai o 50% da poboación”, o que pon en cuestión a propia supervivencia dos medios.
“É dificilmente veraz unha información que non conta coa metade da sociedade”, dixo Alba Nogueira
Foron varias as xornalistas integrantes do colectivo as que interviron para explicar os obxectivos e os labores que están a realizar. Entre elas, as madriñas da organización: Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USE, e Rosa Cobo, profesora de Socioloxía de Xénero e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas de la UDC.
Presentación do colectivo Xornalistas Galegas / @asxornalistas
Ademais, proxectáronse varios vídeos nos que se explicou o Manifesto por un xornalismo feminista, que reivindica a necesidade de melloras as condicións de traballo das mulleres, denunciar o machismo, pór fin ao teito de cristal ou visibilizar as cualidades femininas.
Margarita Ledo, pola súa banda, destacou o "avance importante" que supón que se reivindique sen problema ningún o feminismo, lembrou os atrancos que as mulleres tiñan no sector da comunicación hai décadas e dedicou as súas palabras ás "compañeiras da CRTVG pola súa longa loita por uns medios libres e de calidade, contra a banalización da información, contra a censura e contra o acoso".
Margarita Ledo dedicou as súas palabras ás "compañeiras da CRTVG pola súa longa loita por uns medios libres e de calidade"
Cobo, pola súa banda, destacou a "difícil relación entre mulleres e medios" e denunciou a "desvantaxe social" que se materializa en "subordinación, marxinación e opresión". "A desigualdade non é algo opinable", dixo quen sinalou "o patriarcado" e fixo un chamamento ás xornalistas porque "os medios son un poderosísimo axente socializador" e á vez poden ser "xeradores de significado e de opinión pública".
As xornalistas destacaron que "as mulleres non están en temas de prestixio" como a política, a economía, a ciencia ou o deporte e anunciaron que están a elaborar unha axenda de expertas para repartir entre os diferentes medios de comunicación. "Nas redaccións trabállase co tempo xusto e por iso se vai ao fácil chamando sempre ás mesmas fontes. Nós imos facilitar estas axendas para que poidan contar cos testemuños de mulleres expertas", dixeron.
O colectivo prepara unha axenda de expertas para repartir entre os medios de comunicación
Tamén crearon un observatorio feminista de medios, que pretende "detectar e denunciar publicamente o tratamento machista e a representación da muller nos contidos". Tamén buscan advertir da desigualdade nas condicións de traballo e a existencia de teitos de cristal: "Imos denunciar estas situacións independentemente do medio, da súa titularidade, propiedade ou soporte".
Nun vídeo con importantes persoeiros das artes, a música ou o xornalismo --entre eles Mercedes Peón, Suso de Toro, Javier Rey ou Támara Echegoyen-- apoiaron Xornalistas Galegas e insistiron na necesidade dun periodismo "plural e feminista".