O grupo As Mulleres na Opinión da asociación Xornalistas Galegas e a xornalista Montse Dopico veñen de lograr dous dos tres primeiros Comunicar en Igualdade, que convoca a Secretaría xeral da Igualdade da Xunta, con senllas reportaxes publicadas en Praza.gal.
O Diario Oficial de Galicia publica este martes a resolución que outorga, dentro da categoría profesional do certame, o primeiro premio Comunicar en Igualdade á reportaxe As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións, un traballo de investigación no que o grupo As Mulleres na Opinión, de Xornalistas galegas, avaliou máis de 27.000 pezas de opinión publicadas durante 2018 en diversos xornais do país. Entre as principais conclusións do estudo resalta o feito de que "só un 15,5%" destes traballos levan sinatura feminina.
O traballo de investigación de Mulleres na Opinión, galardoado co primeiro premio, concluíu que só un 15,5% das pezas analizadas estaban asinadas por mulleres
O segundo premio da sección profesional recaeu en Sara Vila, pola súa reportaxe O noso toque de queda, publicado no Diario de Pontevedra, e co terceiro foi distinguida Montse Dopico pola reportaxe Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte, tamén publicada en Praza.gal. Neste traballo, a xornalista mergúllase no poemario No camiño do vento, publicado polos fillos e amizades de Sesé Mateo, unha muller de Redondela asasinada en 2017 polo seu marido.
Na categoría destinada ao alumnado universitario, o primeiro premio foi para Uxía Castro Martínez, pola reportaxe Eles gobernan, elas aman. Os mitos do amor romántico, en Sermos Galiza. O segundo premio correspondeu a Lucía Parrilla del Río, pola reportaxe Un relato de mulleres nas minas do Bierzo, que publicou a revista Luzes. O terceiro foi para Silvia López López por unha entrevista á escritora Rosario Regueira en Lugo Xornal.
A reportaxe de Montse Dopico debullaba o poemario 'No camiño do vento', publicado por fillos e amizades de Sesé Mateo, unha redondelá asasinada en 2017 polo seu marido
A Secretaría Xeral da Igualdade destaca que o xurado dos premios Comunicar en Igualdade seleccionou "os mellores traballos segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo dende a perspectiva de xénero". Este premio, lembra o departamento, naceu para "premiar as boas prácticas respecto dun tratamento axeitado de asuntos de cobertura informativa diaria como pode ser o sexismo na publicidade".
O galardón tenta tamén potenciar a abordaxe de "outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero".