O 16 de outubro de 2004 máis de setenta xornalistas e axentes sociais asinaban a Declaración de Compostela, un documento que recoñecía a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra a violencia machista e que ofrecía unha guía para a práctica informativa diaria. Tratábase dunha iniciativa impulsada polo Colexio de Xornalistas de Galicia, a través do seu Observatorio de Medios.
O documento recoñecía a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra a violencia machista e que ofrecía unha guía para a práctica informativa diaria
"Medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta", dicíase na Declaración, que reclamaba "afrontar informativamente estes casos como un problema social", enmarcándoos sempre "na problemática xeral da violencia contra as mulleres". "En consecuencia, non se tratarán como casos illados da crónica negra, obviando o seu emprazamento nas páxinas ou bloques informativos destinados aos sucesos", dicíase
No texto, apostábase por "respectar o dereito á intimidade e a dignidade das persoas agredidas" e por "evitar o sensacionalismo, o morbo e o dramatismo". Así mesmo, pedíase evitar os estereotipos, prexuízos e tópicos ligados á violencia contra as mulleres, como por exemplo que "non son froito dun feito pasional", que "a vítima nunca é responsábel do feito violento" que os malos tratos "non se producen exclusivamente entre as clases marxinais" e que hai elementos (alcoholismo, ciumes…) que poden xustificar as agresións.
A Declaración reclamaba "afrontar informativamente estes casos como un problema social", enmarcándoos sempre "na problemática xeral da violencia contra as mulleres"
"Ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade. Medios e xornalistas adoptarán un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta", sinalábase finalmente no texto, que ficou como un documento de referencia nos anos seguintes, acompañado doutros recursos, coma a Guía para o tratamento informativo da violencia contra a mulles, realizada en colaboración co Colexio de Psicoloxía.
Quince anos despois o Colexio de Xornalistas quixo facer balance do camiño percorrido, un tempo no que se produciron evidentes avances, tanto entre os e as xornalistas coma na sociedade, que dende hai tempo é a primeira en rexeitar as prácticas machistas neste tipo de informacións cando se producen. Durante este luns 25 de novembro o CPXG comparte nas redes sociais as reflexións de Belén Puñal, unha das impulsoras da Declaración de Compostela; Cláudia Morán, integrante de Xornalistas Galegas; Rita Alonso, profesional de TVE en Galicia e María Xosé Porteiro, xornalista.
Valoran "moi positivamente" os pasos adiante na identificación da violencia machista como un problema social
Todas elas valoran "moi positivamente" os pasos adiante na identificación da violencia machista como un problema social de primeira orde e na sensibilización contra o machismo estrutural que a causa. Tamén se percibe un maior compromiso nas redaccións, especialmente das xornalistas. Con todo, tamén se detecta "unha perigosa tendencia á espectacularización e mercantilización destas informacións", en coberturas como a do triplo crime machista de Valga ou a do asasinato de Diana Quer.
Porén, tamén se detecta "unha perigosa tendencia á espectacularización" en coberturas como a do triplo crime machista de Valga ou a do asasinato de Diana Quer
Neste senso, nos últimos días Xornalistas Galegas veñen denunciando nas redes sociais o tratamento mediático negativo que está a ser realizado ao redor do xuízo polo asasinato desta moza, un proceso no que "o morbo e o sensacionalismo acadaron unha nova dimensión". O colectivo alerta do "dramatismo" das informacións, da "falta de respecto á intimidade" dos familiares de Diana Quer, do recurso ao clickbait a partir de noticias con titulares rechamantes e mesmo de novas que chegan a "minimizar a gravidade dos feitos utilizando o termo 'piropear' para describir unha clarísima situación de acoso" por parte do presunto asasino.
De igual xeito, a pesar dos pasos adiante que se foron dando, aínda son habituais os titulares e informacións que incorren en tratamentos machistas, tanto en noticias referidas a violencia de xénero coma noutras. Hai tres anos o Colexio de Xornalistas lanzou a campaña #NonDifundasMachismo para visibilizar e denunciar estas prácticas, novas que incluían distintos estereotipos e comportamentos que continuaban a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación.