Foron moitas as críticas á cobertura que a maior parte dos medios de comuncación están a facer do caso da nena Asunta Basterra, asasinada hai dez días en Compostela. O malestar polos excesos verbales e gráficos de xornais e informativos e programas de televisión foi crecendo e xa hai uns días o Colexio de Xornalistas, a través do seu decano, Xosé Manuel Pereiro, lembraba a necesidade de que existan organismos independentes que velen polo cumprimento das normas deontolóxicas da profesión. O propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Facultade de Xornalismo da USC veñen de facer público un comunicado no que sinalan que "houbo importantes eivas na calidade informativa".
Fan un chamamento a "recuperar os elementos que garanten a calidade informativa, como a veracidade das fontes, o seu contraste, a oportunidade da información e os límites impostos polo dereito á privacidade, á propia imaxe e a presunción de inocencia
No texto, as dúas entidades fan un chamamento a "recuperar os elementos que garanten a calidade informativa, como a veracidade das fontes, o seu contraste, a oportunidade da información e os límites impostos polo dereito á privacidade, á propia imaxe e a presunción de inocencia" e apelan "ao compromiso coa sociedade tanto dos profesionais coma dos editores dos diferentes medios, ben sexan en papel, en televisión, en radio ou en internet".
Lembran que "non teñen capacidade para decidir as políticas editoriais dos medios de comunicación", pero asumen que "si é a súa obriga facer un chamamento á responsabilidade dos editores e das fontes informativas para que non se desvirtúe o fin último do xornalismo que é garantir o dereito á información veraz e á opinión libre". Tamén fan referencia "á profesionalidade, ao respecto dos códigos deontolóxicos e ao bo traballo das ducias de xornalistas que se enfrontan ante a dura tarefa de informar dun suceso tan dramático". Colexio e Facultade reivindican a "obriga da información veraz, obxectiva e imparcial" para que os medios de comunicación "poidan trasladar ao conxunto da sociedade toda a información relevante relacionada co caso".