Alicia Puleo: "As mulleres son as primeiras vítimas do deterioro medioambiental"

Alicia Puleo © URJC

Ourense acolle este venres e sábado unhas xornadas internacionais de formación para mulleres, organizadas por AGEe e coa vista posta na celebración do 25N. O evento, organizado por Lídia Senra, reúne durante os dous días no Centro Cívico A Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), máis dunha ducia de relatoras e moderadoras para debater sobre “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”.

Para Senra, a día de hoxe “observamos como na esquerda queda aínda moito por facer para conseguir a igualdade real de dereitos entre os homes e as mulleres”. “A miúdo vemos como en innumerables ocasións a representación partidaria é maioritariamente masculina e os cargos institucionais seguen sendo aplastantemente homes”, denuncia. De aí a necesidade de organizar eventos e xornadas deste tipo, no que as mulleres poidan debater e poñer en común traballos e situacións, co obxectivo de “seguir fortalecendo a loita para un mañá sen patriarcado”.

Entre as activistas e pensadoras que participarán está a doutora en Filosofía e Semiótica, profesora da Universidade de Vigo, Saleta de Salvador Agra; a militante do Projeto Popular para o Brasil, Eliane de Moura Martins; ou a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez. Ademais, haberá un debate sobre "Acción social dende o feminismo" que reunirá reunirá a Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, Eva Bastón e Tania Merelas, de Fiadeiras, grupos de traballo en igualdade de xénero dentro do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, e Eva Gutiérrez, da Plataforma ProCAPD, en defensa dun centro público de atención a persoas con diversidade funcional para a provincia de Ourense.

"Hoxe en día a xustiza social require do ecoloxismo: moitos dos problemas sociais actuais, o empobrecemento, a miseria..., están relacionados co deterioro medioambiental"

Tamén interveu a filósofa ecofeminista Alicia Puleo, profesora de Filosofía Moral e Política na Universidad de Valladolid, autora de obras como La Ilustración olvidada. La polémica de los sexos en el siglo XVIII, Filosofía, Género y Pensamiento crítico ou Ecofeminismo para otro mundo posible. Falamos con ela.

"As mulleres son as primeiras vítimas, sobre todo as mulleres pobres, as mulleres dos países empobrecidos e as mulleres rurais. A súa vida é moi dependente das condicións do medio ambiente"

Que papel debe xogar o feminismo na definición desa nova cultura e nova economía máis sostible e máis respectuosa cos límites do planeta? Por que é importante que o feminismo teña un papel clave?

A relación entre feminismo e ecoloxía é aínda incipiente, a pesar de que o ecofeminismo leva décadas establecer esta relación. Porén, os maiores avances -tímidos- déronse sobre todo no mundo anglosaxón, mentres que no noso país é unha materia pendente. Non sempre o feminismo ten unha conciencia ecoloxista e non sempre o ecoloxismo ten unha conciencia feminista, isto vén dificultando un diálogo que eu penso que é moi necesario e que enriquece ambos movementos e ambas teorías. Hoxe en día a xustiza social require do ecoloxismo: moitos dos problemas sociais actuais, o empobrecemento, a miseria..., están relacionados co deterioro medioambiental e isto vai ser así cada vez máis. Non pode haber xustiza social sen eco-xustiza.

As mulleres sofren máis este deterioro medioambiental?

Si, as mulleres son as primeiras vítimas, sobre todo as mulleres pobres, as mulleres dos países empobrecidos e as mulleres rurais. A súa vida é moi dependente das condicións do medio ambiente. O desenvolvemento económico baseado na utilización de agrotóxicos e na destrución dos ciclos ecolóxicos está enfermando esas poboacións. Temos en Arxentina un movemento, chamado Madres de Ituzaingó, organizado contra as fumigacións masivas nos cultivos de soia, pola maior incidencia de cancros nas poboacións próximas aos lugares nos que se fumigaba. Hai tamén problemas de acceso aos recursos naturais, por mor dun desenvolvemento que destrúe o medio ambiente. Despois hai outro tipo de efectos negativos, que sofren as mulleres do mundo desenvolvido, polo consumo de certos químicos presentes en produtos de consumo. Debemos conseguir que as mulleres comprendan que o coidado medioambiental é un asunto feminista.

"Algúns valores que hoxe en día se preconizan dende a ecoloxía son virtudes que tradicionalmente desenvolveron as mulleres, comezando polo concepto de coidado e protección, neste caso aplicado ao medio natural"

O feminismo achega valores e conceptos diferentes ao coidado do medio?

Algúns valores que hoxe en día se preconizan dende a ecoloxía son virtudes que tradicionalmente desenvolveron as mulleres, comezando polo concepto de coidado e protección, neste caso aplicado ao medio natural. E é tamén a base dos movemento de defensa dos animais. Foron valores que historicamente foron devaluados, porque os homes os identificaron como femininos, e hoxe en día debemos elevalos para consideralos esencialmente humanos e deben ser ensinados aos varóns, para que todos -mulleres e homes- os recoñezamos como propios e os apliquemos á natureza humana e non humana.

Sempre me chamou a atención que nos movementos de defensa dos animais a participación feminina é moi maioritaria, a diferenza doutros movementos, mesmo o ecoloxista, cunha maior presenza masculina. A que pode deberse?

Estamos asistindo a un cambio civilizatorio moi grande nese sentido. Moitas ideas de sensibilidade ética que no pasado foron defendidas de xeito minoritario, hoxe están converténdose nun movemento de masas. Dende o ecofeminismo iso pódese entender e apoiar en clave de xénero. É quizais o momento de reivindicar esas virtudes que no pasado foron criticadas como sensiblería e que hoxe se reclaman como algo xusto e humano.

