O pasado venres, o PP celebrou no restaurante do monte de San Pedro da Coruña un acto baixo o lema Menos impostos, máis investimentos, formalmente centrado nos fondos europeos de reconstrución e no que, non obstante, os discursos centrais, de Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado, estiveron centrados nas críticas ao Goberno de España pola súa xestión da crise da COVID-19. Nas intervencións houbo oco tamén, por boca de Feijóo, para recuperar a tese segundo a cal o Executivo do PSOE e Unidas Podemos contribuíu a agravar a pandemia cunha "chamada masiva" a participar nas mobilizacións feministas do 8M.
Na súa intervención, Feijóo recuperou a tese segundo o a cal o Goberno de España contribuír a agravar a pandemia cunha "chamada masiva" a participar nas mobilizacións feministas do 8M
No transcurso do acto, Feijóo e Casado cruzáronse a moi escasa distancia cando o presidente da Xunta non portaba máscara, porque a quitara para falar, e así estiveron uns segundos. Durante a fin de semana, informacións e imaxes como as publicadas por Nós Diario, El País ou a axencia Europa Press constataron que non foi ese o único momento en que ambos dirixentes estiveron preto un do outro sen máscara. Tamén o fixeron, cando menos, ao saíren ao exterior do edificio co obxectivo de posaren para as cámaras, un breve paseo no que o equipo do partido os advertiu de que non portaban máscara malia ser obrigatorio, momento no cal as puxeron.
Unha das participantes no acto foi a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que o sábado pola tarde comunicaba que, na mañá dese mesmo día, dera positivo por coronavirus nunha proba PCR. Durante a xornada do domingo, o Servizo Galego de Saúde contactou coa práctica totalidade de asistentes ao mitin, incluíndo xornalistas, para lles realizar ese mesmo test. Un dos que se someteu á proba foi o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que deu negativo e que non fará corentena porque, xustificou este luns non é "contacto estreito" de ninguén que dese positivo. Ademais dixo estar disposto a "pedir desculpas" pola cuestión das máscaras "se hai que pedilas".
Feijóo sostén que non foi "contacto estreito" de ningunha persoa contaxiada, suposto no que os protocolos estipulan corentena, e indica que as PCR ás persoas asistentes ao acto do PP foron realizadas por "precaución"
Segundo os protocolos vixentes tanto no Ministerio de Sanidade como no Servizo Galego de Saúde, un "contacto estreito" é "calquera persoa que estivese no mesmo lugar" que unha persoa con positivo confirmado, "a unha distancia menor de 2 metros e durante máis de 15 minutos sen as medidas de protección adecuadas". Eses mesmos protocolos estipulan unha corentena de 10 días para os contactos estreitos, mesmo se a primeira PCR dá negativa. Sería tras un segundo negativo, no décimo día, cando finalizaría esa obriga de illamento.
Asegura Feijóo que el non se atopa nese caso por non ser contacto estreito. Máis aínda, acrecentou este luns a pregunta da prensa, as probas PCR foron realizadas por "precaución". Ao seren negativas e non haber "contactos estreitos", non é preciso "cumprir a corentena". En caso contrario, matiza, "se houbese contactos estreitos ou positivos", si terían que "corentenarse". Así, este luns Feijóo retomaba a súa axenda de actos presenciais e o mesmo sucedía con Pablo Casado. Alén da cuestión da existencia ou non de contactos estreitos, Feijóo reduce a uns "segundos" o tempo sen máscara. En calquera caso, mantén que non ten "inconveniente en pedir desculpas, se hai que pedilas", segundo declaracións que recolle eldiario.es.
As desculpas e explicacións a respecto do acontecido foran reclamadas dende os dous grupos da oposición parlamentaria. Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, "non se pode apelar ao sentidiño, como fai o señor Feijóo, e despois facer posados fotográficos co señor Casado sen gardar a distancia de seguridade e sen máscara. É toda unha mostra de irresponsabilidade", considera a líder nacionalista, de cuxo punto de vista "todos podemos equivocarnos", pero non "dar mostras de irresponsabilidade" e "frivolidade", sinala Pontón, quen ademais desexa "unha pronta recuperación" á conselleira do mar.
Ana Pontón (BNG): "Non se pode apelar ao sentidiño, como fai o señor Feijóo, e despois facer posados co señor Casado sen gardar a distancia e sen máscara"
Por parte do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, aproveitou a súa intervención no debate das emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais de 2021 no Parlamento para facer un chamamento á "responsabilidade" dos cargos políticos no seguimento da normativa contra o coronavirus e no cumprimento de medidas como o uso de máscara. "As contas da Xunta son tan cribles como Feijóo e Casado sen máscara falando de sentidiño e de prudencia”, ironizou o líder socialista.
Na contorna de ambas formacións dáse por seguro que o balbordo político e mediático sería moito maior se os protagonistas das imaxes, no canto de Feijóo ou Casado, fosen os propios Pontón ou Caballero ou outros dirixentes nacionalistas ou socialistas. O PP, pola súa banda, reiterou durante o propio domingo que no transcurso do acto foron respectadas as distancias de seguridade e medidas como a hixiene ou a capacidade máxima do local onde se celebraba o mitin.