Foi un cartaz. Un anaco de papel, unha morea de píxeles, o que precipitou todo. O gran congreso de columnistas de España que enfiaba nada máis que nomes masculinos. Agromou o cartel, abrollou a pregunta: as mulleres, opinan? Opinan. E son perigosas. Para elas crearon un espazo propio as xornalistas Diana López e Susana Pedreira en Pontevedra. Pero seguían amoreándose as dúbidas: cantas son as mulleres columnistas? Onde están? De que opinan as que opinan? Velaquí outra pescuda, un repaso polas páxinas da prensa galega á procura de respostas para ese ronsel de preguntas.
A que está a comezar é unha travesía por sete portos, os dos xornais galegos con maior difusión segundo o Estudio General de Medios (EGM): La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso, La Región, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra e La Opinión A Coruña. Unha expedición polas súas seccións diarias ao longo do 2018, agás as páxinas locais. Unha análise só das columnas. Deixando á marxe xéneros interpretativos como a crónica política.
A opinión é xornalismo. E a opinión, en Galicia, é fundamentalmente masculina. De preto de 27.000 pezas analizadas, só un 15,5% levaban sinatura feminina
A opinión xera opinión. A opinión guía a quen camiña polas moreas de información que asaltan cada día. A opinión é xornalismo. E a opinión, en Galicia, é fundamentalmente masculina. Hai sete artigos asinados por homes por cada muller que opina. Das preto de 27.000 pezas que se analizaron, só un 15,5 % levaban sinatura feminina. Sábeo ben quen opina, a quen se lle foi requirida a súa opinión a través dunha enquisa, que responderon 38 persoas. E quen opina hoxe na prensa galega cre maioritariamente que hai que reforzar a presenza de mulleres alí onde se opina.
Na sección de Galicia, por cada muller hai quince homes guiando a lectura
Pero, onde opinan as que opinan? Moi pouco en Deportes, Galicia e o Tema do Día. De cada cen columnas deportivas, só catro son de mulleres. Unha proporción que sobe lixeiramente, ata o 5 %, nas páxinas que analizan o asunto máis importante da xornada. A estatística é estarrecedora tamén na sección de Galicia: por cada muller hai quince homes guiando a lectura.
As voces femininas son tamén residuais en Economía, onde non chegan ao 10 %. Mulleres hai un chisco máis en Sociedade (30 %). E en Nacional e Internacional e na contraportada a súa presenza roza, inda que sen tocala, a paridade. Así que si, as columnas femininas existen. Pero son poucas e están afastadas, en termos xerais, dos centros de poder: a política autonómica e a elite económica.
Onde están as voces femininas?
As mulleres ocupan seis de cada dez postos nas facultades de Comunicación e son máis da metade das persoas que exercen o xornalismo, pero a súa presenza nos postos de dirección dos medios segue a ser testemuñal (10 %). E as que chegan, como o caso de Soledad Gallego Díaz no xornal El País, recoñecen que é a Opinión “o produto no que menos mulleres participan e no que costa máis rachar os estereotipos de xénero”.
Contar coa opinión formada de máis mulleres é imprescindible para que a prensa cumpra coa súa esixencia innata de pluralidade e represente de forma máis fiel a sociedade á que serve. Os xornais galegos analizados publicaron en todo 2018 un total de 67 opinións de mulleres na sección de Galicia, 66 en Deportes e apenas 30 en Economía. En tódolos casos por debaixo do 10 % do total.
As mulleres seguen sendo franca minoría na análise, por exemplo, dos orzamentos autonómicos ou das causas das tensións comerciais entre EUA. e China
As cifras son alarmantes. É hora de reclamar espazo para que as profesionais galegas conten cun altofalante tan potente como o que teñen á súa disposición os seus colegas homes. Non pode ser asumido pola sociedade galega, exemplar na súa mobilización pola igualdade nos últimos anos, que haxa temas practicamente vedados ás mulleres. E non falamos dunha temática concreta ou dun día illado.
