0 Gardados para despois

"O 8M démonos conta da forza que temos as xornalistas cando actuamos de forma colectiva"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado 8 de marzo as xornalistas foron un dos colectivos que de forma máis unánime apoiaron a folga feminista. Un manifesto inicial deu lugar a un movemento que destacaba a dobre motivación destas profesionais para apoiar a mobilización: por unha banda as mesmas problemáticas laborais que se viven noutros sectores (problemas de conciliación, teitos de cristal...) e, ademais, a existencia de contidos machistas nos medios ou a falta de mulleres entrevistadas ou asinando artigos de opinión. O 8M as xornalistas pararon e tamén pararon os medios de comunicación. Meses máis tarde constituíuse o colectivo Xornalistas Galegas, que nacía "para integrar a perspectiva feminista no xornalismo".

Este sábado terá lugar a presentación oficial desta asociación. Será ás 11 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago, nun acto que abrirán Margarita Ledo, catedrática da USC, e Rosa Cobo, profesora de Socioloxía de Xénero na UDC. A continuación terá lugar unha mesa redonda na que seis mulleres destacadas nos seus ámbitos profesionais responderán á pregunta: Por que é necesario un xornalismo feminista? Trátase da xuíza Paz Filgueira, a investigadora biomédica Joana Magalhães, a profesora de Dereito Alba Nogueira, a socióloga Silvia Pérez Freire, a xornalista e escritora María Xosé Porteiro e a xogadora de rugby Elena Roca.

"Queremos poñer ao servizo de redactores e redactoras dos medios ferramentas para desenvolver un xornalismo feminista"

"Como mulleres padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e como xornalistas estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetúan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible", destacaba o manifesto Por un xornalismo feminista lanzado o pasado mes de xullo, que denunciaba en primeiro lugar "a precariedade laboral, a fenda salarial, o teito de cristal, o chan pegañento, o ninguneo ou o paternalismo". Nese senso Alba Taladrid, unha das voceiras da entidade, destaca especialmente ese concepto do chan pegañento, que está na base da fenda salarial existente na profesión: "Nós mesmas quedamos fixadas neses niveis máis baixos precisamente para poder asumir outras funcións que nos son asignadas como mulleres: maternidades e outros coidados".

Por iso, dende o colectivo faise especial fincapé na necesidade de mellorar as fórmulas de conciliación "nun sector no que é especialmente complicado para a conciliación" e cuxas consecuencias negativas acaban sufrindo sobre todo as mulleres. Ademais, reclámase un incremento da presenza das mulleres nos postos de responsabilidade das empresas de comunicación e rematar coas "temáticas femininas" e cos "estigmas laborais de xénero", polos que en ocasións determinadas seccións teñen menor presenza feminina.

A entidade está a traballar nunha axenda de mulleres destacadas nos seus respectivos ámbitos e que poden estar dispoñibles de maneira rápida para unha entrevista ou para publicar un texto de opinión

O manifesto que deu inicio a Xornalistas Galegas incidía tamén en aspectos puramente xornalísticos, relacionados cos contidos publicados polos medios, a visibilidade das mulleres ou a forma de abordar problemática coma a violencia de xénero. "Queremos visibilizar á muller nos medios de comunicación, como especialistas, opinadoras e expertas en diferentes ámbitos, equiparando a súa presenza coa masculina", destacaba. Un obxectivo para o que a entidade está a traballar nunha axenda de mulleres destacadas nos seus respectivos ámbitos e que poden estar dispoñibles de maneira rápida para unha entrevista ou para publicar un texto de opinión. 

A asociación quere tamén levar a cabo unha “vixilancia feminista” dos contidos dos medios, denunciando de forma pública as publicacións machistas ou sexistas. Para iso, búscase poñer en marcha a medio prazo un Observatorio Feminista dos Medios, en colaboración coas universidades galegas. Esta vixilancia incidirá en todos os temas, pero de forma moi destacada nas violencias machistas. "Esiximos un tratamento especializado da violencia de xénero, fomentando a formación deontolóxica e as perspectivas feministas nos editores de contidos. Queremos acabar con esta tendencia que temos as mulleres de morrer a mans de xente que nos mata", destaca Alba Taladrid, que subliña que "para nós, máis que a denuncia o fundamental é a formación". "Queremos poñer ao servizo de redactores e redactoras dos medios ferramentas para desenvolver un xornalismo feminista", di.

"Formamos parte dun sector cunha gran capacidade para xerar opinión. Podemos ser protagonistas desta revolución, porque esta revolución necesítanos como colectivo, porque podemos contribuír de maneira fundamental"

Xornalistas Galegas funcionará en rede, de forma horizontal e a través de cinco grupos de traballo: laboral, profesional, organización, finanzas e un grupo de conexión co 8M e o movemento feminista. "Para nós é fundamental estar en contacto directo con entidades feministas e con mulleres organizadas noutros ámbitos", explica Taladrid. Neste senso, a mención á mobilización do pasado 8 de marzo é clave. "Ese día naceu un pouco todo isto. O 8M démonos conta da forza que tiñamos as xornalistas cando participamos nun movemento deste tipo, non a título individual, senón de maneira colectiva, identificadas como xornalistas", comenta. "Cando somos vítimas e á vez cómplices dun problema tamén temos que poñer o foco en nós", engade. 

As xornalistas galegas son conscientes do papel clave que xogan os medios de comunicación para a conformación da opinión pública e para dar visibilidade (ou silenciar) a actividade das mulleres. "Formamos parte dun sector cunha gran capacidade para xerar opinión. Temos que aproveitalo", destaca Alba Taladrid. "Podemos ser protagonistas desta revolución, porque esta revolución necesítanos como colectivo, porque podemos contribuír de maneira fundamental", conclúe.

Acto das xornalistas da Coruña o 8M ante a estatua de Pardo Bazán | CC BY-SA | Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.