Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte

Sesé Mateo CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

“Invito a vivir. Vivamos”. É o título que encabeza un dos primeiros poemas de No camiño do vento, o libro que recolle os poemas de Sesé Mateo. A súa autora non chegou a velos publicados. Foron os seus fillos e amizades quen decidiron que visen a luz. Coma un xeito de rebeldía. Unha maneira de proxectar cara ao futuro o pensamento dunha muller á que o seu ex-compañeiro tentou calar para sempre. Sesé Mateo (Chapela, Redondela, 1965) foi asasinada en febreiro do 2017 por Emilio Fernández Castro, un home que se creu co dereito a impedir que ela seguise coa súa vida sen el. Ao que non lle importou nin acabar con ela, nin coa súa propia vida, nin deixar orfos os fillos dela -un deles, tamén del-. Mais acontece que a palabra si resiste a morte. Que a mensaxe de amor e de solidariedade que ela convocaba nos seus poemas si vai ficar. 

Porque iso é  'No camiño do vento'. Un poemario que non deixa, desde o primeiro ata o último verso, de celebrar a vida

Porque iso é No camiño do vento. Un poemario que non deixa, desde o primeiro ata o último verso, de celebrar a vida. Que invoca o amor fronte á morte, a dor da ausencia, a inxustiza ou o abuso de poder. “A lectora destes poemas” -escribe a poeta Miriam Ferradáns no limiar deste libro - sabe da imposibilidade da utopía, do final cruel. Sesé foi asasinada pola súa ex-parella e, desde esa realidade, debemos ler. A ollada consciente é aquí unha obriga. Máis ca unha obriga. É unha necesidade que xorde co primeiro poema”. Fágase, porén, a lectura que se queira, é difícil abeirar a conciencia social da autora. O seu espertar temperán á autoconciencia feminista. A súa esperanza. 

No camiño do vento xunta poemas de Sesé Mateo que ela mesma partillara coas súas amizades e outros que gardara para ela, tal como apareceron -uns rematados e outros en proceso- nun caderno que sobreviviu ao atentado machista -unha explosión- que a matou. Olga Nogueira e Helena Torres foron as coordinadoras da edición. “Aos tres meses do asasinato de Sesé, o Grupo de Apoio á Familia Mateo organizou un concerto solidario en Chapela. Eu fun. Contra o final, o seu fillo Joshua subiu para ler un poema da nai. O que escoitei foi un texto que me atravesou como pouca literatura ex cátedra consegue facer. Non tiven dúbidas de que a autora dese texto xa escribira antes. E moito. Así que a seguinte vez que coincidín cuns amigos comúns, porque eu non coñecín a Sesé, pregunteilles. Confirmaron que escribía. E aí naceu este libro”, explica Nogueira. 

“No verán pasado” -prosegue Nogueira- “quedei con Joshua en Chapela por primeira vez. Trouxo a libreta. Peguei nela e lin, a bágoa viva, desde a primeira liña, cun lugar e unha data: Barra, 12 de xullo de 2006. E a seguir un poema escrito mentres ollaba a filla e o fillo xogar na area... A partir de aí, a sorte puxo no camiño deste libro unha equipa editorial de luxo. O noso primeiro labor foi con eses textos do 2006 en diante. E logo fomos indo para atrás. Na procura dos anteriores. Até principios dos 80. Trinta e pico anos de escrita. Que se di axiña. Pero que se palpan en cada liña”.

“Sentiamos que tiñamos que publicalo, que as súas palabras debían ser compartidas”

“Sentiamos que tiñamos que publicalo, que as súas palabras debían ser compartidas”, engade Helena Torres. Palabras que sobreviviran á devastación. Ao lume. “Unha das primeiras cousas que preguntamos a Lucía e Joshua foi se coñecían a existencia dese caderno ou se sabían que ela escribía. Contestaron que non, que para eles foi unha sorpresa atopalo, e que nalgún momento pensaron en facer algo con el”, explica. 

Tanto Olga coma Helena tivérono claro. Mais uníuselles máis xente. “Ademais de Olga e eu estiveron con nós dende o inicio Anxos Sumai, Carme Vidal e Sonia Díaz. Foi un traballo ben repartido: unha que escanea o caderno e localiza máis textos, outra que transcribe, todas que revisamos para interpretar algunhas palabras difíciles de entender e ir valorando as mellores opcións para editar. Rematada esta parte decidimos que da edición dos textos tiña que encargarse unha poeta -foi cando saíu o nome de Míriam Ferradáns- e que Belén Puñal podería facer o epílogo axeitado. Unha vez pechado o contido do libro chegou a parte de coordinar con María Montes, a maquetadora, e a imprenta”.