En xornais como La Opinión A Coruña non atopamos ningunha análise firmada por mulleres nas páxinas de Economía ou Mar en todo o 2018, e na sección de Deportes de El Correo figura só unha fronte a 172 masculinas.
A realidade diaria dos medios muda moi lentamente, e aínda que hai exemplos como os do Diario de Pontevedra e El Progreso, que teñen incorporado mulleres ás seccións de política nacional, ata o punto de que xa ocupan o 60 % dos espazos, o certo é que as mulleres seguen sendo franca minoría na análise, por exemplo, dos orzamentos autonómicos ou das causas das tensións comerciais entre EUA e China.
Este estudo pon de manifesto severas disfuncións nos medios galegos con respecto á repartición dos espazos. Fontes consultadas nas sete redaccións dos xornais analizados coinciden en que non hai causas obxectivas que xustifiquen que só un 8 % dos artigos de opinión na sección de Galicia leven unha sinatura feminina.
A opinión das mulleres permanece lonxe do poder, do debate sobre as infraestruturas clave para o país e das empresas que máis empregos xeran en Galicia.
O ano pasado estes xornais galegos publicaron 280 artigos de opinión sobre temas de saúde, estilo de vida e benestar asinados por mulleres, fronte a 656 escritos por homes. O dato é alarmantemente baixo, e aínda máis preocupante se temos en conta que Sociedade é a segunda sección na que máis voces femininas se contabilizan (30 %).
E non é suficiente con mellorar as cifras. Desde a redacción do Faro de Vigo destacan que o importante é a calidade das opinións publicadas e que non vale de nada incorporar sinaturas de mulleres que se manteñen á marxe, non alentan debates a prol da igualdade nin buscan rachar cos estereotipos.
A opinión das mulleres permanece lonxe do poder, do debate sobre as infraestruturas clave para o país e das empresas que máis empregos xeran en Galicia.
A utopía da paridade en Opinión
A paridade na opinión segue a ser unha utopía nos sete xornais galegos esculcados. En todo o 2018 só se contabilizaron nove días nos que o número de opinadoras e opinadores fora o mesmo (ou incluso algo superior). Un equilibrio rexistrado en El Progreso de Lugo (catro días), no Diario de Pontevedra (dous días), La Voz de Galicia (dúas xornadas, unha delas con catro mulleres fronte a cinco homes) e La Opinión A Coruña, que rexistrou esta mesma cifra no Día Internacional da Muller (8 de marzo).
Mero anecdotario ao que se suma a sección de Opinión, onde nin sequera se chega á presenza diaria de rúbricas femininas. De media, as mulleres desaparecen destas páxinas durante case un terzo do ano (113,84 días de 363 nos que houbo xornal). O caso máis salientable é o do Faro de Vigo, onde durante 260 días (o 71,62 % do ano) non se incluíron sinaturas de mulleres en Opinión. Seguido de La Opinión A Coruña (159 días, un 43,81 %); La Región (134 xornadas, un 36,91 %) e Diario de Pontevedra (113, un 31,13 %). Mentres que en El Progreso de Lugo (77) e La Voz de Galicia (54) houbo menos de cen días sen sinaturas de mulleres en Opinión.
Non é de estrañar, pois, que ás 38 persoas colaboradoras consultadas a través dunha enquisa lles resultase máis sinxelo mencionar nomes de opinadores masculinos. En conxunto, mencionáronse máis de 50 nomes de homes (34 sinaturas diferentes) fronte a 40 mulleres (28 opinadoras).
Desde as redaccións indican que, en ocasións, os coordinadores acoden a unha redactora para incorporala á sección de Opinión 'in extremis'
Como contraste, El Correo Gallego é o único xornal que inclúe na súa sección de Opinión unha sinatura feminina, polo menos. Unha situación que responde a unha “pioneira cruzada”, segundo se indicou desde a dirección deste medio no seu día, iniciada en setembro do 2015, a prol dunha progresiva inclusión de mulleres para cubrir esa cota mínima. Mera maquillaxe, pois no tocante á paridade, este xornal non rexistrou nin unha soa xornada de equilibrio en opinións de mulleres e de homes nas súas páxinas (o máximo foron tres sinaturas femininas fronte a sete masculinas o día 26 de xullo).
