Este venres e sábado Pontevedra acollerá un encontro de mulleres columnistas baixo o título de As mulleres que opinan son perigosas. Organizado pola Deputación e o Concello de Pontevedra, o congreso servirá para reflexionar sobre os factores que levan a que os medios de comunicación publiquen menos artigos de opinión asinados por mulleres e para visibilizar o traballo de moitas destas columnistas, contando coa participación de Rosa Montero, Ana Pardo de Vera, Elisa Beni, Lucía Taboada, Marta García Aller, Celia Blanco, Ana Isabel Bernal Triviño, Anita Botwin, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, María Varela, Emma Gascó ou Diana López Varela. As distintas sesións deste foro, que terá lugar no Teatro Principal, afondarán na situación das freelances, da opinión no xornalismo local ou no acoso machista en redes.
En boa medida, o encontro naceu como resposta ao Congreso Capital do Columnismo, celebrado en León hai uns meses, e que nunha primeira proposta de programación non incluía ningunha muller entre os participantes. O feito, todo un símbolo do papel secundario ao que se relega ás mulleres neste ámbito, tivo unha gran contestación nas redes sociais, chegando a ser trending topic o hashtag #HayMujeresColumnistas. Nesta ocasión o evento empregará a etiqueta #mulleresqueopinan.
Falamos con Diana López Varela (xornalista, autora de No es país para coños), organizadora do encontro xunto con Susana Pedreira. Hai uns meses publicaba en Diario de Pontevedra o artigo "Se escribe con el pene", que se pechaba subliñando que "Hai unha revolución en marcha. As mulleres, máis que nunca, atopámonos en espazos físicos e dixitais, onde nos lemos, nos compartimos, honramos as pioneras e escribimos as nosas propias historias. A Historia que os homes nos negaron".
Como xorde a idea de organizar este congreso de mulleres columnistas?
A idea xorde a raíz do famoso congreso de columnismo de León, que nun principio non convidou a ningunha muller, o que provocou unha gran protesta nas redes, que levou aos seus organizadores a incluír finalmente unhas poucas. Falando eses días con Susana Pedreira e con outras xornalistas de fóra de Galicia démoslle voltas ao feito de que nunca se conta coas mulleres para este tipo de congresos ou que quedan relegadas como moito a unha segunda categoría. E pensamos no interesante que sería facer un evento que amosase todo o talento que teñen as mulleres escritoras e xornalistas. Pouco despois Carmen Fouces, concelleira de Igualdade de Pontevedra, falou con Susana e propúxolle organizar ese congreso en Pontevedra. Comezamos a chamar a columnistas e por suposto non tivemos o problema que os organizadores do congreso de León utilizaron cono escusa para non convidar mulleres (que non accedían a participar), porque case todas coas que contactamos quixeron vir. Foi todo moi rápido, en tres ou catro meses démoslle forma ás xornadas e organizouse todo.
"As persoas que dirixen os medios de comunicación son homes, as carreiras e as sinaturas que se promocionan son case sempre as masculinas"
Por que se produce, ao teu xuízo, esta desigualdade, tanto no número de homes e mulleres que publican artigos de opinión, pero tamén no de 'voces expertas' ás que os medios recorren para afondar en certos temas?
Hai moitos máis homes columnistas que mulleres e hai que preguntarse por que. Porque o feito é que hai máis mulleres xornalistas nas redaccións e nas facultades hai máis estudantes de Xornalismo. Pero ao final as persoas que dirixen os medios de comunicación son homes, as carreiras e as sinaturas que se promocionan son case sempre as masculinas. As mulleres son as currantas, as que fan o groso do xornalismo, pero quen acada visibilidade son os homes que asinan as columnas.
"Hai cuestións coma o traballo doméstico e o traballo non remunerado, que non están no discurso público porque se fala pouco do tema nos medios"
Ao escribir opinión menos mulleres están quedando fóra determinados temas ou visións?
Creo que é fundamental que haxa opinión escrita por mulleres. Por isto que se di no feminismo de que o persoal é político. Hai temas coma o traballo doméstico e o traballo non remunerado, que non están no discurso público porque nos afectan máis ás mulleres e aparecen pouco nos medios. Falar de conciliación, de maternidade, da fenda salarial, que son temas que nos afectan máis a nós é moi importante. Ou da violencia contra as mulleres, da que se fala cada vez máis, en parte, grazas ás mulleres que escribimos opinión. Estou segura de que no Congreso de Columnismo de León non dedicaron unha mesa á paternidade ou ao complicado que é conciliar cos coidados o traballo no xornalismo ou o traballo como freelance.
