Contra a violencia física. Contra o desprezo na parella e fóra dela. Contra o acoso. Contra a subordinación. Contra a fenda salarial. Contra os estereotipos no traballo, na escola, na universidade os nos titulares dos medios de comunicación. Contra os xoguetes para nenos e os xoguetes para nenas. Ao cabo, contra o machismo e a súa violencia.
Un 25 de novembro máis numerosas entidades cívicas, políticas e sociais, co movemento feminista á fronte, claman contra a violencia machista. As agresións de xénero e as súas vítimas mortais, lembran, son só a cara visible dunha problemática con raíces fondas na historia e nas persoas.
A percepción do que é e non violencia machista dende os primeiros anos de vida, a educación en valores alleos á agresividade e a loita contra as falacias e as medias verdades póñense en primeiro plano entre a lembranza das vítimas dos asasinatos. Son xa unha corentena en todo o Estado no que vai de ano, segundo datos oficiais, cunha muller asasinada en Galicia e dous casos máis en territorio galego aínda en investigación. En 2015 foran sete as asasinadas en Galicia, e na última década unhas corenta.
É neste contexto no que xorden as múltiples accións de concienciación contra o machismo as violencias que del derivan desenvolvidas nas últimas semanas dende entidades sociais e Administracións públicas. Algunhas das que adquiriron maior repercursión encárganse na iniciativa En negro contra a violencia, o proxecto lanzado en 2015 polo Concello de Santiago que este ano foi espallado a case unha vintena de municipios, cuxos gobernos locais, de todas as cores, implicaron xa na súa difusión a case 3.000 establecementos comerciais e entidades, dende pequenas tendas a grandes cadeas e mesmo a catedral da capital galega.
Organizacións feministas e institucións públicas subliñan que o 25N debe ser o reflexo dunha loita constante contra a violencia machista en todos os ámbitos
As mostras de rexeitamento ao machismo que xorden de todos estes concellos únense nesta xornada ás reivindicacións das organizacións feministas e as plataformas en que se agrupan. É o caso da Marcha Mundial das Mulleres, que este 25N chama a manifestarse baixo o lema A violencia machista non ten idade, erradiquémola!, nun contexto no que, din, "a violencia machista é contra todas e as solucións son colectivas". Do mesmo xeito, a Plataforma Feminista Galega, acabada de constituír como tal, convoca actos e mobilizacións ao berro de Contra as violencias machistas, loita feminista.
Estas e outras entidades e organización subliñan, non obstante, que o 25 de novembro debe ser o reflexo dunha loita contra a violencia machista que cómpre estender a todo o ano e, sobre todo, a todas as perspectivas, indo alén das relacións de parella e estendendo o debate e o activismo ao conxunto da sociedade. Esta reflexión xorde, de xeitos diversos, en iniciativas e traballos cotiáns coma estes:
Educando contra as violencias machistas dende os centros de ensino: O exemplo do IES de Arzúa
Son moitos os colexios e institutos de todo o país que nesta semana organizan actividades ao redor do 25N. O IES de Arzúa levou a cabo un bo número de iniciativas, algunhas coma o obradoiro Suprime o control, iniciada no comezo do curso. Falamos coa vicedirectora do centro.
María Xosé Agra: "O feminismo, por partir dende as marxes, pode situar os problemas nun contexto distinto"
A catedrática de Filosofía Política vén de publicar ¿Olvidar a Clitemnestra?: sobre justicia e igualdad (USC), no que reflexiona sobre o sentido da xustiza e a igualdade, despregando interrogantes ante o desconcerto, os medos, as incertezas e vulnerabilidades do mundo contemporáneo
Loito e verbas para concienciar sobre a violencia de xénero
Os escaparates e rúas de 17 concellos galegos fóronse enchendo de negro para lembrar as vítimas pero tamén para facer pedagoxía e informar contra as agresións machistas
8 anos de feminismo dende A Mariña
O Observatorio da Mariña pola Igualdade nfocando a realidade da súa comarca dende unha perspectiva de xénero, dando a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da Mariña, e poñendo en marcha numerosas actividades para contribuír dende o nivel local a acadar unha sociedade máis igualitaria
María Ferreiro: "As mulleres do rural sofren máis illamento e vulnerabilidade económica"
O Sindicato Labrego Galego unhas xornadas contra as violencias machistas, que dan continuidade a unha serie de obradoiros que o sindicato realizou con mulleres labregas en varias comarcas do país. Falamos con María Ferreiro, responsable da Secretaría das Mulleres.
#NonDifundasMachismo dende os medios de comunicación
O Colexio de Xornalistas desenvolve unha campaña coa que quere concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións. Anima a visibilizar nas redes sociais exemplos deste problema
Marta Lois: "O éxito da campaña 'En negro' é que vai de abaixo a arriba, as institucións ao servizo da comunidade"
Falamos con Marta Lois, edil de Igualdade de Santiago, concello no que en 2015 xurdiu a campaña 'En negro contra a violencia'. "Unha das claves é que a campaña vai á liña de flotación das mensaxes normalizadas e patriarcais que dominan as nosas sociedades, e danlles a volta e denúncianas"
Carme Fouces: "Todas as mulleres temos algo que contar sobre ese primeiro acoso; a todas nos pasou"
A concelleira de Benestar Social en Pontevedra, impulsou e iniciou a exitosa campaña #PrimAcoso para sacar á luz as pequenas agresións machistas ou humillacións sufridas polas nenas. "Agardabamos impacto pero non sabiamos ata que punto ía haber valentía", di
Alicia Puleo: "As mulleres son as primeiras vítimas do deterioro medioambiental"
Esta filósofa ecofeminista reflexionou, durante súa recente visita a Galicia, a respecto dos retos que ten por diante o feminismo, o ecoloxismo e a esquerda. "Algúns valores que hoxe en día se preconizan dende a ecoloxía son virtudes que tradicionalmente desenvolveron as mulleres, comezando polo concepto de coidado e protección, neste caso aplicado ao medio natural", di.