E para manter esa cota mínima non é infrecuente, segundo fontes das redaccións, que se chame a unha colaboradora para que remita unha columna a última hora; como tamén se recorre ás mulleres para cubrir ocos libres. Desde as redaccións indican que, en ocasións, os coordinadores acoden a unha redactora para incorporala á sección de Opinión in extremis, algo común nas épocas de vacacións.
Fóra de xogo na opinión deportiva
Abondaría con tirar de intuición para confirmar o desequilibrio existente entre o espazo que o xornalismo deportivo lle outorga aos homes e o que lle cede ás mulleres. Unha asimetría idéntica á que tratan de frear nos terreos de xogo cada vez máis profesionais.
Facer opinión no ámbito deportivo non é cousa de mulleres. E sobra a intuición cando os datos o corroboran. Ao longo do 2018, a presenza de mulleres que opinan nas páxinas deportivas é nula en dous dos sete xornais analizados e residual nos outros cinco. En total, 66 artigos de opinión firmados por mulleres fronte aos 1.092 rubricados por homes.
Ao longo do 2018, a presenza de mulleres que opinan nas páxinas deportivas é nula en dous dos sete xornais analizados e residual nos outros cinco
Faro de Vigo e La Región non publicaron ningunha columna de opinión deportiva asinada por unha muller en todo o ano pasado. La Voz de Galicia imprimiu 33, fronte ás 377 escritas por homes. La Opinión A Coruña incorporou 16, o Diario de Pontevedra editou 11 opinións femininas e 276 masculinas. El Progreso deulle voz a cinco mulleres dun total de 80.
Mentres que El Correo Gallego tirou unha soa opinión feminina na súa sección de Deportes fronte ás 172 firmadas por homes. En resumo, só o 5,9% das opinións sobre deportes publicadas polas sete cabeceiras galegas con máis público lector están asinadas por mulleres.
Son os homes quen reparten o xogo xornalístico. Segundo fontes de La Voz de Galicia, “Deportes sempre foi un nicho moi masculino, tanto na práctica das disciplinas deportivas coma no exercicio do xornalismo. As mulleres incorporáronse máis tarde e en menor medida a esta sección. Ademais, a maioría dos expertos tamén son homes. As xeracións máis brillantes de árbitras, futbolistas e padexeiras aínda están en activo. Hai que esperar para que poidan facer opinión”.
“Hai menos mulleres analistas porque tamén hai menos mulleres deportistas de referencia"
Coinciden desde o Diario de Pontevedra. A lóxica masculina impera nos deportes e no xornalismo deportivo: “Hai menos mulleres analistas porque tamén hai menos mulleres deportistas de referencia. O deporte feminino está moito menos profesionalizado que o masculino, sobre todo no ámbito colectivo, que é o que enche as páxinas deportivas durante a temporada regular”.
Desde ambos medios reivindican a incorporación de máis mulleres ás redaccións de deportes, ás competicións de elite e ás páxinas deportivas. Como protagonistas e como autoras de opinión e de información, esenciais para remudar as voces nesta sección dos xornais.
Pero tamén piden acabar cos tópicos, co “ti nunca xogaches ao fútbol”. Maior confianza por parte das xefaturas e “atrevemento”. Unha chamada a rachar coa síndrome da impostora, esa eiva que coarta ou castiga cun exceso de presión e carga de traballo a quen non se ve coa confianza abonda para desempeñar o seu oficio en espazos tradicionalmente masculinos.
