Nun 8M marcado desta vez pola pandemia, a folga convocada en Galicia co gallo do Día Internacional da Muller por parte da CIG e da CUT tivo un seguimento desigual segundo os sectores, aínda que unha valoración "positiva" por parte das centrais, conscientes da importancia de manter vixente a reivindicación laboral malia a COVID e uns servizos mínimos que consideran "abusivos".
CIG e CUT, convocantes da folga, denuncian os "abusivos servizos mínimos" na sanidade, o ensino ou os coidados
Os dous sindicatos nacionalistas convocaron un paro nun 8M no que CCOO e UGT decidiron non optar pola folga. Tanto a CIG como a CUT denunciaron xa desde primeira hora eses "abusivos servizos mínimos" decretados en sectores como o sanitario ou o de coidados e que, segundo din, excederon por moito a actividade que se establece para un festivo ou un domingo.
De feito, as dúas centrais advirten de que os esaxerados servizos mínimos "impostos" en ámbitos como o da sanidade, os servizos de atención ou o ensino "impiden facer folga" e derivan nunhas porcentaxes de seguimento escasas, aínda que meritorias pola situación.
Así, segundo os datos da Xunta, o seguimento do paro do 8M na administración autonómica e nos seus entes adscritos situábase ao mediodía en algo máis do 4,3%, sendo do 2,4% na educación, do 3% no Sergas e de case o 10% na Xustiza.
Con todo, desde a CIG destácase a "combatividade do feminismo de clase" nunha xornada na que piquetes do sindicato percorreron xa de madrugada varios polígonos industriais como o das Gándaras, en Porriño, ou acudiron a hospitais como o Álvaro Cunqueiro, de Vigo, en "solidariedade" polos "servizos mínimos abusivos" que impediu a moitas mulleres secundar o paro e como "recoñecemento" ao seu traballo, sobre todo durante a pandemia.
O seguimento do paro foi importante nalgunhas industrias da comarca de Vigo ou en varios centros de telemárketing de diferentes cidades
Segundo a central nacionalista foi nalgunhas industrias da comarca, como Alonarti, Penscanova, Denso, Borgwarner ou Plastic Omnium, onde houbo un "amplo seguimento" da folga feminista, xunto con outras empresas como Treves Pontevedra, onde terían secundado o paro o 60% das traballadoras.
O seguimento da folga tamén foi "importante" na planta de Inditex en Narón, en varios centros de telemárketing de Lugo, Vigo ou A Coruña ou na factoría de Leite Celta en Pontedeume.
No comercio de alimentación e no téxtil, segundo os sindicatos, a incidencia do paro é "menor que en anos anteriores" aínda que os efectos da folga si se puideron ver en tendas como a de Stradivarius na praza de Lugo da Coruña, pechada, ou en supermercados como o Eroski do centro comercial das Termas en Lugo, cun importante seguimento.
Ademais, o seguimento tamén foi considerable nalgunhas administracións locais e nalgunha residencia privada de maiores.
Ao tempo, a CIG convocou 31 mobilizacións en cidades e vilas de toda Galicia, evitando grandes aglomeracións e levando a cabo "columnas de mulleres, garantindo a distancia interpersoal de máis de metro e medio e usando máscara de protección", tal e como se comprobou nas marchas desta mañá en varios puntos.
A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, advertía xa antes das mobilizacións que "os dereitos das mulleres non poden ficar confinados", polo que urxía "agora máis que nunca saír á rúa para exixir medidas reais contra a precarización das condicións de vida e visibilizar e frear o detrimento das condicións laborais, de saúde, económicas e sociais derivadas desta crise”.
Xa á tarde, a valoración do seguimento do paro por parte de Corral foi "positiva", máis aínda, dixo, "tras os abusivos e intempestivos" servizos mínimos decretados e a afectación da pandemia. "Non só pola situación económica ou polo medo, senón porque o propio sistema nos empurra a uns coidados que non todas podemos deixar de facer", asegura Corral, que destaca que o obxectivo da "visibilización" do espazo baleiro que na esfera produtiva deixan as mulleres foi conseguido e que "milleiros" puideron saír ás rúas grazas aos paros convocados durante a mañá do 8M.
Por outra banda, CCOO e UGT levaron tamén a cabo pola mañá concentracións e animaron as mulleres a participar nas mobilizacións que se desenvolveron xa pola tarde.