"Está por unha banda o desexo de non-ver, e pola outra un sistema capitalista que non permite tomar esas medidas: búscase unha rendibilidade económica inmediata"

A natureza leva xa moito tempo dando moitos avisos, a través de catástrofes naturais, alteracións climáticas... As evidencias científicas da destrución medioambiental e dos seus efectos e perigos tamén son incontestables. Porén, segue habendo moitas resistencias para dar pasos políticos decididos para mudar o rumbo: hai acordos moi tímidos (coma o de París) que mesmo estes días en Marrakech se está poñendo en cuestión, nos Estados Unidos gaña un presidente que nega o cambio climático... Por que somos tan remisos a dar estes pasos cando sabemos que antes ou despois haberá que dalos e que pode que o único debate sexa se as medidas se toman gradualmente ou de golpe, de forma máis traumática? É porque fronte á evidencia obxectiva elévanse outras prioridades, coma o beneficio rápido?

Paréceme moi importante a cuestión do beneficio rápido, sen mirar máis aló. Eu este ano estou bastante asustada polo tempo que tivemos, moi cálido e sen chuvia, e en cambio vexo a xente contentísima. E se comentas este tema, parece que es unha augafestas. Está por unha banda o desexo de non-ver, e pola outra un sistema capitalista que non permite tomar esas medidas: búscase unha rendibilidade económica inmediata, pagándolles menos ás traballadoras e pagando o menos posible polos recursos que se utilizan. É a lóxica deste sistema, baseando en crecer, nun crecemento infinito nun planeta finito.

"Tanto o feminismo coma o ecoloxismo son desenvolvementos da Ilustración, aínda que despois en tanto que son pensamento crítico teñan que atacar a propia Ilustración e amosar as súas deficiencias"

Utilizaches nalgún traballo o concepto de ecofeminismo ilustrado, e gustaríame que me explicases como o entendes. Pero ademais interésame saber que pensas da propia Ilustración, sobre a que tamén investigaches en varias obras, sobre todo porque é un proceso histórico -que configura completamente a modernidade: as cousas boas e algunhas malas tamén- que recibiu críticas dende o feminismo por asentar o sistema de dominación masculina...

Si que utilicei moito no seu momento o concepto de ecofeminismo ilustrado, aínda que ultimamente veño empregando máis o de ecofeminismo crítico, aínda que facendo referencia ao mesmo, ao valor da crítica ilustrada. Pero preferín obviar un pouco o termo ilustrado precisamente por iso que sinalas: a Ilustración recibiu numerosas críticas na época postmoderna. Xa sabemos que as modas intelectuais seguen un movemento pendular, e houbo un momento no que todo o que facía referencia á Ilustración estaba maldito. Tanto o feminismo coma o ecoloxismo son desenvolvementos da Ilustración, aínda que despois en tanto que son pensamento crítico teñan que atacar a propia Ilustración e amosar as súas deficiencias. O feminismo fíxoo porque as mulleres quedaron excluídas da nova sociedade, da democracia moderna inaugurada pola Ilustración. O todos os homes son iguais orixinal en realidade non facía referencia aos seres humanos, senón aos varóns. Pero os principios de igualdade, liberdade e solidariedade son principios ilustrados que serviron para desenvolver o feminismo. O Seminario Feminismo e Ilustración, fundado por Celia Amorós hai moito anos e do que eu formaba parte amosou como a Ilustración non cumprira todas as súas promesas e en que sentido había que criticalo. Un teórico ecoloxista como Andrew Dobson tamén sinala que o ecoloxismo ten as mesmas raíces ilustradas, nace deses principios, desenvólvese, pero tamén amosa como a Ilustración perverteu eses valores ou desenvolveu unicamente a súa cara positivista, a súa razón instrumental e non a súa razón emancipatoria.

"O meu ecofeminismo non presupón que as mulleres representen máis a terra que os varóns, ou que sexan identificadas coa maternidade, ideas que si están presentes nalgúns ecofeminismos"

O ecofeminismo debe ser, polo tanto, ilustrado?

O ecofeminismo debe ser ilustrado, polo tanto crítico, para evitar mistificaciones. Debe ser necesariamente crítico cos prexuízos, as tradicións e as formas novas de dominación tecnolóxica e social. Conserva o legado emancipatorio da Ilustración; pois a Ilustración tiña dous principios básicos: a crítica ao prexuízo e a idea de igualdade, ideas moi válidas para ir máis aló do que a propia Ilustración propoñía. A min paréceme moi perigos o un ecofeminismo que desdeñe por completo o legado ilustrado, sobre todo por ese temor á mistificación -que sempre foi o gran temor do feminismo ao ecofeminismo- sobre o concepto da capacidade das mulleres de dar vida. O meu ecofeminismo non presupón que as mulleres representen máis a terra que os varóns, ou que sexan identificadas coa maternidade, ideas que si están presentes nalgúns ecofeminismos. Os dereitos polos que as feministas loitaron durante tanto tempo: o dereito a dispoñer libremente do seu propio corpo e o dereito á libre interrupción do embarazo, choca cun ecofeminismo asentado na santidade da vida. Un ecofeminismo crítico nesa tradición ilustrada da liberdade e a autonomía é importante para que as mulleres poidan conservar os dereitos que o feminismo conquistou.

 

Cartaz das xornadas internacionais para mulleres © AGEe
Intervención de Alicia Puleo nas xornadas © AGEe
Intervención de Alicia Puleo nas xornadas © AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.