Feijóo acusa o Goberno de España de agravar a pandemia cunha "chamada masiva a participar" nas manifestacións do 8M

Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado, o 18 de decembro de 2020 nun acto do PP na Coruña CC-BY-SA PPdeG

O presidente da Xunta e do PP asegura que houbo unha "falta estrepitosa de funcionamento do sistema de alerta epidemiolóxica" despois "coroada cunha chamada masiva a participar naquelas coñecidas manifestacións"

A fin de semana do 7 e o 8 de marzo foi plenamente normal en Galicia. Toda a actividade económica e de lecer desenvolveuse sen limitación ningunha, o mesmo que actos institucionais, mitins de precampaña, eventos deportivos e as manifestacións feministas do 8M, entre moitas outras actividades. No entanto, as mobilizacións feministas foron as máis recorrentemente sinaladas dende ámbitos da dereita como supostas causantes de contaxios do coronavirus e culpables de que a pandemia se disparase de vez no conxunto do Estado.

Aínda que as investigacións posteriores evidenciaron que as causas do espallamento foron múltiples e non é posible atribuír aquel repetino empeoramento a unha soa -no caso galego, por exemplo, sinalouse as viaxes dende Madrid ou os contaxios entre persoal sanitario-, esta tese aínda ecoa nalgúns foros políticos. Así volveu suceder este venres, nun acto organizado polo PP na Coruña e encabezado por Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado.

Críticas de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno de España pola súa xestión da COVID, este 18 de decembro na Coruña © PP

O presidente da Xunta e líder dos populares galegos dedicou un amplo treito da súa intervención a cargar contra o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, o cal denomina como "socialpopulista". "Tivemos a mala sorte de afrontar un dos momentos máis tráxicos co Goberno máis inexperto, máis sectario e peor avido posible", laiouse antes de relatar os que, ao seu xuízo, son algunhas das mostras da súa mala xestión ante a COVID-19.

Así, sinalou Feijóo, naquelas primeiras semanas ficou clara, ao seu xuízo, unha "falta estrepitosa de funcionamento correcto do sistema de alerta epidemiolóxica" do Ministerio de Sanidade. Esta, asegurou, foi despois "coroada" coa "chamada masiva a participar naquelas coñecidas manifestacións", en referencia ao 8M, que sinalou como paso previo a un "fiasco" na distribución de material sanitario. O presidente galego non abondou, en todo caso, na relación que, ao seu xuízo, existe entre estas cuestións.

Eloxio da "experiencia" antes de gobernar

Feijóo advirte ante Casado de que antes de gobernar cómpre "acreditar experiencia"

Segundo Feijóo, eses acontecementos contrastan co seu propio Executivo, o do PP de Galicia, e a súa "capacidade de xestión". Ante Pablo Casado, o titular da Xunta reiterou en diversas ocasións que aos gobernos "hai que chegar despois de acreditar experiencia". Esa, asegura, é a razón pola que os populares gañan en Galicia, toda vez que non hai ningún cidadán "masoquista, que vote para prexudicarse".

Na súa quenda, Casado non aforrou eloxios cara a Feijóo, o "mellor presidente da Xunta", a quen atribúe logros como que "aquí, en Galicia, a xente decide a que colexio leva aos seus fillos", "se avalía como van os nenos que estudan" ou "as linguas son unha riqueza, non unha dificultade". A respecto da pandemia, dixo, "a Xunta ten todo o apoio do PP nas medidas que se tomaron" por ser "valentes, responsables, ponderadas" nun contexto no que, malia ás cifras das últimas semanas, mantén que "a segunda vaga afectou" a España "máis que a ningún outro país de Europa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.