O presidente defende “30 anos” de traballo do PP galego contra o machismo
“Sen emprego non hai igualdade”. Así puxo o foco este martes, un día despois das mobilizacións do 8M, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no mercado laboral como elemento clave para a igualdade de mulleres e homes. Un aspecto no que el mesmo salientou como principal medida do seu Goberno nos últimos meses a “decisión inédita de crear a Consellería de Emprego e Igualdade” ao tempo que defendeu os “30 anos” de traballo do PP galego en favor da igualdade das mulleres.
Foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, quen centrou nas medidas da Xunta en favor da igualdade a súa pregunta de control parlamentario ao Goberno galego. Fíxoo salientando que se coa pandemia do coronavirus en Galicia hai menos taxa de paro feminina é porque “15.600 mulleres deixaron de ser poboación activa e pasaron a facer labores de coidado no seu fogar porque non hai servizo públicos suficientes”.
"A súa gran contribución foi utilizar a figura de Pardo Bazán para branquear o franquismo", criticou Pontón en referencia ao intento de celebrar o 8M da Xunta no Pazo de Meirás
“No ano en que moitas mulleres arriscaron a súa saúde para coidarnos, vimos como se cuestiona o seu dereito a manifestarse este 8M”, engadiu, reprochando ao PP que se apoie en Vox para “abonar o terreo para culpar ás mulleres dunha cuarta onda” da pandemia. E en referencia directa ao presidente Feijóo afeoulle que “a súa gran contribución foi utilizar a figura de Pardo Bazán para branquear o franquismo”, en referencia ao intento de celebrar o 8M da Xunta no Pazo de Meirás.
A resposta de Feijóo foi acusar a Pontón de “ter moita cara” ao, segundo a súa opinión, intentar presentar o BNG como único defensor da igualdade. O presidente defendeu as políticas en favor da igualdade do PP en Galicia nos últimos “30 anos” e, ao tempo, censurou que Pontón sexa das deputadas máis veteranas do Parlamento: “Vostede era deputada antes ca min, e agora parece que é a novidade da política galega”, dixo o presidente. Pontón sentou por primeira vez nun escano da Cámara en febreiro de 2004, máis dun ano despois de que Feijóo fose nomeado conselleiro tras ser previamente alto cargo da Xunta desde 1991, o momento ao que el mesmo se remontou para defender as políticas do PP en materia de igualdade.
Caballero lamenta que o presidente non responda ás súas propostas e Feijóo respóndelle que non lle pediu ningunha entrevista
Na sesión de control deste martes o portavoz socialista, Gonzalo Caballero, lamentou que o presidente non responda ás súas propostas, como a que lanzou na anterior sesión para que a Xunta contribúa con fondos públicos galegos a rebaixar as peaxes na AP-9 ou como a petición para que se reúna cos líderes da oposición para negociar a recuperación económica de Galicia. “Máis de seis meses de goberno e o voceiro do PSdeG non recibiu nin unha soa chamada nin houbo unha soa reunión”, criticou Caballero.
“Vostede non me pediu ningunha entrevista, vostede fixo unhas valoracións nos medios de comunicación, que son cousas distintas”, foi a resposta do presidente, que lembrou que a oposición acordou co PP a creación da comisión de estudo para a recuperación que se creou no Parlamento e pediu esperar a que remate os seus traballos “e despois se lles parece poder vernos no formato que consideren oportuno”. Tras esa contestación, Caballero interpretou que Feijóo “xa recúa das súas propias verbas cando asegurou que estaba disposto a reunirse cos voceiros dos grupos” e atribuíno a que “o PP ten unha situación moi complicada” e Feijóo está “preocupado por Bárcenas”.