Os brotes verdes agroman nas contraportadas
A última páxina acostuma a ser unha das seccións máis mimadas dos xornais. Por iso, a pescuda sobre a presenza da muller como opinadora neste espazo merece unha análise propia. E as cifras non deixan ningunha dúbida, pois marcan unha diferenza importante respecto ás demais seccións. Nas contraportadas a paridade non aparece, aínda que agroman brotes verdes, xa que cómpre recoñecer que o desequilibrio fica moi lonxe da estatística dos casos de Opinión ou Galicia.
No ano 2018 estas sete cabeceiras publicaron 1.096 artigos de opinión nas súas últimas páxinas, dos que 404 estaban asinados por mulleres e 692 por homes. Cifras que evidencian unha situación pouco igualada, cun 36,8 % de autoría feminina fronte ao 63,13 % da masculina. Alarmante, si, mais supón o reparto máis equitativo de todo este estudo.
Malia que ningún dos xornais analizados alcanza a paridade, é certo que as diferenzas non son tan evidentes no caso do Diario de Pontevedra, con 121 firmas femininas e 144 masculinas; e de El Progreso, con 122 artigos asinados por columnistas mulleres fronte aos 135 con sinaturas de varóns.
Ao reflexionarmos sobre o que ocorre coas contraportadas dos xornais galegos a conclusión é que estamos ante unha pregunta retórica, xa que o resultado é que outra das seccións máis lidas e mimadas dos xornais, tamén é deles
La Voz de Galicia é o único xornal do estudo que publica todos os días do ano artigos de opinión na súa contraportada, pero a paridade está máis lonxe (159 artigos asinados por mulleres fronte a 203 por homes). Aínda que é destacable que a contraportada deste xornal, os domingos, leva unha firma feminina.
A cabeceira que escacha calquera achegamento á paridade é o Faro de Vigo, no que apenas varían as firmas da última páxina e adoitan ser masculinas. Ata o punto de que o pasado ano este xornal só pechou as súas páxinas en dúas datas con artigos asinados por mulleres, e fíxoo un total de 210 días do ano con artigos rubricados por homes.
Tanto El Correo Gallego, como La Región e La Opinión A Coruña non levan columnas de opinión nas súas contraportadas. O de Compostela publica unha sección cun formato interpretativo que, de novo, volve a estar protagonizado na meirande parte das datas por homes (273 fronte a 36 mulleres). Pola súa banda, o diario coruñés opta polas entrevistas a toda páxina e o de Ourense dedica a última á publicidade.
Por iso, ao reflexionarmos sobre o que ocorre coas contraportadas dos xornais galegos, a conclusión é que estamos ante unha pregunta retórica, xa que o resultado é que outra das seccións máis lidas e mimadas dos xornais, tamén é deles.
O ‘postureo’ de marzo e as sentinelas de agosto
O Día Internacional da Muller supuxo en 2018 o altofalante definitivo para as reivindicacións das xornalistas. Secundamos masivamente a folga e as manifestacións desa xornada a prol dunha igualdade afastada dos medios onde, a pesares de ser maioría, estamos condenadas ás trincheiras e afastadas dos consellos. Porén, os medios xa tiñan cavilado que nese mes tinguido de lila cumpría facerlles un oco excepcional ás mulleres.
O Día Internacional da Muller supuxo en 2018 o altofalante definitivo para as reivindicacións das xornalistas
Dos sete xornais analizados neste estudo, cinco suman opinións femininas por enriba da media mensual no mes de marzo. La Voz de Galicia e o Faro de Vigo incorporan oito opinadoras (86 e 23 fronte ás 78 e 15 de media no resto de meses); La Opinión A Coruña engade sete (28 ante as 21 habituais); El Progreso catro (84 das 80 que ten de media), e o Diario de Pontevedra dúas (78 dunha media de 76). Pola contra, El Correo Gallego resta seis mulleres (das 45 habituais baixa a 39), e as opinadoras de La Región son oito menos (redúcense de 34 a 26).
