“Facilitar este tipo de manifestacións é unha decisión de alcance e de facerse ten que cumprir estritamente todos os controis sanitarios” fronte ao coronavirus, di o presidente
O artigo 21 da Constitución Española recoñece o dereito de reunión e establece que “nos casos de reunións en lugares de tránsito público e manifestacións darase comunicación previa á autoridade, que só poderá prohibilas cando existan razóns fundadas de alteración da orde pública, con perigo para persoas ou bens”. Malia que as manifestacións non requiren de autorización e só en casos excepcionais se poden prohibir, este xoves o presidente Feijoo insistiu en atribuír ao Goberno central a potestade de autorizar ou non as manifestación polo Día Internacional da Muller do 8M de xeito xenérico para todo o Estado pero, ao tempo, el mesmo non se pechou a permitilas se cumpren “todos os controis sanitarios”.
Feijóo reclama ao Goberno de España “que concrete cal é a súa decisión” para todo o Estado e “se as manifestacións do 8M están prohibidas para toda España”
Preguntado pola decisión da Delegación do Goberno en Madrid de prohibir as manifestacións nese territorio, o presidente galego reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez “que concrete dunha vez cal é a súa decisión” para todo o Estado e “se as manifestacións do 8M están prohibidas para toda España”. “É unha decisión do Goberno central, é o que permite facer manifestacións”, insistiu o presidente, Licenciado en Dereito.
Feijóo preguntouse “se o Goberno aprendeu dunha autorización neglixente que foi a que se produciu o 8 de marzo de 2020”, unha semana antes do establecemento do estado de alarma para loitar contra o coronavirus. “Ese foi un dos grandes erros do Goberno central, autorizando manifestacións masivas”, incidiu.
“Nós temos moi claro que desde o punto de vista sanitario, nun estado de alarma con toque de queda, facilitar este tipo de manifestacións é unha decisión de alcance, e de facerse ten que cumprir estritamente todos os controis sanitarios”, concluíu o presidente sen pecharse a que se celebren ese tipo de actos.