O pasado sábado, a conselleira do Mar comunicaba que viña de dar positivo por coronavirus. Nos días previos, Rosa Quintana asistira a un consello de ministros de Pesca en Bruxelas (ata o xoves 17) e a un mitin do PP na Coruña (o venres, día 18). O domingo, asistentes ao acto dos populares, dende membros do partido a xornalistas que o cubriron, foron chamados polo Sergas para realizaren probas PCR por mor do positivo de Quintana.
Gonzalo Caballero insta a Feijóo a explicar por que o Sergas fixo un cribado de PCR entre asistentes ao mitin do PP "se non houbo risco" e se o houbo, "por que non fixo corentena"; o presidente da Xunta reitera que non foi contacto estreito da conselleira do Mar
Un dos sometidos a ese test foi Alberto Núñez Feijóo, que deu negativo. A últimas horas do domingo, a Xunta confirmaba que o presidente retomaría con normalidade a súa axenda de actos presenciais. O luns, o propio Feijóo afirmaba que non iniciara unha corentena porque non fora "contacto estreito" de Quintana e atribuíu á "precaución" a realización de probas PCR por parte do Sergas aos asistentes.
Nesas declaracións, ademais, o líder do PP en Galicia amosábase disposto a "pedir desculpas, se hai que pedilas" por non usar máscara ao carón de Pablo Casado nun intre do acto. Esa ausencia de máscaras, como reflectiron as fotografías publicadas por Nós Diario, El País ou a axencia Europa Press, produciuse tamén durante un paseo de Feijóo e Casado polos exteriores do recinto, no coruñés monte de San Pedro, antes dun posado no que si as puxeron tras seren advertidos por membros da propia formación política.
Todas estas circunstancias estiveron presentes este mércores na derradeira sesión de control do ano. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou a Feijóo a "explicar" o "protocolo que seguiu" tras "saber que compartiu un acto pechado" cunha persoa que deu positivo por coronavirus e ser sometido a unha PCR. Segundo o líder socialista, cómpre aclarar a razóns do cribado entre os asistentes ao acto do PP "se non houbo risco" e se o houbo e esa é a razón das probas, "por que non fixo corentena".
Feijóo retrucou advertindo de que dispón dun dossier "cheo de fotografías que me pasa o gabinete, dos líderes do PSdeG e do BNG sen máscara en actos públicos"
Na súa resposta, o presidente da Xunta considerou que Caballero non cuestionaría o acontecido se "repasase os protocolos" e as diferenzas "entre contacto e contacto estreito". Segundo a súa versión, a conselleira Quintana, como calquera "viaxeiro que volve a Galicia, fixo unha PCR". "Asistiu a un acto sen a PCR aínda diagnosticada e, cando tivo o resultado da PCR" como positivo, relatou, "chamamos aos xornalistas e a todas as persoas" asistentes ao mitin para sometérense a test da COVID-19.
Coas súas dúbidas, acusa, o que demostra o líder do PSdeG é "descoñecer practicamente todo en torno á pandemia" e, en calquera caso, ameazou, el mesmo dispón dun dossier "cheo de fotografías que me pasa o gabinete dos líderes do PSdeG e do BNG sen máscara en actos públicos", as cales dixo preferir non amosar no pleno. Ao mesmo tempo, a conta do PP galego en Twitter publicaba algunhas desas imaxes, de actos electorais do PSdeG durante a campaña de xullo.
A PCR e o positivo da conselleira, despois do mitin
No entanto, como publicou Europa Press e puido confirmar Praza.gal, a propia Xunta admitiu tras a sesión parlamentaria que, en realidade, a proba na que Quintana deu positivo foi posterior ao mitin, xa de volta en Galicia. E a razón pola que tivo que someterse a ela non foi a viaxe, senón un positivo na súa contorna persoal.
O protocolo vixente sinala como contacto estreito dunha persoa infectada "estar a menos de 2 metros" e "durante un total acumulado de máis de 15 minutos en 24 horas" sen medidas de protección adecuadas
Fronte ás dúbidas expresadas por Caballero, Feijóo coida que o acontecido fica aclarado á luz dos protocolos. Así, exemplifica, "se un deputado desta Cámara dá positivo nunha PCR, o lóxico é facer unha PCR, pero non corentenalos a todos" por non seren contactos estreitos. O vixente protocolo do Ministerio de Sanidade (que o Sergas aplica) considera que se produce un "contacto estreito" cunha persoa infectada cando "se proporcionaron coidados sen as medidas de protección adecuadas" ou "se estivo no mesmo lugar que a persoa enferma a menos de 2 metros e durante un tempo total acumulado de máis de 15 minutos en 24 horas, sen as medidas de protección adecuadas".
No que vai de lexislatura, varios membros do Parlamento e do Goberno galego tiveron que someterse a corentenas por contactos con positivos. Ata o momento, non foi realizado cribado masivo ningún entre deputados por esta razón.