Poñendo o foco na data concreta do 8 de marzo, as mulleres son maioría na opinión en catro das sete cabeceiras do estudo. Para La Opinión supón o único día no que a presencia de mulleres é maior cá dos homes (cinco a catro), namentres que son menos en La Región, El Correo e El Progreso que, a pesares de seren o máis paritario en datos xerais, non conta con voces femininas neste día. Con todo, o mes de marzo (cun 16,1 % de opinións de mulleres), non é a mensualidade con máis columnas en feminino senón a cuarta, por detrás de setembro (16,8 %), xullo (16,7 %) e novembro (16,3 %).
Do noso reconto desprendeuse outro caso a salientar: o mes de agosto, os días de lecer por excelencia
Do noso reconto desprendeuse outro caso a salientar: o mes de agosto, os días de lecer por excelencia. Aínda que observamos unha tónica xeral á baixa (as columnas de homes e mulleres descenden por igual e, no caso feminino, chega a ser o segundo mes con menos opinións por detrás de febreiro, un 14,7 %), en dúas das cabeceiras presentan unha subida espectacular. El Correo aumenta 25 columnas de mulleres (70 en total dunha media de 45 por mes), e La Voz suma 19 pezas con sinatura feminina, cun total de 97 opinadoras nese mes cando a media é de algo máis de 78 no resto de meses.
Trátase dunha suba que non atopamos noutros meses e que pode estar vencellada co cambio de paradigma que supoñen os períodos de vacacións nas redaccións e co descanso dos propios opinadores habituais, que favorece a incorporación de novas voces. Son elas, somos nós, as que velamos coma se foramos sentinelas para que as follas dos xornais mingüen o menos posible, soñando co día no que os nomes de homes e mulleres se repartan por igual nas manchetas.
A autoridade de quen (non) opina
Neste punto, e xa cos datos enriba da mesa, cómpre engadir unhas últimas reflexións. Desde un punto de vista xornalístico e académico está clara a importancia da opinión como xénero propio (separado da información e dos chamados textos interpretativos) que se caracteriza, como explica Rocío Ovalle, xornalista e docente da materia ‘Xéneros interpretativos e de opinión’ na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC), “por ter unha importante carga valorativa e argumentativa, así como polo posicionamento e subxectividade da persoa que a elabora axustándose a algún dos distintos subxéneros que a compoñen: editorial, artigo, columna, tribuna libre, crítica, etc.”.
“A opinión está nas orixes mesmas do xornalismo e, aínda que perdeu peso de xeito progresivo a medida que se estandarizaban as técnicas xornalísticas de tratamento da información, desde a aparición da radio e da televisión, e agora aínda máis con Internet, vivimos un auxe, de novo, deste xénero: a inmediatez coa que recibimos información fai que cada vez máis precisemos da súa interpretación”, engade.
"Cando a maior parte da opinión está asinada por homes, asistimos a unha dobre invisibilización"
Do mesmo xeito, e pensando nas lectoras e lectores, sabemos que a capacidade de influencia das opinións publicadas nos xornais ten que ver co prestixio do propio medio, pero tamén co da persoa que asina o artigo. Polo tanto, dalgún xeito, enténdese que quen firma unha opinión é unha autoridade. “Cando a maior parte da opinión está asinada por homes, asistimos a unha dobre invisibilización: a das mulleres que son autoridades nos seus ámbitos e a da interpretación que, se cadra, podería reflectir a realidade das persoas pertencentes a esa maioría poboacional que compoñemos as mulleres”, destaca Ovalle.
“Ao ler as columnas que habitualmente se publican na prensa diaria decatámonos de que a ausencia (ou mínima presenza) das mulleres nas páxinas de opinión non se debe a unha cuestión de calidade”, sinala a profesora da USC.
A presenza de artigos de opinión asinados por mulleres e homes na prensa galega sofre unha salientable disfunción. Unha anomalía coñecida entre as persoas que forman parte dos medios de comunicación, e tamén por quen colabora neles con asiduidade. Talvez as cifras deste estudo axuden a que, por fin, falemos do elefante rosa que está no medio das redaccións.