Dende hai 13 anos están en vigor a Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, en todo o Estado, e a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de ámbito galego. Estas normas establecen, entre outros aspectos, a obriga legal dos medios de comunicación de promover a igualdade entre homes e mulleres e de aplicar pautas informativas específicas no tratamento das informacións de violencia machista.
A entidade impulsa unha proposición non de lei de iniciativa popular solicitando o reforzo das medidas de control da aplicación das leis de igualdade e para a prevención da violencia de xénero nos contidos dos medios
Porén, estas leis non sempre se que están a cumprir, destacando a asociación Xornalistas Galegas, na súa tarefa de vixilancia de contidos sexistas, exemplos recorrentes de "incumprimentos sistemáticos" por parte dos medios de comunicación que difunden os seus contidos en Galicia. Ante esta situación "que supón un flagrante incumprimento das leis vixentes", a entidade está a impulsar unha proposición non de lei de iniciativa popular solicitando o reforzo das medidas de control da aplicación das leis de igualdade e para a prevención da violencia de xénero nos contidos dos medios.
A proposta, presentada aos grupos parlamentarios co obxectivo de obter o seu apoio unánime, foi rexistrada no Parlamento galego este 25 de novembro, Día Internacional para a erradicación das violencias contra as mulleres.
Entre as medidas que inclúe a iniciativa está a demanda de que exista unha información pública dos indicadores que se aplican para o control do cumprimento das leis relativas á igualdade e, igualmente, que se publiquen os apercibimentos que se remiten aos medios de comunicación polo seu incumprimento. Xornalistas Galegas pide tamén que se reforcen os mecanismos de control dos contidos dos medios e se establezan as canles de comunicación necesarias para integrar nestas tarefas as denuncias dos colectivos profesionais. Finalmente, solicitan a aprobación dun regulamento sancionador e medidas coercitivas directas.
Xornalistas Galegas pide que se reforcen os mecanismos de control dos contidos dos medios e solicitan a aprobación dun regulamento sancionador e medidas coercitivas directas
Ademais de impulsar esta proposición non de lei, Xornalistas Galegas fai un chamamento aos medios para que apliquen un tratamento especializado da información sobre violencia de xénero, con profesionais e fontes especializadas á hora de informar sobre esta problemática. Así mesmo, o colectivo remitiu aos medios unha serie de guías, decálogos e recomendacións que foron publicados nos últimos anos.
Entre eles destaca a Declaración de Compostela impulsada hai máis de 15 anos polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, a Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller do Colexio de Xornalistas de Galicia ou a guía do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, así como diversos traballos académicos e profesionais de institucións e empresas xornalísticas privadas de ámbito autonómico e estatal.
Unhas redacións "verdadeiramente igualitarias"
O Colexio de Xornalistas lembra "a necesidade extrema dun tratamento informativo axeitado dos casos de violencia machista"
Precisamente o Colexio de Xornalistas publicou este martes un comunicado no que lembra "a necesidade extrema dun tratamento informativo axeitado dos casos de violencia machista". Unha reclamación que, lembra, é agora "aínda máis necesaria que nunca, posto que a omnipresencia da pandemia pode provocar que este tema sexa eclipsado nas axendas informativas, malia a que as fontes expertas advirten que as desigualdades de xénero se ven aumentadas nos contextos de crise como o actual".
O CPXG subliña que situacións como o confinamento ou as reducións de mobilidade "aumentan de maneira considerábel o risco de sufrir violencia machista", debido a que hai un maior tempo de convivencia entre a vítima e o agresor, complícase a posibilidade de recibir axuda externa e invisibilizanse as agresións.
"Só cunhas redacións verdadeiramente igualitarias e que saiban recoñecer as estruturas patriarcais poderemos conseguir unha información que axude a erradicar a violencia machista", di o Colexio de Xornalistas
O Colexio conclúe que 15 anos despois, a Declaración de Compostela "segue a ser, non xa só unha guía útil, senón unha meta aínda por alcanzar no tratamento responsábel dos distintos tipos de violencias machistas". A entidade recoñece que neste tempo houbo melloras "como a identificación desta violencia como un problema social de primeira orde ou o maior compromiso nas redaccións".
E fai fincapé na necesidade de avanzar na formación especializada para xornalistas e na creación de "editores ou correspondentes de xénero nos medios", dous aspectos nos que o CPXG está a traballar en colaboración coa Consellaría de Emprego e Igualdade. "Só cunhas redacións verdadeiramente igualitarias e que saiban recoñecer as estruturas patriarcais poderemos conseguir unha información que axude a erradicar a violencia machista", conclúe o Colexio.