O presidente amósase emocionado no Parlamento na defensa da súa xestión persoal “á altura” da pandemia fronte á “lixeireza” da oposición e a “ocultación” do Goberno central
“Por que se lle restou importancia á primeira vaga de marzo? Porque había que celebrar o 8 de marzo? Por que non se toman medidas como noutros países europeos? Quizais porque hai que celebrar a toda costa unhas eleccións en Catalunya?” Uns minutos despois de comezar amosando a súa emoción, case saloucando, a súa comparecencia este mércores no Parlamento de Galicia, o presidente Feijóo cargou directamente contra o Goberno central e persoalmente contra o seu titular, Pedro Sánchez, co que se reunirá este venres en Madrid tras semanas de especial protagonismo buscado nos medios de comunicación estatais.
A decisión premeditada de Feijóo de cargar contra Sánchez, que o recibirá na rolda de encontros que comezou o luns co lehendakari Urkullu, non derivou do habitual acaloramento dos debates parlamentarios, nas réplicas e contrarréplicas tras a intervención do resto de partidos. O ataque iniciouno o propio Feijóo pouco despois de comezar a súa comparecencia para dar conta da súa xestión da pandemia amosando emoción ao ler mensaxes que lle chegan ao móbil con cada falecemento e antes de dicir que non estaba a pedir “apoio persoal ou emocional, que tamén cabería”. “Entre un aplauso que non pedimos e a crítica sistemática hai espazos para a lealdade”, chegou a dicir noutro momento.
Feijóo pedirá a Sánchez máis vacinas que outras comunidades porque en Galicia hai máis persoas maiores e que diga cando deben ser obrigatorias as máscaras FFP2, que el considera necesarias no transporte público
“Nin décadas de experiencia preparan para afrontar con enteireza o que vivimos”, dixo, para asegurar que el mesmo en persoa vén dando conta da pandemia “coa maior transparencia da que fun capaz”. Pola contra, engadiu, “ningún gobernante está á altura se se esconde nos peores momentos” agochándose “en voceiros que mitiguen o desgaste propio”.
Feijóo non quedou en relacionar as marchas feministas do 8 de marzo do pasado ano, unha semana antes da declaración do estado de alarma, coa evolución da pandemia en todo o Estado ou en censurar que o ata agora ministro de Sanidade, Salvador Illa, deixe o cargo para ser candidato do PSC en Catalunya. Nada dixo de que el mesmo substituíse hai catro meses o conselleiro de Sanidade ou prescindise por dúas ocasións durante varios meses da pandemia de varios altos cargos con funcións na loita contra o virus para que puidesen facer campaña pola súa candidatura nas eleccións galegas.
Pero si deu eco ás fake news que atribúen ao coordinador dos epidemiólogos estatais, Fernando Simón, minimizar a importancia das novas cepas do coronavirus: “As novas cepas non van ser marxinais, como se nos dixo inicialmente”, asegurou Feijóo, malia que Simón non dixo iso iso, senón que non tiveron relevancia para o aumento de contaxios do pasado Nadal porque aínda non estaban moi estendidas. O presidente chegou a dicir que "o comité clínico de Galicia non ten trampas, o comité clínico de España está cheo de trampas".
Pontón reclama a Feijóo e Sánchez que "deixen a improvisación e acheguen solucións e Caballero certifica o "fracaso" da "estratexia de salvar o Nadal"
O presidente avanzou tamén que na súa reunión con Sánchez deste venres pediralle que analice se "debería facerse obrigatorio o uso de máscaras FFP2", máis caras que as sanitarias ou de tela que tamén están permitidas actualmente pero que el considera que deben ser esixidas por exemplo no transporte público. Igualmente tamén reclamou que Galicia reciba máis vacinas porque ten poboación de máis idade e que o Goberno central poña axudas para a hostalería salientando os millóns que segue a achegar a Xunta ao sector. Díxoo nun discurso no que asegurou que “crear falsas expectativas non se corresponde coa relación que debe haber entre un goberno e un pobo maduro”.
Na súa réplica a líder do BNG, Ana Pontón, á que Feijóo acusou de actuar con "lixeireza" por supostamente querer un confinamento total "desde marzo", reclamou que tanto Sánchez como Feijóo “deixen a improvisación e acheguen solucións” e acusou ao primeiro de estar “facendo campaña” en Catalunya e ao segundo de “non anticiparse” á pandemia. Pontón tamén acusou a Feijóo de asumir o argumentario "da extrema dereita" de que o virus se estendeu polas manifestacións do 8-M. Desde o PSdeG o seu portavoz, Gonzalo Caballero, certificou o “fracaso” da “estratexia de salvar o Nadal” e criticou a “política do anuncio continuo” de Feijóo do que dixo que lle gusta “poñerse as medallas cando as cousas van ben”.
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, citou un informe da Universidade de Santiago que di que “a crispación agrava a pandemia” e gabou a Feijóo por "prestixiar" o debate parlamentario fronte aos portavoces da oposición "que o degradan".