Os fillos de Sesé foron tamén, claro, colaboradores implicados neste traballo de edición. Esa “foi unha parte importante e marabillosa”, asegura Helena Torres. “Coñecelos foi do mellor de todo este proceso. Con quen máis trato tivemos foi con Joshua, que é o que ten case todo o que se salvou. Tamén porque Lucía vive fóra de Galicia. Dende o principio estiveron aí apoiando con moita ilusión e deixándonos outros textos ou fotografías. Ás veces resultábanos difícil ter que preguntarlles ou pedirlles algo porque sabiamos que para eles tamén era doloroso remexer nas lembranzas cando van atopando cousas que pertencían a súa nai”, comenta. 

“Parte do obxectivo era facer un libro desde o amor que ela predicaba. Que ninguén saíse mancado, e menos a súa familia”

Parte do obxectivo, subliña Olga, era “facer un libro desde o amor que ela predicaba. Que ninguén saíse mancado, e menos a súa familia”. Coa sensibilidade que caracterizaba, tamén, os poemas de Sesé. Foron os seus propios fillos os que decidiron, ademais, que o diñeiro recadado coa venda do libro se destinase non a eles, senón a outras vítimas, coma eles, da violencia machista. Foi así como se acordou que os cartos irían para a Fundación Mujeres, que os doará para o Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto. “Nós sempre pensamos en que os cartos fosen para os fillos e filla. Mais eles non o quixeron así, senón que quixeron que a recadación fose para axudarlles a outros orfos de violencia machista que, coma eles, puidesen ser auxiliados desde o minuto cero polo Fondo de Becas, único na altura, que seica lles axudou moito, e lles segue axudando. E así se fixo”, lembra Nogueira. “A xenerosidade deles” -matiza Helena Torres- “é constante, e é unha clarísima herdanza da súa nai”. 

No camiño do vento comeza -e remata- con versos que reivindican a vida. Contra a ferida causada polas xerarquías dun mundo insolidario. Os poemas foron distribuídos por orde cronolóxica. “Sorprende”, si, segundo Helena Torres,  “esa liña que os une e que non foi buscada pero que mostra dalgún xeito a liña vital que lle tocou e que impulsou a Sesé a escribir”. Alén da sensibilidade cara á dor e do sentido da xustiza, agroma desde os primeiros versos a crítica ao poder. Aos poderes que, malia non estaren directamente enunciados, son facilmente identificables coa xerarquía eclesiástica corrupta, os aparellos represivos do Estado, as elites sociais que se benefician da desigualdade ou, nalgunha ocasión, os responsables do terror fascista tras o golpe do 1936.

“Alén da sensibilidade cara á dor e do sentido da xustiza, agroma desde os primeiros versos a crítica ao poder”

“Son textos atravesados pola transparencia dunha muller cunha posición moi clara e unha postura valente e decidida ante as circunstancias vitais que lle toca aloitar”, apunta Miriam Ferradáns. En confluencia con ela, Helena Torres sinala que “non creo que este libro sexa unha crítica consciente ao poder: só é un libro que recolle e amosa parte das súas inquedanzas e sentimentos, que non é pouco”. Na súa opinión, o caderno de Sesé foi “un lugar onde envorcar o que acontecía ao seu redor, o que a súa mirada recollía e o que isto espertaba nela. Sesé, polo que nos contaron as persoas que a coñeceron, non se conformaba con ser só testemuña e apoiar as causas, era das que se implicaba a fondo en moitas loitas sociais porque tamén esas loitas tiñan que ver con ela como muller, como traballadora, como cidadá… E creo que o facía crendo que as cousas poden cambiarse, que se pode construír un mundo mellor dende a conciencia, o respecto e o amor polo demais”.

Sesé Mateo CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Un dos poemas, que é un dos que mellor condensan o sentido social do poemario, está dedicado á avoa Herminia. Unha muller en loita “constante” contra a fame dos fillos, que se atrevía a facer arroibar aos asasinos do seu compañeiro e dos outros mortos do lugar. Que se enfrontaba soa contra os dedos acusadores. Contra os poderes locais. Que era toda dignidade. “Tía Herminia/ mi delito fue la pobreza”, di. “Penso” -comenta Ferradáns- “que este verso recolle en grande medida a resposta. A pobreza tratada como realidade delitiva, exercida ademais por unha muller. Elas adoitan ser en primeiro termo, xunto coas crianzas, os principais chanzos da desigualdade económica deste país. Creo que o libro amosa unha profunda crítica ao sistema establecido, unhas veces máis evidente e outras máis soterrada, pero sempre crítica porque así era a súa personalidade e neste libro non existe, ao meu ver, o eu poético. Non hai realidades ficcionadas, non hai búsqueda do recurso estético. O valor deste libro radica niso: na ausencia de todo canto non nos é dado na reflexión dunha consigo mesma, nese diálogo sen impostura”.

