Nace o colectivo Xornalistas Galegas "para integrar a perspectiva feminista no xornalismo"

Participantes no encontro fundacional do colectivo Xornalistas Galegas, este 7 de xullo en Santiago Dominio Público Xornalistas Galegas

"Incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real". É un dos obxectivos fundacionais de Xornalistas Galegas, o colectivo impulsado por unhas 200 profesionais da comunicación que este 7 de xullo botou a andar en Santiago coa presenza dunha corentena delas no seu terceiro encontro tras o histórico 8 de marzo no que, lembran, "as mulleres xornalistas participaron do movemento e da folga feminista, cun masivo seguimento" en Galicia no sector.

"Padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e, como xornalistas, estamos suxeitas a unhas condicións laborais específicas que perpetúan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible", di o manifesto. As profesionais do sector da comunicación, resalta, están dispostas a aproveitar a "poderosa maquinaria de creación de opinión" que supoñen os medios para inserir nela a "perspectiva de xénero externa e interna".

"Depende de nós, pero de todas nós" e por iso, advirten, "imos traballar unidas, conformando unha rede de seguridade para todas as mulleres" do oficio. As asinantes do manifesto, aberto a novas incorporacións, comprometen un "esforzo conxunto para crear un colectivo de xornalistas feministas galegas que permita avanzar na consecución" dunha taboa reivindicativa que sintetizan nun decálogo. A comezar por "visibilizar a muller nos medios como especialistas, opinadoras e expertas, equiparando a súa presenza coa masculina".

O colectivo Xornalistas Galegas inclúe nos seus obxectivos fundacionais "incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real"

"Desestigmatizar a presenza da muller na información a través da erradicación de ofensas de xénero" ou "roles sexistas", a difusión de iniciativas a prol da igualdade ou o "tratamento especializado da violencia de xénero" fan parte tamén dun decálogo que ve necesario que a "formación deontolóxica" na profesión leve consigo a "perspectiva feminista nos editores de contidos". Neste sentido, as mulleres do colectivo comprométense a "realizar unha vixilancia feminista dos contidos e denuncia pública e directa das publicacións machistas ou sexistas" e a "promover iniciativas profesionais feministas que eduquen e xeren conciencia social".

Entre os obxectivos do colectivo Xornalistas Galegas, que xa prepara un acto de presentación pública para setembro, destaca tamén a aposta polo "incremento da presenza das mullers nos postos de responsabilidade das empresas de comunicación" ou "controlar o cumprimento real das medidas de conciliación familiar e laboral, con especial atención á particularidade dos horarios dos medios" e "tarefas xornalísticas en xeral". Tamén no ámbito das condicións laborais o manifesto avoga por "avaliar e reorientar a situación laboral da muller en ámbitos concretos da produción xornalística". Estas reivindicacións e o propio colectivo inserirase na plataforma Las periodistas paramos que, lembran, xurdiu a nivel estatal "a raíz das mobilizacións do 8 de marzo de 2018".

Acto das xornalistas da Coruña o 8M ante a estatua de Pardo Bazán CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.