#NonDifundasMachismo dende os medios de comunicación

Un dos titulares que infantilizaban e relegaban a Carolina Marín Dominio Público Praza Pública

"Carolina Marín, la niña que admira a Nadal, primera no asiática que gana el oro olímpico". Así referiu algún medio a vitoria acadada este verán pola deportista andaluza na competición olímpica de bádminton, todo un exemplo de tratamento machista dunha información, que non só elevaba á condición protagonista a un home senón que infantilizaba a muller que viña de acadar unha auténtica xesta. Unha cobertura machista complementada por outros artigos que relegaban o papel de Marín (e mesmo a denigraban), destacando neste caso o do seu adestrador, "Rivas, el hombre que convirtió en oro las rabietas de Carolina". Mención á parte merecen os ataques recibidos polas representantes da CUP, nun tratamento negativo no que se misturaba o odio pola súa ideoloxía e a súa condición de mulleres.

Son algúns exemplos de tratamentos machistas nas informacións, que de continuo se poden atopar nos medios de comunicación. O Colexio de Xornalistas vén de lanzar a campaña #NonDifundasMachismo, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra este venres 25 de novembro. A campaña consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de "titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación". O Colexio chama a compartir estas entradas e tuits para "visibilizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios", usando o hashtag da campaña.

A campaña consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de "titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación"

Entre as recomendacións que o Colexio realiza están cousas tan sinxelas como "Non xustifiques a violencia. Non banalices os asasinatos. Non culpabilices ás vítimas", á hora de informar sobre a violencia machista, algo que non sempre se cumpre. Tamén "Non trates a muller como un obxecto sexual. Non xulgues o seu aspecto físico" ou "Non fagas preguntas machistas. Non espalles insultos, roles e prexuizos sexistas". De igual xeito pídese o xa referido "Non infantilices a muller". Ou "Non difundas estereotipos sexistas", coma o que se aproveitou El Correo de Andalucía para editorializar sobre Pedro Sánchez: "No llores como una mujer lo que no supiste defender como un hombre".

En 2004 o Colexio de Xornalistas lanzou a Declaración de Compostela, cunhas breves recomendacións e compromisos á hora de informar sobre a violencia de xénero. De igual xeito, en 2007 a Xunta de Galicia publicou un manual de redacción xornalística para tratar estes casos.

 

Un dos titulares que infantilizaban e relegaban a Carolina Marín Dominio Público Praza Pública
Exemplo de difusión de estereotipos sexistas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.