“O valor deste libro radica niso: na ausencia de todo canto non nos é dado na reflexión dunha consigo mesma, nese diálogo sen impostura”.

E non é esta a única ocasión na que as mulleres protagonizan os poemas de Sesé. Non hai, en No camiño do vento, discursos de elevados voos intelectuais. Nin versos excesivamente adobiados. Senón máis ben a constatación, escrita desde a naturalidade e e desde a experiencia, dunha realidade. E parte dela está marcada pola desigualdade de xénero. “Cando comecei a achegarme aos textos orixinais” -indica Ferradáns- “perdín a referencia temporal e tiven que regresar e eles tempo despois precisamente porque hai poemas escritos antes da explosión do feminismo como movemento social. O diálogo da autora coa realidade feminista actual estaba tan vixente que cando me decatei deste feito tiven que volver revisar. Ela adiántase a estes movementos. A súa conciencia feminista é clara, bendí o seu sexo, chama ao encontro con outras mulleres, apela á sororidade, á unión desde un lugar complicado que non era precisamente de poder e cunha casuística que nos obriga a admirar aínda máis a súa personalidade, a súa vontade como ser social”.

Un dos poemas, escrito cando a autora contaba pouco máis de 20 anos, invoca a autonomía e a liberdade das mulleres. “Tengo dominio sobre mi propia vida./Soy una mujer poderosa./Soy digna de amor y respeto./No estoy sometida a nadie, soy libre”. A súa lectura, desde hoxe, resulta especialmente desacougadora. Mais mostra, como tantas veces as voces expertas en violencia de xénero advirten, que non perfís de vítimas. Que a todas lles pode pasar. Tamén ás mulleres feministas e independentes. 

“Unha escribe ou repítese interiormente estas afirmacións, e son certas, pero a realidade da maioría de nós nesta sociedade machista e patriarcal é outra ben distinta. Reafirma constantemente o de que nos pode pasar. Non hai perfís de vítimas, polo tanto a lectura que fago é que case nada muda en relación á violencia machista: parece que avanzamos un paso e acontece algo que nos da a sensación de que retrocedemos tres. Por iso é tan necesario coñecer estas historias de mulleres que eran e sentían coma nós, que viviron aquí ao lado, de lembralas e celebralas”, reflexiona Helena Torres. Coma ela, Miriam Ferradáns sinala que “ninguén está a salvo. Todas podemos ser víctimas, debemos loitar pola nosa dignidade e a das nosas compañeiras e debemos facelo sempre cunha ollada limpa e honesta, orgullosa e valente, como o era Sesé. Non haberá nunca maior legado que o dunha existencia vivida con intensidade e coherencia”.

“Todas podemos ser víctimas, debemos loitar pola nosa dignidade e a das nosas compañeiras e debemos facelo sempre cunha ollada limpa e honesta, orgullosa e valente”

Sesé Mateo foi, toda a súa vida, unha activista. E esa realidade deixou unha fonda pegada nos seus versos. Mais -advirte a xornalista Belén Puñal nun dos textos que pechan No camiño do vento, no que realiza unha análise sobre o tratamento mediático do asasinato de Sesé- poñer o foco en que era unha loitadora social, unha veciña querida e unha boa nai tampouco axuda. Porque -pregunta- Puñal, “e, se non o tivese sido?”. 

Porque -como din Helena Torres ou Miriam Ferradáns- calquera muller pode ser asasinada. E, como destaca Puñal, “mesmo asasinadas, as mulleres debemos demostrar que somos as vítimas perfectas”. A través de discursos que conlevan moitas veces, de modo explícito ou implícito, un elemento culpabilizador que, dunha ou outra maneira, responsabiliza a vítima. Que pasaría se ela non loitase? Por que, como se fixo en varias noticias sobre a súa morte, se subliña que ela “vencera” un cancro pero que a ela a “vencera” o machismo? “Tamén o machismo é algo que che toca vencer a ti mesma de modo individual?”, pregúntase Puñal. Cuestións que, tamén, formula este libro. Puñal achega, por outra banda, ao final do seu texto, unha reflexión que axuda a situalo nun contexto. O da “acción colectiva e política” que ten, neste caso, un efecto sandador, reparador. Xa que “repara as vítimas directas” mais tamén, en certo modo, repáranos “como sociedade”. Pois, como di Ferradáns, “a derradeira palabra de Sesé aínda non se pronunciou”.

Portada da web do proxecto, sesemateo.es © sesemateo.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.