Pontevedra acollerá o vindeiro 2 e 3 de marzo un Encontro de Mulleres Columnistas baixo o título de As mulleres que opinan son perigosas. No evento, organizado pola Deputación e o Concello de Pontevedra, participarán xornalistas de diferentes xeracións, con nomes tan destacados coma os de Rosa Montero, Ana Pardo de Vera, Elisa Beni, Lucía Taboada, Marta García Aller, Celia Blanco, Ana Isabel Bernal Triviño, Anita Botwin, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, María Varela, Emma Gascó e Diana López Varela. Nunha quincena de relatorios e debates afondarán na situación das freelances, da opinión no xornalismo local ou no acoso machista en redes.
Durante a presentación do evento, que tivo lugar este luns na cidade, Carmela Silva -presidenta da Deputación de Pontevedra- resaltou que “na sociedade a muller sempre está infrarrepresentada e no caso do xornalismo os datos son escandalosos, xa que o 64% das persoas coa carreira de xornalismo son mulleres e, sen embargo, é un sector dirixido maioritariamente por homes, de feito o 89% dos postos de dirección dos medios do noso país está ocupado por homes”. O encontro "servirá para reivindicar o papel das mulleres xornalistas que levan anos intentando derribar un teito que non é de cristal, é de cemento armado”, engadiu Silva.
"O 64% das persoas coa carreira de xornalismo son mulleres; porén, é un sector dirixido maioritariamente por homes, de feito o 89% dos postos de dirección dos medios do noso país está ocupado por homes”, lembrou Silva
Susana Pedreira e Diana López Varela, organizadoras do encontro, explicaron como naceu a idea de organizar este foro: "O pasado verán, cando saíu o cartel do Congreso Capital do Columnismo de León formouse un gran alboroto nas redes sociais polo feito de que todos os participantes eran homes. Finalmente os organizadores rectificaron pero tan só invitaron a cinco mulleres dos vinte cinco xornalistas que participaron no evento". "En outubro, cando tivo lugar o congreso, en Twitter foi “trending topic” #HayMujeresColumnistas, tratando de crear un congreso paralelo que hoxe, en Pontevedra, podemos facer realidade”, subliñaron.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou sentirse encantado “de que a nosa cidade acolla unhas xornadas tan necesarias que son unha resposta ao machismo existente nos medios de comunicación, especialmente no que se refire ás mulleres que opinan". Ao redor do 80% dos artigos de opinión nos medios españois son asinados por homes.
A entrada para todas as charlas do encontro será libre ata completar aforo pero aquelas persoas interesadas en garantise unha butaca poderán facer a súa reserva a través da web da Deputación de Pontevedra. O programa completo do foro pódese descargar aquí.