Os obstáculos para publicar son maiores se se trata de ámbitos ou temas considerados máis serios, de información dura, e copados tradicionalmente por homes, coma política ou economía?
Si, as mulleres quedamos ás veces relegadas a escribir de temas considerados femininos, que parece que interesan menos. Pero as mulleres podemos escribir de todo. No congreso hai mulleres expertas en todos os campos: hai mulleres expertas en política, en economía, en sexo, en dereito..., son mulleres que van falar do xornalismo nos seus ámbitos de especialización.
"As críticas que recibes como muller non son as que recibes como home, porque a maior parte das críticas non van asociadas ao que escribes, senón ao teu sexo"
As mulleres que publican textos co seu nome expóñense a críticas máis feroces que os homes, mesmo a situacións de acoso, tanto nos comentarios dos medios dixitais coma nas redes sociais?
Ademais dos obstáculos que dentro dos medios se impoñen ás mulleres que queren escribir opinión, tamén hai unha certa autocensura: as mulleres non nos animamos tanto a escribir. E despois escribir opinión sendo muller sae máis caro que se es un home. As críticas que recibes como muller non son as que recibes como home, porque a maior parte das críticas non van asociadas ao que escribes, senón ao teu sexo. E isto pásanos a todas as mulleres que escribimos opinión e que somos un pouco polémica: recibimos acoso machista nas redes. No meu caso chegaron a buscar quen era a miña parella para, directamente, acosalo a el. Isto non llo fan a un home que escribe. E todo foi porque eu escribira sobre o ego masculino no sexo e parece que lles molestou a moitos. Cando escribo sobre discriminación, sobre sexismo, sobre A Manada ou sobre machismo, recibo moitas veces comentarios do tipo “lesbiana, tú lo que necesitas es una buena...”. E polo feito de escribir sobre acoso, recibes máis acoso.
"Hai directores de xornais enfadados porque non levamos a periodistas da súa cabeceira. Son, curiosamente, directores de periódicos que non teñen mulleres columnistas ou que teñen só algunha de cando en cando"
Que tal foi recibida a proposta do congreso nas direccións dos medios de comunicación, que en certa medida son criticados pola ausencia de mulleres opinadoras?
Hai directores de xornais enfadados porque non levamos a periodistas da súa cabeceira. Son, curiosamente, directores de periódicos que non teñen mulleres columnistas ou que teñen só algunha de cando en cando. Pero fastídialles que os seu nome non estea visible neste evento. A cousa chega a este absurdo de que un tipo se enfada porque non está representada a súa marca, sen decatarse de que o problema non é noso, senón que é seu. Espero, polo tanto, que o congreso sirva para que os directores dos xornais aposten por sinaturas femininas e comecen a incluír máis voces de mulleres nas súas columnas.
"Se vós non nos deixades entrar nos vosos espazos, se seguides pensando que o universal é o masculino e que as nosas voces son minoritarias ou son só para público feminino, nós creamos os nosos propios espazos para darnos a voz que nos quitades"
Chama a atención o grao de indignación que xera nalgúns señoros o feito de que nun artigo se denuncien situacións de machismo ou de desigualdade. Por que cres que reaccionan así?
Si, porque o mundo é deles. De feito, aínda hoxe me preguntaron se non cría que organizando un congreso só para mulleres columnistas estabamos facendo o mesmo que lle criticabamos ao congreso de León, se estabamos excluíndo os homes deste espazo. É que os espazos, en xenérico, son masculinos, son creados por homes para homes e, como moito, convídase a algunha muller para quedar ben. Si que é certo que hai homes que se indignan cando facemos este tipo de eventos porque os deixamos fóra, cando nós estamos moi afeitas a estar invisibilizadas na maior parte dos foros, congresos e demais. É unha maneira de protexernos: se vós non nos deixades entrar nos vosos espazos, se seguides pensando que o universal é o masculino e que as nosas voces son minoritarias ou son só para público feminino, nós creamos os nosos propios espazos para darnos a voz que nos quitades nos outros sitios.