0 Gardados para despois

Unha folga de xornalistas, de avogadas, de mestras, de deportistas, de investigadoras...

Redacción | @prazapublica

O pasado xoves comezou a difundirse na rede o manifesto #LasPeriodistasParamos, un chamamento de traballadoras do xornalismo e da comunicación de todo o Estado a sumarse á folga do 8M. Nun só día superou as tres mil sinaturas e nestes momentos achégase xa ás tres mil. O manifesto (aquí en galego) foi lido este sábado no Teatro Principal de Pontevedra, na clausura do congreso de mulleres columnistas As mulleres que opinan son perigosas.

"Os espazos de opinión e os faladoiros están masculinizados", denuncia o manifesto de mulleres xornalistas, que amosa a súa preocupación "pola visión parcial da realidade que tantas veces ofrecen os medios"

O texto denuncia as discriminacións, desigualdades e machismo que sofren as mulleres neste e outros ámbitos: precariedade, inseguridade laboral, fenda salarial, teito de cristal, acoso sexual, dificultades para a conciliación e coidados (que son asumidos maioritariamente polas mulleres)... E amosa igualmente a súa preocupación "pola visión parcial da realidade que tantas veces ofrecen os medios". Neste senso, denuncia que as versións publicadas polos medios están nesgadas porque "non teñen en conta na mesma medida as experiencias, os relatos e as vivencias das mulleres que, a miúdo, son tratadas como personaxes secundarios ou con estereotipos". Ademais, critica que "os espazos de opinión e os faladoiros están masculinizados" e lembra que "hai máis que suficientes mulleres xornalistas e expertas que poden equilibrar eses espazos". O manifesto insta á audiencia e a lectoras e lectores "a seren cómplices das nosas demandas", pedindo ademais "que ningún partido político, sindicato ou medio de comunicación se apropie das nosas reivindicacións".

As mulleres investigadoras e docentes da universidade critican que "a nosa carreira académica está máis chea de obstáculos que a dos nosos compañeiros, temos contratos máis precarios e se concede menor financiamento ás nosas investigacións"

Nos últimos días outros colectivos comezaron a se auto-organizar, lanzando os seus propios manifestos e iniciativas sectoriais. Así o fixeron, por exemplo, as profesoras e investigadoras que traballan na universidade, que denuncian que "as mulleres recibimos salarios máis baixos, a nosa carreira académica está máis chea de obstáculos que a dos nosos compañeiros, temos contratos máis precarios e se concede menor financia ás nosas investigacións". E lembran que "os prexuízos implícitos de xénero discriminan ás mulleres na percepción de méritos nos procesos de avaliación, acreditación, selección e promoción, na revisión e aceptación de artigos, na avaliación de proxectos de investigación e mesmo aínda no volume de citas recibidas polos nosos traballos académicos".

Subliñan que só hai un 21% de mulleres catedráticas en España e apenas tres reitoras entre as universidades públicas. E reclaman "unha docencia que sexa socialmente relevante e ao servizo da transformación social, que teña en conta as experiencias e necesidades de homes e mulleres e que recoñeza as contribucións realizadas polas mulleres". Este mesmo luns pola mañá estaba convocada, así mesmo, unha Asemblea de mulleres traballadoras da USC "co obxecto de poñer en común estratexias cara á folga".

Tamén están mobilizándose dende hai meses os colectivos de estudantes e, de feito, a folga feminista estudantil foi dende o inicio un dos catro piares da mobilización (xunto á folga laboral, de coidados e de consumo). Entidades como Erguer, A Curuxa e ANEGA levan tempo traballando no paro que terá lugar este xoves.

"Xogadoras, adestradoras, xuízas/árbitras, directivas e demais profesionais relacionadas sufrimos día a día todo tipo de discriminación por motivo de xénero"

De igual xeito, lanzouse un manifesto específico para apoiar as reivindicacións das mulleres deportistas. "Xogadoras, adestradoras, xuízas/árbitras, directivas e demais profesionais relacionadas sufrimos día a día todo tipo de discriminación por motivo de xénero" destácase no texto, que tamén denuncia a realidade que padecen "deportistas invisibles nos medios de comunicación, sen contratos laborais, sen convenios, sen ligas profesionais, obrigadas a asinar cláusulas denigrantes como as relacionadas co embarazo e a cesión dos seus dereitos de imaxe". "Deportistas que nin sequera chegan a cobrar o Salario Mínimo Interprofesional, árbitras e xuízas que son insultadas e ameazadas impunemente, adestradoras que non chegan aos bancos da excelencia deportiva, directivas que non acceden a postos de responsabilidade nos clubs e nas federacións deportivas", engádese.

Nos últimos días comezaron a aparecer en distintos territorios do Estado iniciativas, peticións e manifestos destacando as razóns xerais e particulares que as mulleres de diversos sectores e ámbitos profesionais teñen para ir á folga. Algúns destes movementos (de mestras, enfermeiras, traballadoras das artes escénicas ou do sector do libro) van sendo compilados na páxina da iniciativa #LasPeriodistasParamos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.