"Un xornalismo que só ten a visión dos homes é un xornalismo torto"

Presentación da segunda edición de 'As mulleres que opinan son perigosas' © Deputación de Pontevedra

O vindeiro 1 e 2 de marzo Pontevedra acollerá a segunda edición do Encontro de Mulleres Columnistas As mulleres que opinan son perigosas, un foro que volverá analizar o papel das mulleres nos medios de comunicación e, sobre todo, nos seus xéneros de opinión, e que un ano máis está organizado polas xornalistas Diana López e Susana Pedreira. 

"O columnismo feito por mulleres non é un xénero, é unha mirada universal, exactamente igual que o feito por homes"

Chus Gómez, Lorena G. Maldonado, María Xosé Porteiro, Gemma Herrero, Carmen Magdaleno, Ana Requena Aguilar, Ana Romaní, Pepa Bueno, Irene Bascoy, Lucía Mbomio, Tati Moyano, Tareixa Navaza, Teresa Lozano e Zúa Méndez (Towanda Rebels) e Marta Sanz son as 15 convidadas nesta ocasión. Mulleres de diferentes xeracións e especialistas en ámbitos moi diversos. Pódese consultar aquí o programa completo. Falamos con Susana Pedreira sobre os obxectivos desta segunda edición, a recepción que tivo o encontro do ano pasado e preguntámoslle se algo mudou no xornalismo e na sociedade dende o pasado 8 de marzo.

O pasado ano o Encontro naceu como resposta a aquel Congreso de Columnistas de León integramente masculino. Sorprendeuvos a boa acollida e o impacto que tivo o foro de As Mulleres que Opinan?

A idea de organizar este Foro xurdiu, efectivamente, despois de ver como naquel Congreso de Columnistas de León inicialmente só convidaran a homes. Pero non foi unha reacción improvisada nin apresurada: queríamos ir máis aló da crítica e da indignación que sentiamos. A idea, ademais, era facer aquí un foro de vocación estatal, feito dende a periferia, porque non todo ten que facerse en Madrid ou Barcelona. E si, esperabamos que ía haber unha boa resposta, tanto na cidade coma nas redes sociais, pero o éxito que tivo o encontro superou as nosas expectativas. En canto rematou esta primeira edición tiñamos claro que debíamos organizar unha segunda.

"Un xornalismo que só ten a visión dos homes é un xornalismo torto, un xornalismo que esta sociedade non merece"

Iniciativas como a vosa abríronlles os ollos á moita xente, puxeron o foco sobre determinados temas nos que moita xente non reparaba, por exemplo sobre a ausencia de mulleres nas seccións de opinión ou en determinadas seccións dos medios. Credes que se conseguiu o obxectivo?

Nós non reivindicamos un columnismo feito por mulleres como un xénero en si, senón que demandamos un xornalismo exercido por homes e mulleres en igualdade de condicións, de xeito que unha persoa cando vai informarse reciba unha visión completa do mundo. Un xornalismo que só ten a visión dos homes é un xornalismo torto, un xornalismo que esta sociedade non merece. Sen ese 50% que falta, a sociedade está a perder moitos temas dos que os xornalistas varóns non falan. O columnismo feito por mulleres non é un xénero, é unha mirada universal, exactamente igual que o feito por homes. Na edición deste ano recollemos algunhas das suxestións que nos fixeron o pasado ano: por exemplo, reclamáronnos que tratásemos a ausencia de mulleres na opinión no xornalismo deportivo, e por iso este ano vai participar Gemma Herrero, que ten moita experiencia neste campo. Ou tamén nos dixeron que sería interesante falar do papel das mulleres negras, e nesta segunda edición teremos a Lucía Mbomio.

Algo cambiou no xornalismo e na sociedade dende o 8 de marzo do pasado ano?

Si que houbo cambios, tanto no conxunto da sociedade como no que respecta unicamente ás mulleres e ás mulleres xornalistas. Sobre iso reflexionaremos na primeira xornada, analizando algúns das mudanzas introducidos nos medios: creáronse, por exemplo, figuras como a correspondente de xénero, no caso de El País, ou a redactora de xénero, no caso de Eldiario.es, Ana Requena Aguilar, que participará nas xornadas. Tamén participará o colectivo de Xornalistas Galegas, que naceu nos últimos meses. E Marta Sanz, autora de Monstruas y Centauras, fará unha análise das cousas que cambiaron e as que aínda non.

Como foi a reacción dos homes, sobre todo dos xornalistas, ao Encontro celebrado o pasado ano?

Temíamos unha reacción negativa por parte dos compañeiros varóns, temiamos que se sentisen excluídos ou atacados. E a realidade foi a contraria: tivemos un gran apoio por parte dos homes, que foron case a metade dos asistentes. No último ano notamos moito respecto por parte deles e atopamos moitos aliados, precisamente porque entenderon que o que facemos é loitar por un xornalismo mellor, non por un xornalismo para mulleres. Por suposto, houbo casos, sobre todo por parte dalgúns xornalistas veteranos, que reaccionaron mal, con artigos de opinión moi críticos, porque viron ameazada a súa parcela de poder.

"As mulleres estamos moito máis expostas cando damos a cara a través dun artigo. As columnistas reciben críticas feroces, son miradas con lupa, sobre todo a través da rede"

Por que hai tan poucas mulleres nas seccións de opinión dos medios? Que ten que cambiar para que isto mude?

O que ten que cambiar é que o exercicio de poder no que consiste escribir opinión ou dirixir un medio ten que comezar a equilibrarse. Un dos factores que determinan que tan poucas mulleres escriban opinión é que a maioría dos directores dos medios seguen a ser homes e que escribir opinión é un exercicio de poder e o poder segue a ser masculino. Por iso cando unha muller escribe opinión moitos homes se senten ameazados, porque ven ameazado o seu poder.

Hay algún outro factor que explique esta fenda de xénero?

Hai outro factor importante e é algo que teño comprobado en min mesma. Moitas veces convídanme a escribir opinión en medios, sempre o penso moito e acabo dicindo que non. As mulleres estamos moito máis expostas cando damos a cara a través dun artigo, tanto as novas coma as máis veteranas. Ás mulleres que opinan esíxeselles un dominio absoluto da materia sobre a que escriben ou falan, algo que está ben, pero que non se lle esixe do mesmo xeito aos homes. As columnistas reciben críticas feroces, son miradas con lupa, sobre todo a través da rede, con comentarios que en moitos casos chegan ao insulto persoal, con referencias sexuais ou meténdose co seu físico. Os homes son máis ousados, decídense máis facilmente a escribir porque non son tan cuestionados. A min gustaríame ser máis ousada, pero se non é un tema que domine á perfección, finalmente rexeito opinar, precisamente polo medo ao que pode vir despois.

"Non queremos que os pequenos avances que se conseguiron queden en algo anecdótico ou nunha moda violeta"

Como ten que ser este 8M?

Teñen que consolidarse os pequenos pasos que se foron dando no último ano. Necesitamos seguir gañando espazo e seguir gañando voz. Non queremos que os pequenos avances que se conseguiron queden en algo anecdótico ou nunha moda violeta. Queremos que o feminismo chegue para quedar, que non se limite a nichos creados nos medios para falar de determinados temas, senón que sexa transversal nos medios de comunicación, e que todos os temas se aborden a través dunha visión feminista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.