Feijóo, Pedro e o lobo

Feijóo e Pablo Casado, o pasado 18 de decembro de 2020 nun acto do PP na Coruña © PP

Nalgunhas das adaptacións máis populares da fábula de Pedro e o lobo, a historia consiste en que o pequeno pastor chanceaba coa veciñanza alertándoa de que o lobo estaba a atacar as ovellas malia non ser certo, só por rir deles. Na ocasión en que o ataque do lobo si se producira, os veciños xa estaban tan escaldados que ignoraron a alerta, dando por feito que, como nas anteriores, non era certa. [A obra orixinal conta unha historia diferente]

Na política galega da última década houbo unha alerta, agoiro ou chamada de atención que, a forza de ser reiterada e non chegar a virar en realidade, acabou por pasar desapercibida, a xeito de ruído de fondo: "Feijóo marcha a Madrid"

Na política galega da última década houbo tamén unha alerta, agoiro ou chamada de atención que, a forza de ser reiterada e non chegar a virar en realidade, acabou por pasar desapercibida, a xeito de ruído de fondo. "Feijóo marcha a Madrid" díxose moitas veces, en referencia ás aspiracións do actual presidente da Xunta na política estatal como líder do PP. Estivo a piques de acontecer, pero o certo é que ata agora, non chegou a pasar. 

Dende aquela tarde da primavera de 2018 nun hotel compostelán -nunca acabada de explicar por completo- na que Alberto Núñez Feijóo anunciou solemnemente que non optaría a suceder a Mariano Rajoy nun escenario que semellaba concibido para todo o contrario, os agoiros sobre a carreira madrileña de Feijóo foron quedando relegados nos argumentarios do resto de formacións políticas. Entre outras razóns, porque algunhas das líderes que lanzaran tal prognóstico si acabaron chegando a cargos no Estado, caso por exemplo da actual ministra de Traballo, Yolanda Díaz, na súa etapa como deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE).

Encontro de Feijóo e Casado na feira turística FITUR, hai un ano, antes da pandemia © PP

O argumento rompeu de tanto usalo, relegado ao lugar dos ruídos de fondo. E nisto pasou outra lexislatura, chegou unha pandemia, celebráronse as eleccións máis excepcionais da historia da autonomía e o PP sumou a cuarta maioría absoluta consecutiva con Feijóo -e a Xunta- como máximo emblema e a dirección estatal de Pablo Casado aparecendo apenas o mínimo imprescindible

Tras lograr a cuarta maioría absoluta Feijóo non renunciou a actuar na escena estatal, senón todo o contrario, mentres na súa contorna máis próxima se producían relevantes movementos

Malia todo isto e malia ao lema electoral que Feijóo axitou cara a aquel 12X (Galicia, Galicia, Galicia), o xefe do Goberno galego non renunciou, nin de lonxe, a seguirse movendo na escena política española. Ben ao contrario. Dende a confrontación pola xestión da pandemia co Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos -antes e despois das eleccións- ata múltiples aparicións en medios de comunicación de ámbito estatal, xa sexan diversos xornais ou populares espazos televisivos matinais

Mentres todo isto sucedía, tamén pasaban cousas na Xunta e na súa contorna. Por exemplo, a creación dunha Vicepresidencia segunda para o conselleiro de Economía, Francisco Conde, con enorme ascendencia dende o círculo máis próximo ao presidente. Pero tamén a remuda de históricos altos cargos veteranos do fraguismo e unha moi significativa mudanza no equipo da Presidencia da Xunta, a de Lucas Martinón, director xeral de Comunicación. Martinón, asesor de referencia de Feijóo dende os seus días de conselleiro e vicepresidente de Manuel Fraga, saíu da voráxine diaria da Xunta o pasado novembro, cara a ningún outro posto no Goberno.

Pedro Sánchez conversa con Feijóo durante os actos conmemorativos polo Día da Constitución, o pasado 8 de decembro CC-BY-SA Xunta

Hai quen, dende os corredores de San Caetano, se esforza en lembrar que nestes movementos mediáticos e políticos non hai casualidades, eleccións ao chou -como case nunca os houbo- ou pasos á reserva de pezas clave na contorna de Feijóo. Voces que suxiren que, se cadra, cumpriría reler o conto de Pedro e o lobo polas páxinas nas que a veciñanza oe a voz do pequeno pastor como quen oe chover cando, nesa ocasión, a alerta da chegada do lobo si era realidade. Non vaia ser que haxa demasiados ollos ollando cara a onde non corresponde. 

Hai voces que se esforzan en lembrar que nestes acontecementos non hai casualidades e cren preciso ollar con atención movementos e palabras como as de Feijóo no mitin con Casado que acabou tendo repercusión polas máscaras e un cribado de PCR

Xunto a esa lectura, cren, non sobraría tampouco reler as palabras de Feijóo en intervencións como a que pronunciou nun acto de partido, con Pablo Casado, a mediados de decembro na Coruña. Naquel mitin, que acabou tendo repercusión por motivos ben diferentes -un cribado de PCR a todos os asistentes por mor do positivo da conselleira do Mar e peticións de explicacións polos momentos en que Feijóo e Casado se desprenderon da máscara-, o presidente da Xunta falou, sobre todo, en clave estatal. Tanto para cargar con dureza contra Pedro Sánchez ou Pablo Iglesias como para proclamar, ante un Pablo Casado inédito en tarefas de Goberno, que para aspirar a gobernar hai que "acreditar experiencia".

Polo momento, calquera movemento orgánico no PPdeG está paralizado aínda que os seus principais cargos, a comezar pola propia presidencia autonómica do partido, xa cumpriron o seu prazo máximo de catro anos -Feijóo foi reelixido por última vez no congreso de maio de 2016-. A finais de 2020, a dirección do partido aludiu á pandemia para situar o conclave nun horizonte indeterminado deste 2021. No interludio, como é habitual, os tirapuxas internos oficialmente non existen alén dalgunha faísca ocasional, como as recentes críticas do alcalde de Friol contra o conselleiro do Medio Rural.

Mentres, a nivel estatal, o liderado de Casado tería que volver pasar polo referendo interno en 2022, e xusto despois comezará un ciclo electoral que, se segue os ritmos ordinarios, finalizaría en 2024 cunhas novas eleccións galegas. Todo un mundo, dadas as actuais circunstancias, no que se as manobras exploratorias non frutifican sempre poderá afirmarse que foron moitos os que auguraron que "Feijóo marcha a Madrid" sen chegar a atinar. E, se chegase a suceder, sucedería con menos alertas previas ca nunca. Ninguén quere xa arriscarse a ser Pedro, o que dicía que viña o lobo cando en realidade non viña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.