0 Gardados para despois

Educando contra as violencias machistas dende os centros de ensino: O exemplo do IES de Arzúa

Redacción | @prazapublica

Son moitos os centros de ensino de todo o país que nesta semana organizan actividades ao redor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra este venres. O IES de Arzúa é un bo exemplo. Este venres será a xornada central de moitas destas actividades, pois levarase a cabo unha concentración na que se lerá un manifesto e, ademais, se entregarán os premioso do certame literario feminista que se convocou hai unhas semanas (no que, por certo, a gañadora foi Lucía Budiño Carril de 4º ESO co seu texto 'Estamos fartas'). 

Porén, xa dende a semana pasada as aulas e corredores do centro amosan un bo número de elementos de reflexión e denuncia ao redor das violencias machistas, con cartaces, unha selección de música a cargo de cantantes e grupos de mulleres e con perspectiva de xénero e unha selección de libros e filmes na biblioteca escolar.

O programa Suprime o control, impulsado pola Deputación da Coruña, naceu co obxectivo de contribuír á violencia de xénero desde o ámbito educativo

Outra das actividades máis interesantes das realizadas no centro tamén funciona de xeito independente con respecto aos actos deste venres. Ao longo de todo o curso, os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO participaron nos obradoiros de igualdade Suprime o controlimpulsados pola Deputación da Coruña. Este programa naceu co obxectivo de contribuír á violencia de xénero desde o ámbito educativo e ofrece ferramentas coas que traballar para a construción da igualdade con especial atención á violencia machista na adolescencia e a súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais. Os obradoiros de Suprime o control, xa en marcha en centros das comarcas de Arzúa, Bergantiños, Ordes, Santiago e o Sar desenvolverase ao longo deste primeiro curso académico en 14 centros educativos e terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019. Xa no 8 de marzo o IES de Arzúa levara a cabo un proxecto de elaboración de videopoemas no marco da iniciativa Donas de si, da Secretaría Xeral de Igualdade.

"Poden chegar a conclusión lóxicas ás que os adultos moitas veces non chegan. Pero a práctica é máis complicada e require dun traballo máis a fondo e máis integral"

Maca Rocamonde, vicedirectora do centro e coordinadora da meirande parte das actividades, valora o efecto que teñen no alumnado, nunhas idades nas que é moi importante traballar con eles e elas para previr a repetición de actitudes negativas, de agresión, acoso ou control cara ás mulleres. "Teño a percepción de que se dá unha certa disociación entre a teoría e a práctica", destaca. Explica que "chegan moitas veces cunha certa mochila de prexuízos, pero a esas idades son moito máis permeables: no momento en que ti lles descobres unha realidade en 1º e 2º da ESO á sorpresa inicial séguelle un proceso de reflexión e poden chegar a conclusión lóxicas ás que os adultos moitas veces non chegan". "Pero a práctica é máis complicada e require dun traballo máis a fondo e máis integral. Porén, creo que pouco a pouco vanse modificando certas actitudes", destaca.

A docente lamenta que non haxa máis tempo e espazos para traballar este temas co alumnado: "Debería ser máis integral, relacionado coa incorporación dunha perspectiva de xénero en diferentes áreas. Moitas veces, fóra das datas sinaladas, non hai ferramentas nin espazos para traballar estas cuestións, e todo depende da vontade e do esforzo dalgúns mestres determinados". Con todo, salienta o valor de obradoiros de máis longo percorrido, como Obradoiros coma Suprime o control, que "permiten unha evolución e facer un seguimento".

Actividades no IES Félix Muriel de Rianxo

"Moitas veces, fóra das datas sinaladas, non hai ferramentas nin espazos para traballar estas cuestións, e todo depende da vontade e do esforzo dalgúns mestres determinados"

De cara a este 25 de novembro, o alumnado de 1º de bacharelato do IES Félix Muriel de Rianxo estivo a realizar durante toda esta semana fóra do horario lectivo diversas tarefas, como a elaboración dun manifesto e a decoración das paredes do instituto con poemas contra o machismo e noticias sobre a violencia de xénero. Un obradoiro organizado polo concello e a lectura o propio día 25 do manifesto e dalgúns textos completarán a programación.

 

Videopoemas do 8 de marzo. IES de Arzúa.

CC BY-SA IES de Arzúa

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.