Pontevedra acollerá os vindeiros 1 e 2 de marzo a segunda edición do Encontro de Mulleres Columnistas As mulleres que opinan son perigosas. 15 opinadoras de todo o Estado analizarán a situación do xornalismo na actualidade e o espazo que as mulleres teñen nel. O evento volverá servir de anticipo ás mobilizacións do 8 de marzo.
Tati Moyano e Tareixa Navaza afondarán no papel das xornalistas en defensa dos medios públicos.
Trátase de Chus Gómez, Lorena G. Maldonado, María Xosé Porteiro, Gemma Herrero, Carmen Magdaleno, Ana Requena Aguilar, Ana Romaní, Pepa Bueno, Irene Bascoy, Lucía Mbomio, Tati Moyano, Tareixa Navaza, Teresa Lozano e Zúa Méndez (Towanda Rebels) e Marta Sanz. Todas elas tratarán distintos temas e ámbitos, dende a opinión cultural á deportiva, a opinión nas redes sociais, a opinión das mulleres negras ou a figura da xefa de xénero nas redaccións.
Tamén se analizarán os cambios que se produciron dende a folga e as manifestacións do pasado 8 de marzo e, de igual xeito, Tati Moyano e Tareixa Navaza afondarán no papel das xornalistas en defensa dos medios públicos. Finalmente, presentarase o colectivo de Xornalistas Galegas, que naceu hai uns meses. O programa completo pódese consultar nesta ligazón.
Analizaranse os cambios que se produciron dende a folga e as manifestacións do pasado 8M
O evento foi presentado este xoves pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e polas dúas organizadoras do encontro, as xornalistas Diana López e Susana Pedreira. López comentou que a idea de realizar este encontro xurdira en 2017, tralo anuncio do Congreso Capital do Columnismo de León, no que todos os participantes eran homes. "Finalmente os organizadores rectificaron pero tan só invitaron a cinco mulleres dos vinte cinco xornalistas que participaron no evento”, lembrou.
Presentarase o colectivo de Xornalistas Galegas,
Mentres, Pedreira explicou que a organización do foro “se fixo tomando nota das suxestións do público, que quería que se abordase o feminismo dende distintos puntos de vista, como dende a perspectiva das mulleres negras ou do xornalismo deportivo, entre outros”.
O pasado ano Diana López destacaba en conversa con Praza.gal que "hai cuestións coma o traballo doméstico e o traballo non remunerado, que non están no discurso público porque se fala pouco do tema nos medios".